O cortexo cívico de Pontedeume festexa os 160 anos da estadía de Rosalía en Breamo

H. J. P. REDACCIÓN / LA VOZ

PONTEDEUME

Claudio Rodríguez Fer, recitando a Pimentel na praza da Angustia de Pontedeume, na edición do cortexo do ano pasado.
Claudio Rodríguez Fer, recitando a Pimentel na praza da Angustia de Pontedeume, na edición do cortexo do ano pasado. Fernando Bellas

Creadores galegos participan este 17 de maio nun percorrido histórico, poético e cultural pola vila eumesa

17 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Pontedeume organiza un ano máis o cortexo cívico que conmemora a tradución ao galego en 1373 da Crónica troiana de Benoît de Sainte-Maure feita polo capelán Fernán Martís a petición de Fernán Pérez de Andrade, o Bo. Da man do Ateneo Fernán Martís, nesta edición, ademais, festexan o 160.º aniversario da estadía de Rosalía de Castro en Breamo. Alí chegou en agosto de 1864, acompañada de Manuel Murguía, na procura dos aires do mar para curar unha afección pulmonar da poeta. Pararon Manolo e Rosa —como «era o trato familiar entre eles», lembra o deseñador Pepe Barro, un dos responsables do ateneo— nunha vivenda con patín na que se escoitaba a moenda do muíño, o rechouchío dos pardais, o balbordo da aldea e a corrente do río Breamo, como contou despois Murguía nun artigo publicado en 1881. Con estas dúas efemérides na cabeza, o cortexo percorrerá as rúas eumesas este venres, 17 de maio, cun vizoso programa.

O roteiro, que evoca os lugares dos creadores en Pontedeume, partirá ás 12.00 horas do xardín de Lombardero, onde o académico Xosé Luís Axeitos participará na plantación dunha figueira filla da que medra en Padrón ao pé da Casa da Matanza. Deseguido, a poeta Silvia Penas lembrará —co seu sentido do verso oral e escénico— o recital que Uxío Novoneyra deu en 1960 no torreón dos Andrade. Xa no mercado municipal, deseñado por Antonio Tenreiro en 1942, os arquitectos Covadonga Carrasco e Xoán Creus falarán de espazo social e memoria na arquitectura, de non esquecer as pegadas do pasado para mellor construír o futuro.

Na próxima rúa de Santiago, no número 5, onde Xohana Torres chegou con 25 anos como encargada da oficina de Telégrafos, será a quenda da escritora Teresa Moure, cuxa obra se ergue no compromiso cos feminismos, a ecoloxía e a nación, lembra o ateneo. A só unhas poucas casas de alí, no portal número 1, a actriz e directora teatral Casilda Alfaro evocará a figura de Galo Salinas, figura clave do teatro galego no Rexurdimento, que puxo escola na vila eumesa, nunha estancia na que escribiu algunha das súas pezas dramáticas.

O escritor Xavier Alcalá glosará despois a difícil vida dos protestantes no franquismo, á que dedicou unha triloxía novelística, para cuxa escrita o testemuño de Manuel Molares foi crucial. Será na rúa Inmaculada 5, inmoble que acollía o comercio de Molares. Para abordar ao erudito Couceiro Freixomil, ante a casa en que naceu, en Santo Agostiño 9, estará Manuel Vilar, director do Museo do Pobo Galego.

O editor e poeta Miguel Anxo Fernán Vello evocará a figura de Ramón Regueira, amigo de Manuel María e Novoneyra e poeta inédito.

Dores Tembrás, poeta e editora, fará o propio con Ramiro Fonte fronte á súa casa da infancia na praza da Angustia, mesmo espazo, no cruceiro, en que o poeta Xulio López Valcárcel recordará os veráns eumeses nos anos 50 do lugués Luís Pimentel.