Javier Guerra salienta as oportunidades do mercado turco para as empresas galegas decididas a medrar

Canal Voz A CORUÑA

FIRMAS

A Rede PexGa conta cunha oficina en Istambul para axudar ás pemes galegas na súa expansión

16 may 2012 . Actualizado a las 13:59 h.

O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, salientou hoxe as oportunidades de negocio que ofrece o mercado turco para as pemes galegas que plantexan estratexias de crecemento no eido internacional, na inauguración da xornada sobre oportunidades de negocio en Turquía organizada pola Confederación de Empresarios de Galicia coa colaboración do Igape.

O titular de Economía e Industria destacou o especial interese do mercado turco para Galicia, na súa aposta pola internacionalización como clave para o crecemento empresarial, de xeito que a Consellería incluíu Istambul na Rede Pexga de 14 Plataformas Empresariais no Exterior, que a Xunta está a desenvolver coa colaboración da Confederación de Empresarios de Galicia. Algúns dos sectores máis atractivos para as empresas galegas, polo seu forte desenvolvemento en Turquía, céntranse na automoción, materiais de construción, enerxía ou medio ambiente.

Javier Guerra salientou que dentro da estratexia de internacionalización da Xunta o obxectivo é incrementar o censo global de pemes galegas exportadoras, un labor de expansión que a Consellería apoia cun plan integral a prol da internacionalización ao que ten destinado 76 millóns de euros, na lexislatura, multiplicando por catro as aportacións feitas á internacionalización da empresa galega con respecto a finais do anterior período de Goberno.

Guerra aposta por seguir incrementando as cifras de crecemento exterior

Guerra insistiu en que cómpre seguir aumentando as cifras de crecemento exterior e lembrou que o volume das exportacións galegas superou o obxectivo fixado pola Xunta para 2013, cun aumento de 3.575 millóns de euros desde 2009. Cómpre destacar tamén que a meta fixada pola Xunta é incrementar en 700 novas empresas o volume de compañías que exportan. Na actualidade, avánzase neste fin e Galicia conta xa con 5.373 empresas exportadoras, un 11% máis que ao comezo da lexislatura.

Para trasladar aos empresarios interesados as posibilidades de Turquía contouse coa participación de directivos de dúas empresas que xa exportan a Turquía, Egatel e Pavestone, que falaron sobre a súa experiencia neste mercado ao que exportaron, segundo os últimos datos de 2010, 175 empresas galegas.

A xornada sobre Turquía enmárcase dentro dos puntos de encontro da Rede Pexga en Santiago, para dar a coñecer ás empresas galegas a realidade e expectativas dos mercados de potencial interese para Galicia, tendo en conta que a Comunidade exportou a Turquía produtos por importe de 361 millóns de euros, o que supón un 8,1% das exportacións españolas, cunha evolución positiva desde 2009, multiplicando por 2 o valor das exportacións.