A Curota, un mapamundi activo

FIRMAS

26 oct 2012 . Actualizado a las 15:30 h.

Un non cansa nunca de subir á serra, ese dinosauro descomunal que asume promesas panorámicas no seu lombo largacío. E sempre, mentres sobes, paseniño, axiña se albisca a gloria das alturas. A serra invita. Dende o miradoiro da Curotiña, coa paisaxe a che entrar polos ollos nunha caricia de vida, a éxtase adquire un punto de prodixio. Aquí, nesta parcela para o lecer, perfectamente acondicionada, un fica de pedra coma ese Valle-Inclán que agora, inmortal, musga os ollos por tras dos quevedos para acadar toda a paisaxe da ría e a filigrana das súas costas. É doado imaxinar o ilustre escritor inventando o mundo dende este mapamundi activo, coa súa figura lambida de bohemias, envolto nunha zamarra de alta copa, o chambergo, a gravata de seda encarnada e a barba abrancazada. Nesta altura se cadra argallou a xeografía da súa identidade literaria, esa Viana del Prior que, coma unha cuncha marabillosa, inza melancolías enfrontadas alá no fondo da memoria. Aquí, a case 400 metros sobre o nivel do mar, a proximidade da costa faiche apalpar a vertixe coma se estiveses nun balcón elevado, e, privilexiado por este instante aéreo, comprendes que o arrepío no corpo nada ten que ver co nordeste esperto que zoa nos piñeiros un tremelicar de frouma.

Vista da ría de Arousa desde o miradoiro da Curotiña FOTo SIMÓN BALVÍS