O castiñeiro de Pamuk e o xacemento de Coeses

La Voz

FIRMAS

PRADERO

11 jun 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

se ao Ministerio de Fomento se lle ocorrese pasar a autovía a Santiago polo medio do Cemiterio de San Froilán, unha necrópole que ten 68 anos, os lucenses poñeriamos o grito no ceo por tal barbaridade. Con todo están en perigo de destrución unhas necrópoles de 3.000 anos e salvo catro asociacións e parlamentarios do BNG que se ocuparon do asunto nos parlamentos de Galicia e Madrid, ninguén di sobre esta cuestión esta boca é miña.

A crise que padecemos non só é económica, de liderado, ética, e dunha serie de valores, senón tamén de solidariedade e de defensa do comunitario, do público, do que nos pertence a todos. Recentemente o escritor turco Orhan Pamuk, premio Nobel de Literatura, recordaba nun artigo sobre o autoritarismo que na súa autobiografía Estambul, escribía sobre como vivía a súa familia nos pisos que formaban parte do bloque de apartamento Pamuk en Nisantasi:

«Diante deste edificio erguíase un castiñeiro de 50 anos, que afortunadamente segue alí. Pero un día, alá por 1957, o Concello decidiu cortar esa árbore co fin de ensanchar a rúa. Os impertinentes burócratas e os autoritarios gobernadores fixeron caso omiso da oposición do vecindario. Así que o día en que se supoñía que ían tallar a árbore, o meu tío, o meu pai e o resto da familia pasáronse o día e a noite enteiros na rúa, turnándose para defendelo. Desta forma protexemos a nosa árbore, pero tamén creamos un recordo compartido que a familia enteira aínda rememora de bo grado e que nos une a todos».

O relato vénnos como anel ao dedo para explicar o que ocorre co conxunto arqueolóxico do castro Valente en Coeses, que «os impertinentes burócratas e os autoritarios gobernadores» queren destruír. Pero contrariamente ao que ocorreu coa árbore de Pamuk, que segue existindo porque no seu día a defendeu unha familia, as necrópoles da Idade do Bronce de Coeses están condenadas a desaparecer pola inacción dunha sociedade adormentada e compracente co poder, e dicir, «cos impertinentes burócratas e os autoritarios gobernadores».

Bótase en falta a autorizada voz do colectivo de arqueólogos que hai en Lugo, do Museo Provincial, do Museo do Castro de Viladonga, do de Prehistoria de Vilalba, do Servizo do Arqueoloxía do Concello, dos profesores de Historia da Facultade de Humanidades, do rimbombante Instituto de Historia da Cidade, do Departamento de Historia Antiga da Universidade de Santiago, do Consello da Cultura Galega, do Instituto Padre Sarmiento do CSIC, da Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, da Real Academia Galega, do alcalde de Lugo, dos grupos políticos que están no Concello e dos lucenses que teñan un mínimo de aprecio polo seu pasado.

¿Será posible que non nos sintamos avergoñados ante un atentado destas características? ¿Será posible que co noso silencio nos convertámonos en cómplices das irresponsables accións dos «impertinentes burócratas e os autoritarios gobernadores».

Adolfo de Abel Vilela. Académico Correspondente da Real Academia da Historia, vicepresidente da asociación LugoPatrimonio.