O exdelegado da SGAE confía en que a xustiza o repoña no seu posto
16 jun 2013 . Actualizado a las 06:00 h.Juan Carlos Fernández Fasero (A Arnoia, 1969) está dende hai varias semanas no centro dunha polémica que o convertiu durante un tempo nun dos protagonistas máis buscados. Superado o desconcerto inicial, Fasero mantén abertas as liñas de actuación no eido xudicial para reclamar que se considere nulo o seu despido como responsable da Sociedad General de Autores (SGAE) para Galicia, Asturias e Cantabria e, ao mesmo tempo, está xa traballando en novos proxectos no que, insiste, sempre foi o seu hábitat natural: a música e a produción.
-¿Cal é a súa situación na actualidade? ¿En que está a traballar?
-O meu obxectivo prioritario neste momento é a reivindicación dos meus dereitos diante da SGAE e o proceso para demandar que se declare nulo o meu despido. Houbo unha conciliación o pasado día 4, á que non se presentou a SGAE e só mandou a un avogado, e temos ata o día 20 para presentar a nosa demanda. Pola documentación e por como se desenvolveron os feitos estou convencido de que o despido vai ser considerado nulo.
-¿E profesionalmente?
-Aínda que soe a tópico é complicado pasar pola administración ou por un cargo de confianza se non es funcionario. Eu agora non podo voltar ao mundo no que sempre estiven, na produción e en proxectos empresariais vencellados coa música, porque hai un prazo legal que mo impide. Se fose funcionario non habería problema para voltar ao meu traballo. Realmente acceder a un posto na administración, dende fóra, é un risco pola situación complexa na que logo te ves envolto.
-¿Voltará á súa faceta creativa ou implicarase de novo na xestión e produción?
-O meu mundo é a música. Pode dicir, con orgullo, que durante toda a miña vida vivín da música, sexa como artista ou nas tarefas de xestión.
-¿Ten algún proxecto en mente?
-Traballo nun novo disco, ou como se lle queira chamar porque agora os soportes son moi variados e as alternativas moitas, con doce cancións. Marcará unha nova etapa na miña carreira porque é un disco de cancións, nada que ver co feito ata o de agora, que se enmarcou no eido do folk. Será algo en plan british e teño que recoñecer que me sinto moi ilusionado co proxecto.
-O seu paso pola Agadic converteuno nunha das persoas máis criticadas ¿o problema estivo nos recortes ou na súa visión do proxecto?
-O verdadeiro problema está no sector cultural. Eu fun partidario, e manteño a postura, que é preciso producir menos e distribuir e xestionar mellor ¿que importa crear moitas obras de teatro, editar moitos libros e discos ou filmar moitas películas se logo non chegan ao espectador ou non lle interesan ao público? Daquela é mellor producir menos e distribuir e comercializar mellor o noso produto. E, en todo caso, hai que lembrar que eu estiven na Agadic, é dicir na Asociación Galega das Industrias Culturais, e iso é do que se trataba, de crear industria e afortalar o sector para xerar riqueza coa cultura.
-Roberto Varela confesou nunha ocasión que nunca se imaxinara o panorama que se ía atopar como conselleiro, con diferentes colectivos e asociacións para unha misma cousa.
-Roberto Varela foi o mellor conselleiro de Cultura ata o de agora e tiña toda a razón do mundo. É o que eu chamo o leirismo cultural de Galicia.
juan carlos fernández fasero músico