«Villa-Lobos. A new way» reinterpreta ao autor brasileño
02 oct 2013 . Actualizado a las 07:00 h.Baixo o título Villa-Lobos. A new way, Alberto Conde e Carmen Durán, xunto cos músicos Nirankar Khalsa, Kin García e Miguel Cabana, que contaron coa colaboración de J.R. Bustamante, presentan unha investigación en clave reinterpretativa da figura do compositor brasileiro Héitor Villa-Lobos. Os concertos de presentación serán o día 17 na Coruña e o 19 en Vigo.
-Dicían na presentación que este disco tende unha nova ponte entre Galicia e Brasil.
-É unha primeira toma de contacto coa figura de Villa-Lobos, un modernista brasileiro que triunfou en París e que non foi recoñecido en Brasil ata que triunfou en Europa. É contemporáneo de Ravel, Debussy e tamén Modigliani e Picasso. Carmen Durán, J.R. Bustamante e eu tivemos un encontro a través da música brasileira e a cousa pintaba ben, así que iniciamos un proxecto ambicioso.
-¿Non triunfou ata chegar a Europa?
-Viaxou de novo a París convencido de que a súa música sería escoitada e ía gustar. A verdade é que lle foi moi ben porque chegou nunha época de aperturismo, de romper coa música romántica, de aquel encorsetamento, sinfonismo e lied que tanto triunfaba no século XIX e tamén no XX. De volta en Brasil, foi apoiado polo ditador.
-¿Que se atopará a xente neste disco?
-É unha especie de modernismo traído á música actual, que mira a tres mundos, a tres estilos musicais. Logo de dous anos veu a luz este gran traballo de tanta investigación. O obxectivo principal é a unión de tres mundos musicais: o modernista, o jazz e a percusión africana e hindú. Non estaba experimentado en Galicia e en España unha das poucas persoas que o fixo foi Paco de Lucía interpretando a Manuel de Falla. É unha reinterpretación da súa obra, non unha homenaxe porque iso sería interpretar as súas partituras.
-¿É accesible a todos os públicos?
-É accesible para todos aqueles que teñan un mínimo de interese e de sensibilidade musical. É un disco que se escoita moi ben, é pop, jazz e música clásica. É popular, ten tamén temas líricos e outros case bailables, no aspecto da danza. O que fixen foi respectar a base de Villa-Lobos pero reinterpretar os temas cara á actualidade.
alberto conde músico