Sen acta de concelleiro, Rivera segue exercendo de vixía de Foz, e do PSOE
02 mar 2014 . Actualizado a las 07:00 h.Alcalde de Foz durante 16 anos e secretario xeral local e comarcal do PSOE, José María García Rivera xubilouse da política local no 2012, sendo edil da oposición. Encarou unha nova etapa vital dedicada á familia e agora traballa nunha empresa do sector agrario. Está aprendendo a tocar o acordeón e canta habaneras co grupo Mar Aberto. Revélanos que está preparando a segunda parte do libro "Á sombra dun castiñeiro" que levará por título "Campos de Xan Amor".
-Despois de ser tan mediático, ¿por que está tan calado?
-Hai que vivir os tempos e deixar facer a quen ostenta agora a responsabilidade. Outra cousa é que teñas de acordo.
-¿Cal foi o último consello que lle deu a Castiñeira (alcalde)?
-Cando foi aquel plan de axuste para pagar a provedores. Díxenlle que levabamos 16 anos desquitándonos dos préstamos e que non estabamos dispostos a meternos nun préstamo onde había que pagar 300.000 euros de intereses... Non me fixo caso.
-Pero o plan non prosperou...
-Porque a oposición o rexeitou.
-¿Ten pena de non poder facer algunha obra?
-Nós levantamos moitas edificacións, pero desgraciadamente este equipo de goberno non levantou un só ladrillo. E había unha obra que tiña que facer inmediatamente que era a residencia de maiores, esa residencia que nos empezamos coa entrega dos terreos á consellería. Parecéronlle pouco os 30.000 euros da Deputación a este goberno, que os devolveu. ¡Que collan agora exemplo de Ribadeo!
-Agora que anda metido tamén a hostaleiro, ¿segue defendendo que A Mariña pode vivir do turismo todo o ano?
-Pode ser, pero tal e como o están plantexando non. O sector non se pon de acordo (..) Temos que ir todos a unha, unidos.
-¿Que é o que falla?
-As persoas. Por intereses particulares ou ideoloxía diferente non nos damos posto de acordo. Sempre lle dixen ao PP, cando me atacaban, primeiro: acabar a autovía do Cantábrico, e despois, imos facer o ramal Barreiros-San Cibrao-O Vicedo. Esa é a auténtica autovía do Cantábrico. Pero agora, ninguén di nada. Me temo que todo o mundo está de acordo con potenciar Lugo cidade, o hospital de Lugo, as autovías cara a Lugo... e vainos pasar como cando mei pai vivía, que imos ter que ir a Lugo ata para sacar unha moa.
-¿Por que a maioría dos políticos actuais non se implican?
-Para min están antes os cidadáns e o pobo que o partido. E téñome levantado de reunións con conselleiros (..) Pero hai outros que non se atreven, son políticos de pacotilla, que teñen medo a que os cambien. Antes tiñamos políticos reivindicativos e agora políticos peloteros, andan facendo a pelota a ver se os meten nunha lista.
-¿Que lle parecería que Jaime Cancio (Unifoz) fora candidato do PSOE nas municipais?
-Unha persoa que se foi dun partido sin que o botara ninguén, que montou unha lista, que non quixo pactar un goberno progresista porque quería ser o alcalde... ¿e agora quere volver ao partido socialista? Está claro. Non hai nin coherencia nin disciplina e ausencia total de credibilidade. Agora ben, ?doctores tiene la Iglesia?.
-Si el liderara o PSOE, ¿cabería outra lista electoral en Foz?
-Se iso ocorre, abriría a porta a cabreos importantes dentro da nosa organización, e non se descarta que iso desemboque noutra lista para as municipais, por non sentirnos representados.
-En novembro do 2012, a Xustiza desestimou o recurso da Xunta contra o Concello, no que se pedía anular 40 licenzas para máis de 2.000 vivendas, ¿como recibiu o fallo xudicial?
-Ninguén sabe o que é ter a todos en contra, salvo aos compañeiros socialistas de corporación. Incluso algún membro do PSOE a nivel local revolveu moito con esta historia. Tiven que ir contra o propio partido, contra o presidente da Xunta, entón Touriño, e contra a conselleira Caride, porque me dicían que anulara as licenzas. Se lles fixera caso, hoxe estaría sin patrimonio ningún do pouco que teño e, ao mellor, entre rexas. Porque estou seguro que aquelas persoas ás que lle sacarámos as licenzas íanas recurrir, e o fallo sería o mesmo. ¿Quen as ía indemnizar despois? Para min foi a maior alegría. Fomos uns chivos expiatorios do Concello de Barreiros; quixeron dar unha lección. Pideuse a cabeza de Foz.. Non se destrozou nen un metro cadrado de litoral. Pero eu creo que a miña persoa xa empezaba a molestar. Había unha sección do partido enfadada...
-Nos últimos tempos, o PSOE perdeu a Ceferino Díaz, a Roel..
-Acórdome cando fun buscar á casa a Roel para ser candidato. Realmente, non iamos buscar a Roel, íamos buscar á súa muller. ¡Cousas da vida! Pero ela díxonos que estaba na súa historia e entón, falamos con Roel. A súa morte foi unha noticia moi triste. Era un loitador nato. Ceferino era outra persoa que só sabía traballar. Son dúas perdas importantes, pero non son as únicas. Eu faría un exército democrático de socialistas da comarca que agora están alonxados do partido. Persoas moi válidas. Os cidadáns queren persoas preparadas, con carreiras, pero tamén humildes. A xente pide seriedade, honradez e transparencia.