O plan municipal de emprego beneficiou a 32 empresas e 44 veciños no último exercicio
24 oct 2014 . Actualizado a las 05:00 h.Demetrio Salgueiro Rapa (Lago, 1971), economista, chequea o estado do concello que goberna como alcalde desde o ano 2007, os efectos que a crise que afecta ao país tivo sobre Xove, as súas fortalezas e asuntos pendentes, así como os proxectos de futuro nos que traballa o Concello para afianzar o seu tecido industrial, laboral e de infaestructuras e servizos aos veciños. A súa actividade profesional como axente de desenvolvemento local está vinculada ao Concello de Burela, de cuio persoal laboral fixo forma parte, aínda que agora está en excedencia. Un posto que asegura permitiulle coñecer de cerca a política local. «É gratificante cando saen adiante os proxectos que melloran a vida dos veciños», di. Recoñece tamén os «desgustos, cando loitas por un proxecto e tarda en sair, que se atrasa; tes que saber explicarllo aos veciños». Xove, cun censo de 3.497 habitantes é un dos municipios que maior número de servizos ofrece aos seus veciños. Salgueiro recoñece que mantelos «sería impensible sen ter en conta os ingresos que achega Alcoa, en torno ao 40 % de IAE, incluso máis se se ten en conta algunha outra partida».
-¿Cómo está Xove neste momento?
- Despues dunha crise que aínda estamos a sufrir parcialmente, creo que o Concello de Xove pasámola relativamente ben; temos o mal sabor que che da ver que hai xente en paro, aínda que en Xove un pouquiño menos, pero que nos afecta moito porque cada situación persoal é un drama, e é o peor de todo. A situación económica do Concello a nivel administrativo é boa, aínda que tivemos que facer axustes en partidas de gasto corrente, axustando consumos, aforro enerxético... máis ben incidindo na xestión e no modo de traballar. Esto fixo que non houbese que facer recortes en partidas importantes como servizos sociais, educación, cultura, axudas a asociacións, que seguen mantendo as cantidades e que fomos aumentando progresivamente, e creo que niso somos tamén unha referencia. Rondamos os seis millóns de euros de orzamento, e estamos a traballar intensamente nestes días nos do 2015, que sempre os aprobamos antes das vacacións de Nadal. Sempre nesa liña, de tratar de mellorar as infraestruturas, a calidade de vida dos veciños, pero sempre sen tocar o necesario que son as axudas ao estudo, os servizos sociais, as do plan de emprego municipal...axudar onde o necesita máis a xente é o obxectivo.
-Dentro deses orzamentos hai uns ingresos que son os que marcan a diferencia, os que aporta Alcoa as arcas municipais
- Diría que é esencial. Sería imposible entender os servizos, e eu que falo con alcaldes doutros municipios, envéxannos os servizos que temos, pero iso deriva dos ingresos que temos, sobre todo polo Imposto de Actividades Económica (IAE) de Alcoa. Representa en torno ao 40 % dos ingresos do Concello ou incluso algo máis, porque non só é o IAE, senón o IBI e algunha partida máis. Isto facilítanos ter uns servizos propios dun concello moito máis grande, e nós témolos para unha poboación de 3.500 habitantes. Sería impensable manter esa cantidade de axudas que temos, a asociacións culturais, deportivas, estudos, transporte para estudantes...bo, impensable, se non fose por eses ingresos que temos de Alcoa.
-¿Cómo son as relacións con Alcoa?
-Son unhas relacións cordiais. Boas. Participan connosco en moitos programas que se fan, e vímolo recentemente nas xornadas de seguridade e saúde laboral que se fixeron en Xove. Vímolo tamén estes días coa venda ao Concello de Xove dos terreos da baleeira de Morás e hai menos de dous anos cos terreos que serán para a creación do porto deportivo, que nos dous casos vendéronnolos por un euro. É unha boa relación, cordial, e ten que ser así, porque son veciños nosos, temos que fomentar esa relación e incidir en manter únha empresa moi importante para a provincia de Lugo, senón a que máis e por suposto para Xove; tamén incidir no emprego e seguir loitando para que teñan en conta aos seus veciños, os veciños de Xove.
-Levan anos cunha política de bonificación do emprego e de asentamento de empresas no seu territorio. ¿Hai moitos desempregados en Xove?
- Un desempregado xa é un drama, e aínda que en Xove o índice é un pouco menor que noutros concellos da zona derivada da actividade industrial de Alcoa, de Pescanova, que é unha empresa moi importante no municipio e que xera unha cantidade importante de empregos, as propias auxiliares de Alcoa, aínda así temos máis da cantidade desexable de desempregados. Por iso é polo que apostamos moi forte polo plan de emprego municipal. O ano pasado aumentamos a partida que lle destinabamos, aumentamos a bonificación de contratación dun desempregado de Xove; en función de se é muller a empresa ten 2.100 euros ao ano durantes tres anualidades e se é home 1.800 anos no mesmo periodo. E son axudas importantes porque case cubrimos custos da Seguridade Social da empresa que se suma ao plan. Duplicamos as cantidades iniciais para que puidese entrar máis xente e axudar tamén aos desempregados do municipio.
-¿E axuda?
-Axuda, si. No ano 2013 houbo 44 contratos realizados por conta allea, 44 persoas beneficiadas do plan de emprego municipal, dos que 33 eran mulleres e once homes. Tamén houbo 11 persoas que están de alta como autónomos que cobraron axudas do plan do Concello de Xove, 6 mulleres e 5 homes. En total, 32 empresas anotadas beneficiándose destas axudas ao contratar a estes traballadores. E este ano iniciáronse expedientes novos, que hai que sumar aos que veñen de anos anteriores, 13 contratos, sete de mulleres e seis de homes, e seis autónomos dados de alta de novo. é unha axuda importante, seguiremos potenciándoo, mandamos publicidade periodicamente ás empresasinformando destas axudas co fin de que cheguen ao maior número de desempregados de Xove e sexa unha axuda para eles e permítalles conseguir un posto de traballo, que é o obxectivo fundamental. É ou que máis preocúpame, Xove é pequeno, coñecémonos todos, as familias e desde o Concello tratamos de axudar na medida do posible, e seguiremos nesta liña, incluso aumentando as cantidades se é necesario. O ano pasado gastáronse máis de 70.000 euros.
demetrio salgueiro rapa alcalde de xove