Durham, punto de arranque do Camiño Inglés, quere contactar con estudantes galegos

La Voz

FIRMAS

A abadía de Finchale, onde comeza o Camiño Inglés
A abadía de Finchale, onde comeza o Camiño Inglés

03 dic 2014 . Actualizado a las 11:26 h.

O alcalde da pequena localidade histórica de Durham, nordeste de Inglaterra, ten un plan. Quere que os seus centros de ensino medio contacten con outros galegos «para que os alumnos falen entre eles, que intercambien experiencias aproveitando as novas tecnoloxías». John Robinson, que así se chama a máxima autoridade desa cidade erguida nun outeiro case que inaccesible rodeado por un ancho río, sabe quen é Elías Valiña e sabe tamén, claro, que no seu territorio, na abadía de Finchale, hoxe en preciosas ruínas, comeza o Camiño Inglés, o que mar por medio conduce a Compostela vía O Burgo, A Coruña, Ferrol e Neda. Porque en Finchale desembarcaban os peregrinos que antes subiran aos veleiros nos portos da Europa nórdica, países bálticos incluídos.

Durham, fundada no 995 e cun gran castelo normando, non queda de camiño a ningures, así que busca onde agarrarse para proxectarse no mundo. A súa universidade é a terceira en relevancia de Gran Bretaña tras Oxford e Cambridge, pero non lle chega, e está descubrindo o tirón do Camiño de Santiago. Unha ruta que en toda a súa dimensión espiritual inundou vai para trinta anos á británica Laurie Dennet, historiadora, amiga persoal de Elías Valiña, persoa agora con fortes raíces no Cebreiro e presidenta no seu día da Confraternity of Saint James, o equivalente no Reino Unido ás asociacións de amigos do Camiño de Santiago.

De maneira que Ruth Robson, responsable de márqueting da catedral de Durham, busca tamén contactos, pero neste caso coa basílica compostelá. A historia úneas. E, no fondo, se hoxe hai esas iniciativas a tres mil quilómetros de distancia é porque un crego de Sarria dedicou a súa vida a promover a peregrinación desde unha aldeíña minúscula da montaña de Lugo.