«Somos os fontaneiros do hip-hop»

FUGAS

Cedida

O dúo compostelán Boyanka Kostova acaba de editar «Nova canción galega», un traballo no que reivindican un lugar moi particular e netamente galego na explosión do trap nacional

29 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Apareceron no 2016. Tratábase dunha insólita proposta de trap en galego conectado coa orquestra chamada Boyanka Kostova. Pronto expandiu a fama e agora chega Nova canción galega, un disco que a súa discográfica presenta como «a obra magna o trap rural» e coloca a Cibrán García (Saibran Yiyi) e Chicho (O Chicho do Funk) como artistas a ter moi en conta. Fala o segundo.

­-Chama a atención que, centrando o peso no «trap» na promoción, o disco arranque cun tema de «rap» clásico. Por que?

-Como case todas as cousas que facemos, primeiro facémolas e logo lle encontramos un sentido. Nós fomos grandes consumidores de rap clásico e molaba bastante recuperar eses sons. A letra fala moito de nós. Pensamos que estaba ben empezar con algo que sorprenda e ao mesmo tempo nos represente un montón.

­-Son a extensión da liña que vai de Dios Ke Te Crew a Malandrómeda?

-Para nós son os máximos referentes do rap galego. É unha honra contar con eles para os nosos proxectos. Se, ademais, se pode dar a entender que somos a seguinte xeración, para min é un soño. Artisticamente son incribles e como persoas esa incredibilidade é moito maior. Para min son un espello no que mirarse precioso.

­-En «Profesional» din: «Se me queres levar, tes que pagar». Poñendo a venda antes da ferida?

-Pois si. Os nosos temas son fotos dun momento concreto e iso seguramente sería dalgún momento no que temos que reivindicar que somos uns currantes. A xente ás veces esquece que aos artistas tamén nos gusta comprar bistés no súper.

­-Hai moitos que os queren gratis?

-Non, porque a calquera persoa que expoña algo así non lle facemos caso. Non en plan flipado, senón polo mesmo motivo que ninguén chama a un electricista para que lle poña as luminarias gratis. Nós o mesmo, somos os fontaneiros do hip-hop.

­-Di que as cancións son fotos da súa vida. A min lémbrame a un piso de estudantes un pouco tolo.

-Bastante antes de facer este disco xa non estudabamos nin nada. Levamos traballando bastante tempo en música e outras cousas. Este disco leva feito moito tempo e ao mellor non tiñamos entón a mesma situación vital que agora.

­-Ou sexa que non estamos ante o tipo universitario posadolescente.

-Non, para nada. Cibrán foi á universidade dous anos e eu o mesmo. Logo empezamos cada un a buscarnos a vida. Exames, por sorte ou por desgraza, xa hai tempo que non os facemos.

-No seu libro do «trap» Ernesto Castro di que é o síntoma cultural dun país en crise. Está de acordo?

-Na música hai unha exaltación moitas veces dos cartos, do sexo e das drogas. Ao fin e ao cabo, son cousas de consumo rápido. Creo que é polo que vivimos. Ninguén da miña idade ten unha situación vital óptima, como podía ter a xente hai vinte anos. A xente pregúntase: para que traballar nun sitio oito horas ao día se pode estar na casa facendo musica? Se estamos en crise, por estar un pouco máis non vai a pasar nada [risas].

­-Non hai que perder?

-É que eu aos vinte anos deixei de estudar, con curros de carga e descarga, dando bolos ou tocando na rúa para poderme manter... Eu toquei con guitarras prestadas toda a miña vida. Que máis dará estudar económicas, vivir cos teus pais e non ter un can ou estar metido en casa facendo temas e non ter un can tampouco?

-Emprégase con vostedes a etiqueta «trap rural». Persoalmente, non atopo esa parte rural na súa música.

-É que tematicamente tampouco temos o típico do trap e, como facemos referencia ás orquestras e ás leiras, é fácil meternos aí. Seguramente hai xente facendo trap no Cebreiro que descoñecemos e que son máis rurais ca nós. Pero, vaia, creo que no imaxinario colectivo da música en Galicia non hai moita xente facendo isto. Nós somos bastante rurais.

­-Os seus textos son moi importantes. A xente que non entende o galego conecta con Boyanka Kostova?

-Si, porque a xente que non coñece o inglés conecta con Kendrick Lamar. Moitas veces hai un punto pailanístico de «en gallego no puedes ir a tocar por ahí que no te entienden». E iso cho di o pavo que estaba sentado contigo, sacaba ceros en inglés e ao que lle encanta Beyoncé.