Distopía en tempos de distópicos

Ramón Nicolás

FUGAS

@stillpablou

Ramón Nicolás analiza a nova obra de Antía Yáñez, unha novela de fronteira que dialoga con outras pezas da literatura universal

17 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Be Water, da escritora burelá Antía Yáñez, é unha distopía que se suma con acerto a outras propostas recentes na nosa tradición, como as que subscribiron no seu día Caride Ogando, Xabier Quiroga, Iolanda Zúñiga, Borrazás, María Alonso ou Xesús Constela, entre outras. Mais que pode distinguir esta das anteriores? Talvez o feito de acaroarse, como fixera Agustín Fernández Paz nalgunha obra célebre, ás claves que a converten nunha desas novelas cualificadas de fronteira e operativas para un lectorado amplo.

Dun ou doutro xeito, Yáñez manexa con habilidade as convencións do xénero e sitúanos, con efectividade, nun contexto distópico, que dialoga con outras pezas da literatura universal presentes na estrutura cuadripartita da peza A colmea, Utopía, Grandes esperanzas e A Odisea, onde a auga se converte no ben máis prezado no seo dunha ríxida estrutura social, inspirada no culto ao poder, na disciplina e na orde. A organización social é parella á das abellas, onde a xente vive en soterradas estruturas elípticas con minúsculos cubos hexagonais onde non hai máis ca unha raíña cos seus abázcaros e, logo, persoas que só deben traballar para sobrevivir.

Á marxe das peripecias vitais que se reflicten na protagonista da novela, Iolanda, acompañada da súa filla Lucrecia, en Fabián ou Aquiles, e que nela pairan sempre os recordos dun mundo distinto que evoca a través da figura da súa avoa, talvez haxa tres elementos a salientar que alimentan esta proposta: a conciencia das dificultades engadidas que a protagonista ten pola súa condición de muller e o exercicio da maternidade; a reflexión sobre o exercicio tiránico e omnímodo do poder, nesta ocasión a través da posesión dun ben tan necesario para sobrevivir como é a auga -ao tempo, a única moeda de cambio nesa sociedade- e, finalmente, a crenza en que na defensa da esperanza radica, sempre, a forza para sobrevivir.