Carvalho Calero, o trevo de catro follas que vén do esforzo

FUGAS

Carvalho Calero, o homenaxeado no maio más atípico da historia das Letras Galegas
Carvalho Calero, o homenaxeado no maio más atípico da historia das Letras Galegas PINTO&CHINTO

O protagonista das Letras Galegas move a dúbida xa coa grafía do seu nome: Carballo ou Carvalho? A poesía e o humor son parte do saber dun mestre que procuraba o abraio dende o compromiso

15 may 2020 . Actualizado a las 15:59 h.

O ano que celebra a Ricardo Carvalho Calero (Ferrol, 1910 -Santiago, 1990) non podía ir polo rego. O neno do Ferrol Vello que chegaría a ser o autor da primeira gramática sólida do galego, pioneiro e referente no estudo da historia da literatura galega contemporánea, ve recoñecida a súa pegada na primavera máis anómala. A súa escolla non foi sen tempo; este ano cúmprense os 110 do seu nacemento e os 30 da súa morte. Mais florecen as celebracións virtuais, recitais e concertos, para compensar o traslado do Día das Letras, debido á crise do coronavirus, a outubro. Carvalho Calero terá que agardar, pero desde unha longa véspera na Rede que o converte no autor máis dixitalizado da historia das Letras. Non semella un aceno irónico do azar?

 «Nacín na parte daquela vila que se chama Ferrol Vello e que era o primeiro núcleo, ao redor do cal se construíu despois a cidade actual», achegou en conversas con Carmen Blanco o autor que mudou a grafía do primeiro apelido de Carballo a Carvalho no ano 81. En Conversas con Ricardo Carballo Calero, que publicou Galaxia en 1989 e vén de lanzarse actualizado, Blanco recolle trinta horas de entrevistas co que fora o seu mestre de nena. «Esta edición revisada recolle libros póstumos, como o seu último poemario, Reticências, ou Umha voz na Galiza; el entregoume os artigos preparados para este libro pouco tempo antes de morrer», comparte a autora, que abrangue un percorrido de anos na vida e a obra de Carvalho. «Eu tiven a sorte de coñecelo como alumna de primaria no Colexio Fingoi, do que foi director en funcións, porque era unha persoa represaliada». «En plena ditadura, en 1950, creouse en Lugo aquel colexio mixto, con educación integrada no medio. A idea era ensinar aos nenos e ás nenas para a vida. Carvalho era un mestre esixente, que cría no esforzo, que explicaba as cousas máis complexas con claridade», conta Carmen Blanco. «El recoñeceume a persoa que sería. Tiven ese privilexio», valora, e lembra como no recreo o mestre esixente e serio cambiaba para dicirlles: «Por que non xogades a buscar trevos de catro follas?». «E cando investiguei de maior, cando xa tiña unha relación de amizade con el, ensinoume o seu libro O trevo de catro follas, un fermoso libro popular que deixou inédito antes de morrer», revela.

A chispa da curiosidade

«Carvalho Calero foi o primeiro que me puxo nas mans a Álvaro Cunqueiro», recorda Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega, que reflexiona sobre estender ao 2021 a homenaxe ao autor da novela Scórpio.

«Cando o coñecín, eu era un rapazolo que andaba pola Universidade, e dúas ou tres veces que tiven a oportunidade de falar con el, foi sempre cordial, pero era unha cordialidade distante. Daquela andabamos collidos -recorda- do realismo militante, a poesía social e a denuncia antifranquista, e ás veces rexeitabamos determinada literatura fantástica. Recordo que un día colleume pola facultade e puxo nas miñas mans Merlín e familia, e díxome: 'Mire, lea esto'. E quedei tan fascinado que quedei confuso!».

Carballo ou Carvalho? A grafía Carvalho para o apelido supón «as derradeiras vontades dunha persoa. El quixo ao final da súa vida chamarse así; mudou a ortografía de case todos os seus libros de creación», sinala Freixanes. «A Real Academia Galega homenaxea a súa figura histórica, a dedicación á cultura galega e a Galicia. Homenaxea a Carvalho Calero desde o Seminario de Estudos Galegos, que é cando empeza a incorporarse ao galeguismo, ata o seu falecemento, coas distintas etapas e momentos, coa súa creación literaria e coa creación como crítico e historiador da literatura», expón o autor de Cabalo de ouros, que persoalmente non comparte «a idea de que a salvación do galego estea no portugués». «A salvación do galego ten que estar no galego», considera.

Fernández del Riego, entre Carvalho Calero (dereita) e Álvaro Cunqueiro (esquerda), nunha imaxe tomada antes do estalido da Guerra Civil
Fernández del Riego, entre Carvalho Calero (dereita) e Álvaro Cunqueiro (esquerda), nunha imaxe tomada antes do estalido da Guerra Civil

Carvalho foi un profesor que prendeu «a chispa da curiosidade intelectual» en moita xente. Eu fun o seu alumno no 70, na Universidade. Estudei a súa Gramática elemental do galego común. Carvalho sachou nunha leira... O gran mérito del, tanto na historia da literatura galega contemporánea como na súa gramática do galego común, é que constrúe de cero unha ferramenta necesaria. Son encargos que lle fai o grupo Galaxia. A súa correspondencia con Fernández del Riego é reveladora, unha crónica das condicións en que construíu esa historia sólida da literatura galega contemporánea. É un monumento incrible de precisión, de fontes contrastadas», conta Freixanes.

Meticuloso, seguro e vangardista

O home era «meticuloso, ás veces obsesivamente meticuloso, pero isto transmitía seguridade. A súa entrega e disciplina no traballo cultural son conmovedoras», afirma Freixanes, a quen lle interesa a novela Scórpio, «máis como documento que como obra literaria», pero sobre todo a faceta de Carvalho Calero de grande historiador da literatura galega.

Mais é na poesía onde Carvalho, rosaliano dende neno, é máis el, onde fala máis consigo «e co tempo histórico. Nos seus poemas aborda a súa condición humana e a súa circunstancia. E ás veces non é fácil entrar...». Fronte a Fraguas, o homenaxeado o ano pasado nas Letras, Carvalho Calero «é un home pouco popular, que está na reflexión intelectual da lingua», considera o presidente da RAG.

Disque era un home irónico e festeiro entre amigos. «El era próximo segundo o contexto —matiza Carmen Blanco—. Era unha persoa respectuosa, na educación de tradición progresista republicana; que trataba de vostede mentres non se rompía o xeo, como regra de cortesía».

A elección de Carvalho Calero supuxo «a fin dun tabú no establishment cultural galego, no estado de cousas da cultura galega», afirma o escritor e académico da RAG Manuel Rivas. «Non é que houbese unha conspiración para marxinalo e convertelo nunha especie de personaxe esquecido e incómodo. Pero si houbo unha sucesión de circunstancias que o foron desprazando, marxinando. E dá moito que pensar nunha persoa con esa sabedoría enciclopédica que el tiña, que non cumpre o prototipo de underground, do maldito voluntarioso. El non quería quedar á marxe pero tampouco ir polo rego». O seu era unha «anomalía», «parece como se tivese funcionado unha especie de cainismo, que viría ser un símbolo de febleza dunha cultura que non resiste certa diversidade. E non hai cultura viva sen heterodoxia», manifesta Rivas, quen subliña o valor de Calero como o grande historiador da literatura galega, o compromiso vital ao longo fronte ao fascismo e a súa calidade como narrador e poeta. «A súa era unha poesía de vangarda, pero non de vangarda de cambiar o look na perruquería, senón de fondo e forma, coma as dúas caras do impulso creativo —observa quen apunta aos poemarios Futuro condicional e Pretérito Imperfeito—. Carvalho é unha fonte fértil, unha planta marabillosa. Oxalá sirva de exemplo hoxe para tender pontes dende a cultura e a lingua galegas».

«El seguía sempre os seus criterios, algún inamovibles. E fixo durante toda a súa vida política cultural dunha Galicia dona de si, que se amaba a si mesma», di Carmen Blanco.

Ferida e compromiso

A morte da súa nai, cando el tiña só 8 anos, foi a primeira ferida daquel neno grave do Ferrol Vello que viu os tranvías e a Manuel Murguía por primeira vez na Coruña, que chegou con 15 anos á Universidade en Santiago, para entrar en contacto co galeguismo e coñecer á que sería toda a vida a súa muller, María Ignacia Ramos. Carvalho Calero ingresou no Seminario de Estudos Galegos no 1927, e alí se relacionou con Filgueira Valverde, Lois Tobío ou Antonio Fraguas.

A segunda ferida foi a guerra, que o sorprendeu facendo a oposición en Madrid, onde estaban Castelao e Ánxel Casal. «Unha guerra civil é unha calamidade espantosa», cualificouna. «Os meus recordos (da guerra)  son, se cadra, como os recordos de todo aquel que non literaturizou nin ideoloxizou as súas experiencias». Tras o estalido da guerra, foi prisioneiro en Xaén, condena que lle privou de coñecer á súa primeira filla, Margarida (Magalí na casa) ata que ela tiña 5 anos.

«Humildemente, dentro de toda a miña literaria, como dentro de toda a miña actividade humana, procurei sempre moverme con absoluta independencia», díxolle a Carmen Blanco. «Era solidario pero con independencia de criterio. El era o compromiso solidario», achega ela. O trevo de catro follas que vén do esforzo, agochado no campo da disciplina rigorosa, procurando a sorte para nós, para Galicia.