A Xunta de Galicia impulsa un novo evento musical, que comezou o mércores e durará ata o domingo, no Museo do Mar de Galicia, en Vigo, con concertos en directo de oito artistas galegas que poderán ser seguidos de xeito presencial ou en streaming
04 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.Non se lle poden poñer portas ao mar, pero tampouco á cultura. Cada cal inunda e dá vida ao seu contorno, configurando un ecosistema dunha riqueza e variedade infinita. Mar e cultura danse a man no novo festival impulsado pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, que terá lugar ata o domingo no Museo do Mar de Galicia, en Vigo.
Mar da Cultura, que así se chama o evento, é un festival cen por cen galego, comprometido coa música, a lingua, a cultura segura e as artistas que apostan pola promoción do uso do noso idioma desde a súa creatividade.
Tamén é un evento cun marcado compoñente feminino. Sete das oito actuacións programadas son de mulleres.
O festival arrincou o mércores cun concerto de Ugía Pedreira. O xoves tivo lugar o espectáculo Mar de Mulleres, que reuniu a Felisa Segade (Leilía), Uxía, Guadi Galego e De Vacas.
Hoxe, ás 20 horas, será a quenda de Ailá, coa súa proposta de música galega de transmisión oral e popular.
As protagonistas do concerto do sábado (18 horas) serán Silvia Penide e Carla López, cunha proposta intimista e optimista na que ten cabida a música e a poesía, e que titulan Fagamos un bis.
O Mar da Cultura pecharase o domingo (18 horas) cun concerto do cantautor ourensán Emilio Rúa, que presentará un adianto do que será o seu novo disco, Lendas do Camiño.
Todos os concertos terán entrada libre e de balde ata esgotar a capacidade.
PLAN DE REACTIVACIÓN
A posta en marcha do festival Mar da Cultura enmárcase no compromiso da Xunta de Galicia por manter a actividade cultural de xeito seguro e apoiar novas fórmulas e formatos. Ese era un dos obxectivos do Plan de Reactivación do sector cultural fronte aos efectos da crise sanitaria provocada polo covid-19, que, cun investimento de 26 millóns de euros permitiu poñer en marcha, desde o pasado mes de abril, ao redor de 4.500 iniciativas de carácter cultural.
Como subliñaron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, no transcurso do acto de presentación do festival, o obxectivo é seguir dando «os pasos adecuados para que a cultura siga a ser un sector estratéxico no futuro de Galicia, e precisa dunha aposta decidida, clara e valente por parte das Administracións, da participación das industrias e axentes culturais e da complicidade da cidadanía».
Neste caso é o «mar de Vigo», recuncho atlántico elixido pola nosa lírica medieval para dar a coñecer a súa música e as súas melodías hai case sete séculos, o que volve a ser fonte de inspiración para que nel se dean cita algunhas das propostas musicais galegas máis sobresaíntes.
UN FOCO CULTURAL
O Museo do Mar de Galicia, xestionado pola Xunta, está a se converter, desde a cidade de Vigo, nun importante foco cultural, como así o demostra a intensa actividade desenvolvida durante este ano.
Nestes días, ademais do festival Mar da Cultura, tamén se estiveron a programar diferentes accións vinculadas ao 25-N, como a posta en escena da peza teatral Soa, de Rogelia dos Outeiros, a mostra Identidades latentes, configurada con creadoras galegas e dúas proxeccións da peza audiovisual Saberes de muller.
En canto ás exposicións, este ano comezou con Gotas de auga, unha exposición do surrealismo de Granell, a que lle seguiu Inventio Mundi. Galicia en los viajes transoceánicos. Siglos XV-XVII, unha mostra na que se amosaban as consecuencias que tivo para Galicia a expedición de Magalhães e Elcano, que partiu hai 500 anos.
Tamén se puido visitar este ano a mostra O sono cubano da emigración galega, que recollía a importancia e dimensión da comunidade inmigrante galega na Habana desde a primeira metade do século XIX. Así como as exposicións de Man de Camelle, con algunhas das súas esculturas e obxectos artísticos ou Facer Camiño, levada a cabo en colaboración coa Real Academia Galega de Belas Artes.
Unha necesaria oportunidade
Todos viron truncados os seus plans e as súas expectativas. Non houbo músico que este ano se librara de ter que redefinir os seus obxectivos. E, por suposto, á baixa. De aí que todos eles aplaudan agora iniciativas como o festival Mar da Cultura, impulsado pola Xunta, que ademais de permitirlles amosar o seu traballo, tanto en directo como vía streaming, posibilita facelo nun contexto e nun entorno moi especial.
UXÍA
Cando falamos con ela, ultimaba a selección do repertorio. Uxía é a única destes catro artistas que xa terá actuado no Mar da Cultura cando se publiquen estas liñas. Fíxoo onte, nun microfestival dentro do festival, que se chamou Mar de Mulleres e que reuniu, ademais da propia Uxía, a Guadi Galego, Felisa Segade (Leilía) e De Vacas. «Faime moita ilusión participar con todas elas porque son mulleres ás que quero moito. Vai ser seguro unha noite de moita complicidade», adiantaba.
Destaca Uxía a relevancia da presenza feminina neste evento. Sete das oito artistas ou grupos programados ou son mulleres ou contan con mulleres na súa formación. «Penso que é un reflexo do que está acontecer no mundo da música en Galicia. As mulleres por fin somos quen de facer escoitar a nosa voz e amosar todo o noso potencial. E non só na música. Tamén na poesía, no teatro, no cine... Na cultura en xeral».
Destaca Uxía a idoneidade do recinto escollido para este evento. «É interesante que os museos sexan algo máis que meros espazos expositivos», apunta. E neste sentido destaca o labor que está levando a cabo a súa directora, Marta Lucio. «A dirección dunha muller nótase», apunta.
Uxía tamén subliña a transcendencia de que nun momento como este as Administracións -neste caso, a Xunta- asuman o papel de dinamizador e motor da actividade cultural. «Semella que por fin dan un paso adiante. Aínda que nunca é suficiente, bo é que se faga, porque a música é un ben necesario e a xente ten fame de música».
A cantora de Mos vai aínda un paso alá e reclama unha sensata regulación dos aforos. «Ten que haber un equilibrio entre apoios puntuais, coma a organización deste festival, e medidas como a ampliación de aforos, sempre mantendo a seguridade, que permita que a iniciativa privada tamén poida organizar concertos».
AILÁ
Defínense como un proxecto artístico pensado para bailar e gozar da música galega de transmisión oral e popular dende un prisma moderno e contemporáneo. A formación está composta por Xan Pampín, Manuel Pardo, Ángela Carou e Abel Gañate. Xuntáronse a finais do 2019 e en apenas un ano de vida -e vaia ano!- xa teñen acadado fitos como a súa participación no festival Celtic Connections (Glasgow, Escocia) ou no Tradfest, así como a consecución do premio #InterritmosSonsNoRural, convocado pola Fundación Paideia.
Destaca Xan Pampín a importancia que para Ailá ten o formar parte de Mar da Cultura. «Para un grupo coma nós, que aínda está empezando, é practicamente imposible tocar en directo nun ano coma este. Só grazas a iniciativas así podemos manter a actividade».
Tamén subliña o feito de que a música galega de transmisión oral inspirada nos cantos de raíz estea presente neste tipo de eventos. «É unha das maiores riquezas do noso acervo cultural e unha das grandes apostas que Galicia ten para exportar».
Ailá interpretarán hoxe, ás 20 horas, unha selección de temas de recollida histórica vinculados aos diferentes camiños e rutas dos peregrinos.
SILVIA PENIDE
De entre os múltiples proxectos musicais que Silvia Penide mantén activos este ano, para o Mar da Cultura escolleu o que comparte con Carla López. Fagamos un bis, chámanlle. «Pareceunos moi apropiado porque é un proxecto que lle dá valor ao presente, celebra a vida e que saiamos adiante. É como unha minifesta», comenta.
Xuntas, en formato de guitarra, piano e voces, o sábado (18 horas) interpretarán temas da súa autoría, do repertorio de Mielitza -o proxecto paralelo de Carla López- e algunha versión adaptada, intercalados con poemas.
«Son como pequenas píldoras de ilusión», di a cantautora coruñesa respecto ao feito de ter a oportunidade de facer estes concertos. «Eu estaba moi desesperanzada, pero semella que se nos empeza a escoitar e a facer algo. De momento é o mínimo, pero a ver en que desemboca todo isto. Porque eu, dentro do malo, non me podo queixar. Tiven a sorte de diversificar e vou tendo a axenda ocupada. Pero ao meu redor estou xa a ver auténticos dramas».
EMILIO RÚA
O cantautor ourensán será o encargado de pechar os concertos desta primeira edición do Mar da Cultura. Será o domingo, a partir das 18 horas. Emilo Rúa presentarase en Vigo en solitario. «É un formato co que xa levo funcionando moito tempo. Para un cantautor é importante tamén centrarse na súa figura en solitario porque é a súa esencia. Tampouco hai que darlle moitas máis voltas», comenta.
Rúa aproveitará este concerto para repasar temas emblemáticos dos seus 20 anos de traxectoria e adiantar algunhas das 33 cancións que formarán parte do seu novo disco, Lendas do Camiño, que publicará no 2021. «Levo dúas décadas recompilando lendas que son parte da nosa tradición e da nosa historia. Cada unha delas fala dun sitio concreto de Galicia. E por moitos deles pasa o Camiño», explica.
Emilio Rúa cualifica iniciativas como este festival como «absolutamente de recibo e moi necesarias para todos os que levamos moitos anos facendo música en galego». Ao tempo que solicita que «se manteñan no futuro, mesmo cando a situación sanitaria se normalice».