Hai un conto de Juan Rulfo onde se di que os grilos fan ruído sempre para que non se escoite a voz dos espíritos que están penando no purgatorio. «El día en que se acaben los grillos, el mundo se llenará de los gritos de las ánimas santas y todos echaremos espantados a correr por el susto». Lembreino mentres lía os relatos de Ulcis (Xerais), o libro póstumo de Xosé Fernández Ferreiro, falecido hai xa cinco anos. En O tren perdido, por exemplo, uns sapos métense dentro do cadáver dunha muller despois dun accidente ferroviario; en Os ollos rebentados, uns descoñecidos agóchanse entre as leiras de millo e esmagan os órganos coma se fosen bagos de uva; e en Incendio no manicomio, uns enfermos mentais arden do fondo á cima mentres saltan polas fiestras, entre gargalladas, para se atoparen coa morte. Son comprimidos de lectura rápida, ateigados de imaxes poderosas, algunhas moi desacougantes, que nos levan de viaxe por estrañas xeografías surrealistas, violentadas pola lóxica perturbadora do subconsciente. Un festín alucinado co que o autor de Agosto do 36 dixo adeus a corenta anos de carreira literaria.
«O ulcismo é confusión, a ruptura con todo, a escuridade total. O inferno que ferve e queima dentro de nós. Pode que tamén a pureza. A insubornabilidade». Así definía ese universo caótico e desenfreado o propio Ferreiro, agochado nas páxinas do xornal La Noche baixo o pseudónimo «Crespón Azul». Non é unha mala poética para estes tempos onde triunfan, en troques, modelos bastante máis hixiénicos para explicar a realidade. Cargando contra os excesos desa literatura moralista en curso, que escribe sempre dende sentimentos respectables, con aires pedagóxicos, insistía estes días Ariana Harwicz: «A corrección política enxendra arte infame, e se purgas toda a maldade, os excesos, as amoralidades, as perversións do ser humano, non queda nada do artista». A min paréceme que os relatos de Ulcis, dende a súa heteroxeneidade -chegamos ao territorio da «anarquía total», dicía Raimundo Patiño-, están escritos con esa liberdade creativa que nos empeñamos en perder a marchas forzadas. Dende esa marxe onde hoxe se sitúa case todo o que non pasa un control de calidade moral que establecen algúns altofalantes ofendidos a tempo completo.
Francisco X. Fernández Naval, que preparou esta feliz edición de Ulcis, conta que Ferreiro era un deses autores de carácter discreto que nunca perseguiron a notoriedade pero acaban deixando obras orixinais e perdurables. Non podo estar máis de acordo. Dende aquel divertimento no Far West que foi A morte de Frank González ata Tempo de centeo, o escritor foi labrando a súa leira cun feixe de novelas ás que algún día deberiamos prestarlle a verdadeira consideración que merecen. Remigio Torrico, outro personaxe de Juan Rulfo, era torto pero tiña un alcance de vista privilexiado. «El ojo negro y medio cerrado que le quedaba parecía acercar tanto las cosas, que casi las traía junto a sus manos». En Ulcis, Ferreiro achegaba así o seu mundo, coa autoridade secreta que teñen esas olladas singulares onde non manda ninguén.