«A lingua ten que estar onde estamos nós», afirma Esther Estévez, do programa «Dígocho eu»
11 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.Dende comentar a actualidade, a cultura pop ata afondar na historia de Galicia. A comunidade do hashtag #tiktokengalego non fai máis que medrar e acumula xa máis de cinco millóns de visualizacións nesta plataforma. Unha onda de creadores e creadoras nados nesta rede ou con experiencia noutras, como YouTube ou Instagram. Detrás deles hai unha comunidade fiel e moito tempo dedicado a facer un contido en galego que racha estereotipos.
Conta Leticia (@leidataberna), neta e filla de hostaleiros, que TikTok «é unha taberna dixital». A conta naceu para «suplir a falta de socialización na pandemia, de comentar todo como na barra do bar». Por iso, atopamos vídeos que reflicten estas conversas, nas que aparecen dende as vacinas ata as ganas de ir de verbena. Sempre cunha boa dose de retranca e dun «xeito feminista».
A cantante e reporteira Fátima Pego (@fatimapego86) destaca que «nunca pensou en ter unha conexión co público tan inmediata», xa que dende que se produce un vídeo ata que chega ao usuario poden pasar uns poucos minutos. Sobre o uso do idioma, é algo «natural» para ela e destaca que é unha forma de «facer chegar contido en galego a xeracións máis novas».
Veñen de Youtube
Ata esta plataforma tamén chegaron vellos coñecidos da Internet galega, os youtubeiros Mario (@olaxonmario) e María (@rua_prado). Mantendo a mesma esencia que nos seus contidos en YouTube, o humor, a reivindicación e a variedade de temáticas, ambos destacan a facilidade que hai en TikTok para chegar a máis xente, xa que nesta aplicación o que mellor funciona non é seguir a quen nos interesa, é deixarte levar polo que o algoritmo ofrece. Ademais, sinala Mario, que «as narrativas non son comparables, en TikTok hai pílulas de contido que van directamente ao que interesa» e «son vídeos dun minuto máximo, todo o mundo ten ese tempo para velos».
O humor é chave, é aí onde atopamos o maior nexo común destes creadores e creadoras. Queren rachar estereotipos. Non utilizan o humor en galego como as contas que «interpretan que a cultura galega son clixés ruralistas», sinala Mario. «Eu intento facer cousas en galego cun humor novo, non hai que falar sempre do monte e o churrasco», comenta María.
Malva (@todomal.va) leva creando contido pouco máis de cinco meses, pero xa se fixo un oco na comunidade galega, tanto en YouTube como en TikTok. Entrou nesta plataforma respondendo a unha tendencia sobre «que particularidade hai na túa lingua», contestou falando do pronome neutro e conseguiu moitas visualizacións. Despois viñeron outros vídeos sobre literatura, música e cultura pop, xa que «era unha oportunidade de falar dos temas que me interesan sen aborrecer aos meus amigos».
Se falamos de divulgación da lingua, non podemos esquecer Dígocho eu, o programa da TVG que comezou en YouTube e popularizouse a través das redes sociais. É a conta en galego con máis seguidores en TikTok, 108.000 usuarios que aprenden ou melloran o seu galego con Esther Estévez, a presentadora do programa. Chegaron a esta plataforma para «achegarse a un público novo», porque o «o galego ten que estar onde estamos nós, os mozos», considera Esther, que destaca a boa aceptación da proposta entre a audiencia de todas as idades.
Sobre o proceso para facer os vídeos, Esther sinala que é un «traballo en equipo» no que teñen en conta a mensaxe que queren transmitir e as tendencias da rede. Dígocho eu segue expandíndose nas novas canles, agora tamén na plataforma Twitch. Un camiño cara adiante que Esther afronta con naturalidade: «Tiña entre medo e ganas, pero véxome moi cómoda».