Teñen os bólidos -fermosa palabra- de fórmula 1 un mecanismo, DRS creo que se chama, que mesmo que o tipiño vaia ferro a fondo e o coche non dea máis, no momento que se activa, por cuestións aerodinámicas que se me escapan, conséguese un plus de velocidade. Pois ben, cando hai uns meses Tanxugueiras publicaron Midas non faltou quen pensara que con aquel incontestable acelerón na fusión entre a música tradicional, sons urbanos e ferramentas electrónicas, o trío chegara ás súas máximas revolucións. Mal sabían que aínda lles quedaba, cando menos, o DRS por activar.
Con Figa, o seu novo single presentado a semana pasada xunto a un incendiario videoclip, Tanxugueiras rachan definitivamente as leis da aerodinámica. Ata o punto de que xa non hai volta atrás. Figa pecha os valos de entrada dun camiño sen retorno que desbrozou Midas: o da transmisión e reformulación da música tradicional a través da súa confluencia coas sonoridades do tempo que habitamos.
E faino dun xeito voluptuosamente transcendente. Amplificando o factor emocional en todos os seu contextos. Dende a idea de superación fronte ás envexas e do empoderamento e a solidariedade feminina, representada na persecución que viviron mulleres que ousaron adiantarse ao seu tempo.
Figa rebéntache a cabeza pero tamén o peito. A produción de Iago Pico amplifica os graves e os in crescendos ata levalos a dimensións que semellaba nunca poderían chegar a ser propias do universo trad. Pero non están feitas as leis (da física) para Tanxugueiras.