«As malas mulleres»: a vinganza das desesperadas

FUGAS

Marilar Aleixandre gañou o Premio Nacional de Narrativa que nos devolve á situación das mulleres a finais do XIX.
Marilar Aleixandre gañou o Premio Nacional de Narrativa que nos devolve á situación das mulleres a finais do XIX.

«Esta é unha novela de corte histórico que non cae no de sempre, sorprendente pola estrutura», achega Francisco Castro, director de Galaxia, sobre o Premio Nacional de Narrativa 2022. Xordica está a piques de publicar a obra en castelán

27 oct 2022 . Actualizado a las 17:02 h.

Pasear pola Galera e a rúa Sol da Coruña non é o mesmo unha vez coñecidas As malas mulleres. Elas non son novelas. Este libro é unha viaxe á historia real secreta das «desterridas» (as que perderon a esperanza), colmea de xéneros cunha perspectiva feminista radical —de raíz, como a de Pardo Bazán— que vén de ampliar a abraiante constelación de estrelas galegas con premio nacional. Desescribindo o que tantos escribiron sobre a historia e a muller, afondando dende o cotián, o persoal e no labor das pioneiras en desobedecer os códigos de conduta domésticos, familiares, sociais e morais impostos, gañou Marilar Aleixandre (Madrid 1947) o Premio Nacional de Narrativa 2022.

A autora da lingua rachada —que naceu en Madrid pero, como di Quico Cadaval, «caeu na pota»— convida a ir a galeras, move a remar contra a desmemoria secular nesa Coruña que acolleu no XIX un cárcere de mulleres, dos últimos que quedaron en España, mantendo a raia as diferenzas de xénero, no que convivían delincuentes coas «mulleres de moral desviada» ou «de mal vivir».

«Os libros son como as cereixas, tiras dunha e vénche outra», díxolle Marilar Aleixandre a Héctor J. Porto nunha entrevista no xornal despois de recibir a distinción literaria nacional máis alta.

Hai moito de ramallada de cereixas neste libro cru de dor fértil, carnal, vermella. Comeza cun escintileo de tesoiras en mans dun home e cun arreguizo. Co calafrío de entrar no cárcere da Galera en 1863, un calafrío que non cesa (e afondan os coros que len e relén o agravio orixinal da muller en clave literaria), arrinca este relato que é como unha longa melena de letras que nos vai enguedellando nun anaco da vida de Concha, Concepción Arenal, a primeira visitadora de cárceres da historia.

Se Anna Caballé, a biógrafa de Arenal, compara á autora de La mujer del porvenir cun deses personaxes decimonónicos que pensan ao andar, Aleixandre detén o pensamento, escaravella na couza e nos vermes da desigualdade nos tempos do cólera (que azoutou duramente A Coruña), humaniza, desidealiza, saca fóra do testo do clixé a impoñente figura da muller que denunciou a miserentas condicións das reclusas. Aquí andan tamén Pepa Loba, una pequecha Pardo Bazán e os seus pais...

Concepción Arenal é Concha. Coñecémola da man da cronista en cartas íntimas de denuncia, no desconsolo de oír chorar a unha nena (Candonga, Candonguita), a filla que perdeu cando era un bebé de dous anos. Vémola namorada de Fernando, camiñando a través do vento do Parrote, en sintonía con Juana María (de Vega, a condesa de Espoz y Mina), azoutada por recorrentes migrañas ou dores de moas. «Os fillos dan máis dores de cabeza que o chocolate», sabe Concha, segundo lle pon na boca Aleixandre. E o chocolate é outro protagonista saboroso desta obra.

O feito de que acadase o Premio Nacional en galego dálle máis valor. «Y la documentación sobre la cárcel de mujeres de A Coruña, valor añadido», apunta a Fugas Raúl Usón, de Xordica, o selo aragonés que editará en castelán a novela e que tamén editou o anterior premio nacional de narrativa, Virtudes (e misterios). «Correremos para publicar la novela en castellano», asegura Usón, que tiña previsto sacar a novela en xaneiro ou febreiro do 2023. O premio nacional obriga! Da edición en castelán, subliña que a ilustración da cuberta será do debuxante galego Diego Estebo.

«As malas mulleres é bo exemplo de moitas cousas. De como facer unha novela de corte histórico sen caer no de sempre. O máis interesante é a estrutura. Marilar ten un manexo do crebacabezas que fai o libro sorprendente. E é un libro sorprendente por como aborda a cuestión da muller. Entra no tema dos coidados, pero non dende un punto de vista tradicional, senón do das mulleres que traballan por outras mulleres para empoderalas», sinala Francisco Castro, director de Galaxia.

De As malas mulleres, eu quedo coa luz mancada de Sisca, a rapaza na que Concha proxecta á filla perdida e a súa visión revolucionaria dos coidados. A distopía da muller, segundo Marilar, é o pasado. A vinganza das desesperadas é o porvir.