A riqueza da Fundación Penzol en sesenta pezas únicas

FUGAS

Unha das pezas que máis chaman a nosa atención na mostra que celebra os 60 anos da Fundación Penzol: a carauta de Pimpinela que elaborou Castelao para a súa peza «Os vellos non deben de namorarse».
Unha das pezas que máis chaman a nosa atención na mostra que celebra os 60 anos da Fundación Penzol: a carauta de Pimpinela que elaborou Castelao para a súa peza «Os vellos non deben de namorarse». Oscar Vázquez

A institución cumpre hoxe 60 anos gardando grandes tesouros do noso país. Unha exposición permite achegarse a eles ata finais de maio na Casa Galega da Cultura, en Vigo

07 abr 2023 . Actualizado a las 14:56 h.

Francisco Domínguez traballou de maneira incansable na exposición que celebra os sesenta anos da Fundación Penzol e que pon o ramo ao seu labor como director. No 2010, asumía o relevo de Francisco Fernández del Riego á fronte da institución que hoxe, 7 de abril, cumpre seis décadas de servizo «co degoiro de que estes fondos poidan servir de axuda coa meirande eficacia a cantos queiran consagrarse ao estudo e á investigación da historia e problemas da realidade cultural e social galega». Aquel día, ante notario, constituíase oficialmente a Fundación Penzol, co apelido do bibliófilo e galeguista que, xa dende a mocidade, adquiría canto fose de interese para Galicia, Fermín Fernández Penzol-Labandera. Daquela doou case 8.000 libros e máis de 6.000 folletos, amais dunha cantidade importante de documentos, revistas e manuscritos. Co paso dos anos, o proxecto non fixo máis que levedar, ata contar na actualidade con máis de 47.000 libros, arredor de 4.000 publicacións periódicas, un centenar de manuscritos dos séculos XVII ao XIX, case 300 pergamiños do século XII ao XVI, unha colección de cartografía histórica de Galicia dende o XVII e 150 metros lineais de documentos de arquivo.

Os números agochan tesouros únicos, non en van é o fondo de iniciativa persoal e privada máis importante que existe sobre temática galega e, ademais, conta coas achegas dos fondos de Ramón Otero Pedrayo, Castelao, Ramón Piñeiro, Xosé María Álvarez Blázquez, Álvaro Cunqueiro, María do Carme Kruckenberg ou Ramón Martínez López, entre outros, persoeiros fundamentais da cultura e da política en Galicia. Pois ben, entre esa riqueza que atesoura a Penzol, Francisco Domínguez asumiu o difícil labor de escolmar 60 pezas, unha por cada ano de vida da institución. Se percorremos a mostra, observamos que a través da escolla non só pon en valor algúns dos tesouros da casa, tamén constrúe un discurso propio, de identidade, de cultura, de lingua; en definitiva, de país. Por esta razón, perderse pola exposición é unha viaxe pola historia de Galicia, relatada dende cada unha das pezas. A atención enseguida nos vai á carauta de Pimpinela que elaborou Castelao para a súa peza teatral Os vellos non deben de namorarse, que estreou en Buenos Aires, en 1941. A imaxe do escritor pintando e dándolle os últimos retoques á carauta é ben coñecida, diría que está en todos os libros de texto, por iso vela de preto emociona. De Castelao tamén se expón un álbum de autocaricaturas de comezos do século pasado e, da mesma época, é o manuscrito de Arredor de si, con esa letra inconfundible de Otero Pedrayo que nunca abandonou a estilográfica pola máquina de escribir. Este orixinal dialoga coa primeira edición da novela, que fora publicada na Editorial Nós, de Ánxel Casal, e non é o único manuscrito da mostra, tamén hai de Antón Villar Ponte e Ramón Cabanillas, de Marcial Valladares, de Fermín Penzol ou de Eladio Rodríguez, en concreto do Diccionario enciclopédico gallego-castellano.

Oscar Vázquez

A folliña de espiño de cunqueiro

Noutro lugar da mostra reclama a nosa atención unha folliña de espiño, foi a que recolleu Álvaro Cunqueiro o 12 de xuño de 1970 no castelo de Elsinor, cunha notiña manuscrita que firman o Dr. Obiols e Néstor Luján para certificar a súa orixe. De gran vistosidade son os carteis a prol do Estatuto de Autonomía que asinan Castelao e Luís Seoane, ou do primeiro do Día das Letras Galegas, elaborado por Xohán Ledo en 1963. E non podían faltar primeiras edicións de Curros Enríquez ou de Rosalía de Castro, que neste último caso se acompaña dun pequeno manuscrito da autora. Outro orixinal que reclama a nosa atención é de Sarmiento, pero se viaxamos no tempo admiramos dous pergamiños do século XIII ou documentos de finais do XV en galego.

Francisco Domínguez deixou o seu cargo de director hai case un ano, pero segue a traballar na institución e, ultimamente, nesta excelente exposición. A súa traxectoria vital vai unida ao rigor, á coherencia e ao traballo silandeiro que destacan novamente nesta mostra. Ata finais de maio pode visitarse na Casa Galega da Cultura, en Vigo, e de seguro quen se achegue coñecerá un pouco máis non só a Fundación Penzol, tamén a nosa historia e a aquelas persoas que axudaron a construír este país.