Pequenos dramas sen importancia

Diego Ameixeiras

FUGAS

23 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Paroume un rapaz pola rúa. Estatura media, complexión forte, lentes douradas, camiseta de Grande Amore. Non o recoñecín. Comezou a falar comigo aludindo á última vez que cadraramos, pero sen darme algún dato concreto que me permitise saber quen era. Hai xente cunha memoria prodixiosa para as caras, «superrecoñecedores» capaces de lembrar todos os rostros que viron ao longo da súa vida. A detective Kelly Desborough, por exemplo, unha investigadora privada que colabora co FBI na procura de terroristas. Nunha ocasión, identificou a faciana dun criminal entre máis de corenta mil individuos. Xa me gustaría a min ter a capacidade desa superseñora. Seguín a falar co meu falso descoñecido pensando que debía aclarar a situación, pero cando quixen facelo era demasiado tarde. O rapaz involucrábame nun asunto de importancia para a súa persoa, insistindo en non facilitarme unha soa pista para ubicalo, e alí estaba eu, retrucándolle con vaguidades para disimular o meu naufraxio. Lembrei por fin a súa identidade cando a conversa languidecía ata os silencios incómodos, en parte polo insubstancial das miñas réplicas. Sucedeu case no intre de despedirnos, de xeito que non puiden corrixir o desastre. Mala sorte. Estou seguro de que o rapaz marchou indignado pola mediocridade da miña interpretación, pensando que a vindeira vez que nos vexamos, en resposta ao meu comportamento, só me dedicará un frío saúdo de cortesía. Despois tomei café e lin os xornais. Resolvín un par de asuntos de traballo. Empezaba a experimentar un malestar sen nome, unha paulatina impresión de divorcio fatal coa realidade que xa non me abandonaría o resto da xornada. Pero o día presentábase fermoso.

Brillaba o sol, a cidade palpitaba con forza e respirábase unha agradable sensación de ingravidade. As terrazas enchíanse cos primeiros vermús na superficie e os pardaos ventaban a primavera nas alturas. A xente coa que me cruzaba traía consigo a serenidade de Miles Davis en Kind of Blue. O mundo estaba en orde. Pero non a miña cabeza, que seguía a martirizarse pola incapacidade descrita. Algúns camiñamos pola vida coa pértega do equilibrista, a mercé de torpezas inconfesables ás que non conseguimos recoñecerlle a cara cando se presentan, dispostas a desbaratarnos o obxectivo de atravesar unha mañá calquera con lixeireza.

Quero dicirlles ás persoas que padecen por estes dramas sen importancia que non están soas.