Baixo unha aparencia de delicadeza, agocha moito de reivindicativa. Ela tamén é Ramona na realidade. «Teño medo a cumprir anos e non saber envellecer pola presión social», di
19 sep 2024 . Actualizado a las 19:30 h.Con ese sorriso de nena travesa e esa voz doce é difícil non sucumbir ao encanto de María Vázquez (Vigo, 1979). Ela que ten unha aparencia delicada, pero que agocha unha muller decidida, reivindicativa e capaz de chamar as cousas polo seu nome. Como di: «Ás veces son sincericida». Un defecto que para nós é virtude. Ademais, predica con éxito na súa terra. Acaba de recibir o recoñecemento á súa traxectoria no Festival Internacional de Cinema de Bueu, que se está a celebrar estes días.
—Un premio na casa vale por dous.
—Si, emocionada e agradecida. Tamén é un festival ao que xa fun varias veces que me gusta moito e na casa, exacto, dobre premio.
—Vaia papelón o que fixeches en «Matria».
—Foi unha sorpresa. Era moi emocionante representar a tantas mulleres que no día a día non se lles dá valor. Mulleres obreiras, traballadoras, que normalizamos que teñan que sufrir e loitar e que lles custe chegar a fin de mes. E identificábame tamén como muller e como traballadora. Como filla, como nai, como moitísimas cousas. Pero nunca pensamos que chegaría tan lonxe. Foi moi bonito todo o proceso.
—Todas somos un pouco Ramona...
—Todas somos Ramonas, pero non todas somos iguais, porque dependendo do teu estatus económico, as túas condicións melloran. Pero é certo que todas temos que loitar e traballamos dentro e fóra de casa. Identifícome moito con Ramona niso de querer ser superwoman e non chegar. Teño a sensación de estar afogada moitas veces e cústame pedir axuda e recoñecer que non se pode con todo.
—Pensas que a incorporación laboral da muller, que era moi necesaria, tamén nos escravizou máis?
—Iso foi unha tangada. A incorporación nosa ao mercado laboral está moi ben, se realmente as conciliacións funcionan, porque se non, é imposible, non nos podemos ocupar de todo. E ao final o peso recae moito máis en nós. Hai que pensar nun modelo de conciliación e de coidados que inclúa a todos. Se non, non haberá igualdade. Ese modelo é o que temos que cambiar.
—Non puido ser o Goya con Ramona.
—Tamén che digo que para min foi coma se o gañase. É un papel que me vai marcar para sempre.
—Hai agora máis papeis de mulleres maduras?
—Non, eu creo que parece, pero non. O que pasa é que as pelis que fan mulleres ou que fan homes como Álvaro (Gago), con protagonistas mulleres, funcionan moi ben. Por sorte fan ruído e parece que son máis das que son, pero non melloramos tanto. Aínda que confío en que na medida que contemos as nosas historias, haxa máis. Cumprir anos está moi mal visto, se queren tapar as engurras, que son parte da vivencia que temos. É horrible envellecer. Non somos nin capital erótico nin capital reprodutivo nin capital de nada. E teño medo a ir cumprindo anos e a non saber envellecer pola presión social que hai. Rexeitarme a min mesma. Cada día teño que loitar na profesión con aceptar a quererme como son. Coas miñas engurras e co paso do tempo.
—Tes medo a que non che ofrezan papeis pola idade?
—Si, claro. É un medo que sempre está aí. Teño compañeiras que cada vez van currando menos. Eu, agora, toco madeira, teño unha etapa boa, pero non sabes tampouco canto vai durar.
—Algunha vez arrepenticheste de ter elixido esta profesión?
—Iso moitos días, pero de verdade nunca. Hai días de estrés, de pasalo mal, pero en realidade, se o penso ben, non. Nunca tiven un plan b. Nin quero. Pero tamén digo que podería traballar do que fose, non se me caen os aneis. Pero ser actriz é o único que me fai vibrar de verdade.
—En que traballarías?
—En calquera cousa, pero no campo, perfectamente. Encántame. De camareira, como xa traballei nos comezos. De cara ao público gústame moito. De feito, sempre que hai as festas na miña aldea, en A Barrela (Carballedo, Lugo), ou movidas así, eu sempre me poño de voluntaria.
—Tes máis problemas ao vivir lonxe de Madrid?
—Agora mesmo non o noto. Tamén as distancias non son como antes. Pero eu sempre reivindiquei que se podía traballar desde a periferia, e creo que hai que dar referentes á rapazada que vive no rural e darlles recursos. E sei que son unha privilexiada. Tamén me dá moita paz terminar de currar e estar nun sitio tranquilo, onde a xente é pura e que me coñece por ser a Mariíña, non a actriz, e estou moi a gusto. É moi importante manter os pés na terra, as amizades, e sobre todo, estar conectada coa xente real.
—Entendo que tes pouco de urbana.
—Gústame ir á cidade de cando en vez, porque sei que non me teño que quedar. Cando vivía en Madrid afogaba. En cambio, agora gústame ir. Porque sei que vou un tempo, traballo, podo gozar do que me ofrece a cidade e despois xa sei que volvo a Galicia.
—Pareces unha muller moi natural, transparente, reivindicativa e sincera...
—Ás veces son sincericida. Pero estou aprendendo a filtrar e a non meterme en todas as guerras, porque tampouco se poden gañar todas.
—Entón es guerreira, pero cun sorriso.
—A verdade que si, as guerras así entran mellor [ri]. Pero tamén son moi sociable e gústame moito ir as festas de todas as aldeas.
—Polo que vexo a fama non che transformou.
—A fama non transforma, senón que aflora o que levas dentro. Estou convencida. Cando din: «Este converteuse en parvo». Eu penso que xa o era e coa fama aflorou máis. O ego é moi guloso e eu trato de mantelo a raia. Non hai que virse moi arriba porque mañá estás abaixo.