Elas pertencen a xeracións que abriron camiño, que derrubaron prexuízos, que reivindicaron o seu lugar nos actos, que crearon discursos que nos representan. Poucas escritoras foron recoñecidas aínda co Día das Letras Galegas; estas 20 voces serano algún día
18 oct 2024 . Actualizado a las 22:38 h.
Begoña Caamaño
Pioneira na sororidade
Reinterpretou os mitos clásicos dende a súa visión feminista. Deulle voz a Circe, Penélope, Xenebra ou Morgana, cansa de saber delas a través de fazañas dos homes. Na súa primeira novela, Circe ou o pracer do azul, as misivas entre as dúas raíñas axiña deixan de lado a Ulises para tecer unha relación de sororidade entre ambas. Logo, en Morgana en Esmelle, achéganos ao mundo artúrico coa mesma escrita transgresora, dende as personaxes femininas que se empoderan e que, por xunto, se saben máis fortes. A súa morte prematura impediunos máis historias maxistrais.
Xohana Torres
A nosa metade do ceo
Pioneira na tradución de literatura infantil e xuvenil á nosa lingua, Xohana Torres comezou a escribir contos, pero axiña asinou pezas de teatro, novelas ou poemas. Ensinounos que «hai moitas maneiras de ver os mapas», que «sostemos a metade do ceo» e que queremos o temón para trazar a nosa singradura. Díxonolo Penélope en Tempo de ría, en versos que a día de hoxe seguen a ser inspiradores. É autora da primeira novela de concienciación feminina, Adiós María, cunha prosa rompedora, na voz dunha rapaza de quince anos que sofre o desarraigo en primeira persoa.
Marilar Aleixandre
O revés do mito
Moitas xeracións fixeron A expedición do Pacífico ou sentíronse parte de A banda sen futuro, historias que cativaron ao público xuvenil e suman moitas edicións. O pasado ano, con As malas mulleres, alzouse co Premio Nacional de Narrativa, xa premiada co Blanco Amor. Esta obra, que tantas alegrías lle deu, lévanos da man de Concepción Arenal ou de Juana de Vega á Coruña, ao cárcere de mulleres onde está Sisca por asistir a súa nai nun aborto. Na súa escrita son liñas cardinais as relacións materno-filiais, a revisión dos contos tradicionais, a memoria ou o feminismo.
Pilar Pallarés
A memoria da ferida
Recibiu o Premio Nacional de Poesía con Tempo fósil, o poemario que nace da perda da vivenda familiar. Esa casa resume un dos grandes soños das clases traballadoras, ter unha propiedade de seu, pero simboliza tamén a destrución, a ferida, o tempo inexorable e o capitalismo que non entende de sentimentos, nin de apegos. Nos seus versos reflexiona sobre a perda ou a imposibilidade de perpetuarse, faino en poemas breves e cheos de imaxes. A súa é unha voz comprometida coa realidade e cando todo se precipita queda a palabra para construír a historia que xa foi.
Belén Feliú
Galega por elección
Na súa vida nómade elixiu ser galega. Traduciu obras de teatro francesas que representou a compañía Sarabela, pero a súa escrita quedou nun caixón e só coñecemos dela un libro de relatos, Da Guenizah, que apareceu postumamente. Colaborou na revista Festa da Palabra Silenciada e sentimos que se perdeu unha voz referencial coa súa morte prematura. Aínda hai manuscritos por descubrir.
Luz Pozo Garza
O paxaro eterno
Naceu nun tempo en que as mulleres non dirixían publicacións, pero ela estaba á fronte de Nordés. O paxaro na boca, Concerto de outono ou Códice Calixtino amosan a súa poética profunda, creativa, onde conviven os grandes temas universais. Da perda do amado e da crenza do amor máis alá da morte nacen os versos de Prometo a flor de loto, eternos, coma Luz.
María do Carme Kruckenberg
Aventureira irrepetible
Afirmou que vivir era unha aventura irrepetible e esta aseveración deu título á súa biografía, onde se revela unha muller cosmopolita, avanzada ao seu tempo e cun elevado gusto literario. Deu ao prelo máis de vinte poemarios de ton intimista e cunha marcada tendencia popular. Postumamente apareceu O morto asasinado e outros contos, para sorprendernos coa súa faceta narrativa.
Ursula Heinze
Coraxe de ouro
Alemá de nacemento, pero galega de corazón. A súa escrita engaiolou a varias xeracións que medramos lendo O buzón dos nenos, Nace un campión ou A nena de ouro. Tradutora de Günter Grass ao galego, nos últimos anos sorprendeunos coa publicación de libros apegados ás súas vivencias máis íntimas, como o seu paso polo psiquiátrico ou as experiencias vitais reflectidas en Flashes.
María Xosé Queizán
Sempre a galope
Feminista, directora da revista Festa da palabra silenciada, tradutora, ensaísta, activista e, por suposto, escritora. Dende que deu ao prelo A orella no buraco, encadrada na Nova Narrativa Galega, non deixou de publicar. Obras como Amor de tango seguen a ser imprescindibles, unha novela das traballadoras dunha fábrica de sardiñas, memoria viguesa dos anos da República e da represión franquista. Como ensaísta interesouse por Rosalía, Concepción Arenal ou A muller en Galicia. Baleirouse en Vivir a galope, unha biografía sen censuras, sen medos, como a muller valente que é.
Ana María Fernández
A casa de xogos da poesía
Con dezaoito anos chegou a Galicia. Colaborou na elaboración dos primeiros libros de texto en galego e comezou a escribir para a rapazada. Teatro, narrativa, pero especialmente poesía. Con Amar e outros verbos gañou o Premio Lazarillo, un exercicio creativo para cantar, crecer, vivir ou soñar a través dos versos. A poesía, da súa man, é unha casa de xogos infinda.
Fina Casalderrey
Mestra xabaril
Comezou a escribir para o seu alumnado coa adaptación de contos populares ao xénero teatral, para despois construír as súas propias historias. O misterio dos fillos de Lúa gañou o corazón da cativada e tamén o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil. Este ano está nominada ao Premio Memorial Astrid Lindgren. Recentemente publicou para público adulto A muller xabaril.
Helena Villar Janeiro
Valor de rosa antiga
Comezou a escribir nos Ancares, a carón dunha lámpada de carburo. Cultivou todos os xéneros, especialmente a poesía e a literatura infantil e xuvenil. Na súa escrita Rosalía é referente constante e chegou a presidir a súa Fundación. En De rosa antiga. 50 anos de poesía, escolmou a súa prolífica traxectoria que vai dende o misticismo dos primeiros anos a unha voz máis social e próxima.
Marina Mayoral
As armas do pensamento
Tristes armas coñece máis de trinta edicións dende a súa publicación. É a historia dun amor que medra entre vivencias duras, mitigadas con doses de agarimo. Ademais doutros títulos xuvenís relevantes, non podemos esquecer o seu labor investigador sobre a posición da muller na escrita ao longo da historia e, concretamente, de figuras como Rosalía de Castro e Emilia Pardo Bazán.
Eva Veiga
A luz no vértice do soño
Forma parte do grupo Ouriol, ela é a voz que recita acariñada pola música. Foi unha xornalista pioneira que estivo comprometida dende o inicio cun audiovisual galego como profesional da TVG, como actriz ou guionista. Aínda que publicou contos infantís, nela destaca a súa poderosa e luminosa voz en libros como Fuxidíos, A distancia do tambor ou Soño e vértice.
Marica campo
A que non leva o vento
A solidariedade, o seu compromiso íntegro, o feminismo ou o ecoloxismo están reflectidos nas súas obras. Escribiu letras para Fuxan os Ventos e A Quenlla a finais dos setenta. Cultivou a poesía, o teatro e a narrativa; nós-outras é unha das últimas publicacións, nela achega versos que enxalzan a diversidade e a igualdade nun mundo de marxinación e acoso.
Ana Romaní
«A desvértebra»
Recibiu o Premio Nacional de Periodismo Cultural polo seu traballo á fronte do Diario cultural. A súa traxectoria poética convértea nunha das voces fundamentais da poesía galega contemporánea. En Estremas e A desvértebra sacódenos a voz poderosa das mulleres, moitas veces con furia, outras con cansazo por termos que pelexar os espazos, incluso a linguaxe.
Pilar García Negro
Activista da linguaxe
Activista cultural e política, grande oradora, loitadora incansable, os traballos de sociolingüística de Pilar García Negro fixéronnos reflexionar sobre a situación do idioma: Sempre en galego, O galego e as leis, De fala a lingua: un proceso inacabado. Como ensaísta tamén se achegou á figura de Rosalía ou a aspectos de debate no libro Galiza e feminismo en Pardo Bazán.
Aurora Marco
Dicionario de mestras
O seu ensaio Irmandiñas foi Premio Follas Novas do Libro Galego, un traballo de investigación rigoroso que bota luz sobre os nomes das mulleres que se entregaron á defensa da lingua e de Galicia a comezos de século. Con anterioridade publicou Elas, Dicionario de mulleres galegas. Das orixes a 1975 ou Mulleres e educación en Galiza. Vidas de mestras.
Moncha Fuentes
Territorio sentimental
Autora serodia na publicación das súas dúas novelas, con ela descubrimos unha voz madura, cun poderoso dominio da linguaxe e das tramas, tamén dos territorios sentimentais. O mar que nos leva é memoria daquelas loitas obreiras que tiveron a Vigo na rúa nos anos setenta. Como tamén apegada á realidade está O tradutor de sombras, onde volve engaiolar cunha prosa precisa.
Chus Pato
O sentido ético da poesía
Hai unhas semanas concedéronlle o Premio Nacional de Poesía por Sonora. A orfandade da nai, esa intemperie que nunca se agarda, esgaza os seus versos. Presente tamén está a terra, a lingua ou a aceptación da perda física. Urania, Heloísa, Fascinio, Nínive ou m-Talá debuxan a profundidade que vai acadando a súa obra. Arriscada, comprometida, cun elevado sentido ético, a súa poesía non coñece fisuras, aínda que nela todo estoure. Rompe cos xéneros, co establecido, sempre transformadora na forma e no fondo, e sempre poderosa.