Homenaxe a Antón Costa Rico

Ramón Nicolás

FUGAS

SANDRA ALONSO

22 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O activista, o investigador, o pedagogo, o magnus magister, o cidadán comprometido que responde por Antón Costa Rico merecía, quen o dubida, un libro coma o presente que reforza uns vínculos que xa veñen de vello e que definen un perfil intelectual dominado por todo aquilo que proxecta a historia e o presente da educación en Galicia. Abofé que resulta, así pois, todo un acerto esta iniciativa coordinada polos tamén profesores José A. Caride e Jesús Rodríguez que reúne na exemplar «Biblioteca de Pedagoxía» máis de cincuenta voces unidas, en primeiro lugar, polo recoñecemento da traxectoria de quen foi, entre outros cargos, presidente de Nova Escola Galega, director do Instituto de Ciencias da Educación da USC, catedrático e decano da Facultade de Ciencias da Educación (USC) ou presidente da Sociedad Española de Historia de la Educación; e, en segundo lugar, unidas pola vontade de afondar, a través de pequenos ensaios no maxisterio e na súa importancia desde unha perspectiva plural e diversa.

Imposible sintetizar aquí os contidos dos vinte e dous artigos que compoñen este volume, boa parte deles de autoría colectiva. Apenas engadir que se estruturan en tres seccións —pasado e presente da educación en Galicia, retos e desafíos para o futuro da mesma e un monllo de reflexións articuladas arredor da necesaria confluencia entre educación, sociedade e vida— alén doutro texto do homenaxeado onde deseña as claves da educación en Galicia a través dunha visión ecléctica e sintética do pasado, do presente e, grazas ao seu largacío caudal de coñecementos, cales serían os retos da nosa educación para o futuro a máis curto prazo.

Alén de que ler este libro supón incorporarse individualmente ao tributo ofrecido a Antón Costa, as persoas que exercemos a docencia achamos respostas a interrogantes que se formulan hoxe en día como o uso pedagóxico da intelixencia artificial para formarmos cidadáns e cidadás críticas ou afirmacións certeiras sobre o futuro da lingua galega como a que subliña que se a política lingüística se restrinxe á educación non resolverá os desequilibrios máis patentes. Estas e máis cuestións constrúen esta destacada e necesaria achega á educación en Galicia.