Paleofalantes ou neofalantes? Dos dous! O galego gaña seguidores grazas a redeiros virtuais como eles, que non teñen fórmula máxica, pero si xeito para botar a lingua con contido de proveito. Anota os seus nomes, dentro vídeo... e a falar.
27 dic 2024 . Actualizado a las 18:40 h.En plena pandemia, tivo a idea de abrir unha canle de YouTube e xa non houbo silencio virtual para María Prado Rúa, ourensá «paleofalante» que triunfa nas redes como Prado Rúa, falante de toda a vida e premio recente á mellor creadora de contido dixital en galego no Carballo Interplay. Por que o galego parece medrar en seguidores en internet se esmorece en falantes nas rúas das cidades? «As redes teñen un valor estratéxico importante a normalización do galego», comeza esta tiktoker conciliadora da tradición galega con petiscos e abelorios de realidade cotiá. Prado Rúa bota a lingua sen complexos. Para que? Para rescatar o valor dos fornos das aldeas, as trasnadas do Chinchaollos, descubrir a relación entre Loewe, o Detective Conan e a coroza galega ou pedir opinión do seu outfit con flash. Non ter aplicacións de móbil na nosa lingua e webs en galego, con suficiente esforzo e orzamento institucional, non axuda, indica, a salvar a lingua da seca que anticipan os últimos datos do Instituto Galego de Estatística (IGE). «Témonos que poñer as pilas e centrarnos na xente nova. Que podemos facer para que falen galego? Eu non teño fórmula máxica, pero é importante que os docentes o falen e fomenten a nosa identidade. Que quero dicir? Que o que non pode ser é que en educación secundaria 'las dos paginitas de historia de Galicia las pasamos por encima porque no entran en el examen'. Estudamos antes as pirámides de Exipto que o muíño que tes na aldea. E iso non pode ser. Temos que poñer en valor a nosa historia e o noso contexto, sempre con apertura de mente, aprendendo a valorar o noso para valorar tamén o das outras persoas e outras culturas», explica Prado Rúa.
Dobrar series e películas ao galego é outra das propostas da influencer para mellorar a situación. «E concienciar as familias de que se son galegofalantes non cambien ao castelán para falarlle ao seu fillo, porque iso é como mínimo descorazonador!», expresa esta fan de darlle a volta á tortilla da discriminación resignificando palabras habitualmente utilizadas como insultos (candonga é unha!).
«O Faiado», fóra prexuízos para voar alto...
A cultura non é algo estático, senón que cambia coa xente. Iso pensa e disto dá mostra Prado Rúa, e tamén Leila, Claudia, Carlota, Malena e as dúas Irias do pódcast O Faiado, que pechan en galego e con moi boas vibras un ano no que se afianzaron no alto coa lingua. «Estamos moi contentas de ata onde está chegando o proxecto. Pasaron moitas cousas, pero recibir uns premios como o do Carballo Interplay e o de Youtubeiras foi a confirmación de que algo estamos facendo ben», confesan estas podcasteiras que mencionan na frase dúas das iniciativas culturais que máis fan por coidar da lingua a día de hoxe. «Agora volvémonos tolas para escoller a quen subir ao faiado, porque a tempada pasada foi moi boa e cada vez hai máis xente que nos coñece e quere vir», bromean as seis, que revelan algúns dos seus propósitos co proxecto para o ano que vén: «Seguir eliminando prexuízos lingüísticos e facendo ver que co galego se pode chegar a calquera parte».
«Estaría xenial que existise unha plataforma onde calquera que queira crear contido en galego poida subilo para ter un recoñecemento e dar visibilidade ao talento emerxente»
Que perdemos se morre o galego?, como fan pensar os últimos datos do IGE. «Se deixamos morrer o galego, deixamos morrer o que somos. Onde peor está é nos rapaces. Podería axudar que houbese máis creadores de contido en galego e que se poida ver todo tipo de contidos neste idioma no día a día —din na liña de Prado Rúa—. Nós continuamos crecendo, así que este tipo de contidos interesan», non dubidan. As rapazas de O Faiado tamén concordan con María en que axudaría que o galego «tivese un pouco máis de apoio desde as institucións». «O que facemos nós é unha especie de autoxestión da cultura», din. Algunha proposta máis concreta? «Estaría xenial que existise unha plataforma onde calquera que queira crear contido en galego poida subilo para ter un recoñecemento e dar visibilidade ao talento emerxente», suxiren.
#DígochoEu abriu camiño en internet e nas redes que ten anos de exitoso percorrido. A iniciativa amosou que as redes potencian a lingua e a cultura. Isto é un feito xa incontestable, que algúns teiman en non ver.
Para que serve o galego?
«O galego non serve para nada» é unha frase que aínda se escoita por aí. «O que reflicte a frase de 'co galego non vas a ningún lado' é a falta de autoestima e identidade. É mentira. Non fai faltar ir co galego a ningún sitio para que xa teña valor», comeza Prado Rúa. E se falamos de cuestións máis utilitarias? «O galego permítemos comunicarnos con todos os países lusófonos e con calquera que fale unha lingua latina se hai vontade das dúas partes, que é o máis importante», engade quen chegou cos seus vídeos de Arxentina a moita xente que non coñecía o galego, pero con vontade de entendelo.
Laranxa enteira con moito zume fai da lingua e as ganas de usala Noemí García, que, ao ver que non había blogs de cociña en galego, decidiu emparellar a súa paixón pola cociña e o seu amor pola lingua e lanzarse a poñer en marcha Media laranxa. A comernos a lingua invita este blog que, ademais de receitas (bolinhos de alheira, croissant supreme, árbores crocantes ou galletas de manteiga), convida a enriquecer o noso léxico en galego cun dicionario no que podemos saber que quere dicir roxoada, encruar, amordicar ou magostar. A este proxecto que despexa o horizonte para a lingua en internet e nas redes seguiulle o do Dicionario galego para boomers, que fala ata de... infidelidades! Sabes que poñer os cachos é poñer os cornos? Que queren dicir os da xeración Zeta cando falan de vibes ou de stanear? E o significado dos chíos na súa existencia virtual? O galego mestúrase sen problema co inglés posmillennial neste dicionario que non ten fail.
Cando se lle ocorreu esta idea, Noemí, agora inmersa no proxecto As chaves da lingua, traballaba nun instituto de Lugo con rapaces que necesitaban reforzo para mellorar nas notas. «Non lles interesaba nada, así que decidín probar por algo que usaban todos: as redes sociais», e así comezou a traballar esta profe as categorías gramaticais, a sintaxe e o léxico con termos e expresións comúns no mundo das redes sociais e os videoxogos.
«Esta lingua ten que estar presente en TikTok e en Bluesky. Hai que facer que a lingua viva, e hai que facer novas palabras para esas novas realidades»
O galego debe estar en todos os eidos, no súper, no xulgado e, por suposto, nos espazos da xente nova, concordan os entrevistados. «Se unha lingua non vive en novos espazos, morre. Esta lingua ten que estar presente en TikTok e en Bluesky, hai que facer que a lingua viva, e hai que facer novas palabras para esas novas realidades», di Noemí García, positiva respecto á posibilidade de darlle a volta aos últimos informes sobre o estado da lingua. «Aprende galego sen morreres no intento» é a expresión concreta, ao Carmen Rico Godoy, dese optimismo dela, que ten a forza do rigor e o esforzo. O lema da proposta á que convida As chaves da lingua: «Todos os mércores as persoas que están subscritas ao newsletter reciben unha pequena lección, afastada do académico. A min, se se me estropea a lavadora e teño un manual supercomplexo, non entendo nada, teño que chamar a un especialista, pero se mo explicas dun xeito sinxelo algo podo facer. Con As chaves da lingua intento isto, axudar á xente coa colocación dos pronomes ou a evitar castelanismos dunha forma sinxela e dun xeito divertido. Hai demanda», afirma.
Do «insta» a Nova York
Despois de moitos correos á oficina do que era Twitter (agora X) en San Francisco, alguén conseguiu que se puidese configurar a rede social en galego. El é Carlos Vieito, que despois abriu @instaengalego para intentar facer o mesmo. «A conta @instaengalego foi o resultado doutras iniciativas. Todo comezou cando abrín un perfil en Twitter polo 2011. Como calquera usuario, intentei cambiar a configuración da miña conta e poñela en galego. Ao ver que non tiña esa opción, creei outra conta, Twitter en Galego, para animar a xente a reclamar esta opción. Como tivo éxito, dixéronme desde a plataforma que se conseguía xente para traducila, eles accedería a configurala na nosa lingua. A mediados do 2012 xa estaba practicamente traducido e de aí naceron os termos chío, rechouchiar e cancelo. Eu basicamente o que facía era dinamizar a lingua na rede», conta Vieito.
A el non lle sorprenderon as enquisas: «Lémbrame ao do cambio climático. Levan décadas dicindo o que vai pasar e agora sorprendémonos. Hai moitos mestres, xente de normalización lingüística e académicos que avisan constantemente de que, se non cambian as cousas, o uso da lingua continuará diminuíndo», subliña. Alguén que fale galego desde cero pode facer moito, engade. «Pode que un rapaz de 20 e pico anos que comeza a falar galego no seu día a día teña máis conciencia lingüística en contraposición a unha persoa de 60 que leva falando galego toda a vida. O rapaz dáse conta do valor da lingua e traballa para que a lingua siga medrando», afirma. Pero a cuestión non é ser paleolofalante por costume ou neofalante convencido, senón ampliar a rede de influencia da lingua.
Isto fai na outra punta do mundo o ianque de alma galega Andy Chichester, que ensina a súa vida en Nova York, pero non en inglés, senón en galego. «Abrín as redes para practicalo e sorprendeume a xente que me apoiaba», explica. Deixar que o galego siga á deriva «sería unha perda de herdanza cultural moi grande», avisa este valente namorado da nosa lingua.