O Arousa encara o seu test máis esixente, ante o Celta Fortuna

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

FUTBOL GALLEGO

MONICA IRAGO

Os de Míchel Alonso reciben a un filial vigués a piques de iniciar a Liga de Primera RFEF

17 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O Arousa disputa esta tarde o seu cuarto partido en dúas semanas. Tras abrir a súa participación na Copa RFEF cun triunfo na Lomba sobre o Alondras de Tercera (2-1), logo de golear 1-6 o Portonovo de Preferente en Baltar, e tras sucumbir 0-2 a mans do Coruxo de Segunda RFEF no Municipal de Vilaxoán na segunda rolda do torneo copeiro, o conxunto que dirixe Míchel Alonso recibe, ás 20 horas de volta na Lomba, o Celta Fortuna.

O filial celeste, que a temporada pasada rematou ás portas do ascenso á Segunda División e que nesta campaña volverá ser un valioso elemento auxiliar no funcionamento do Celta de Claudio Giráldez, é a gran pedra de toque coa que o adestrador do Arousa quere comprobar o estado da fase construtiva do seu primeiro proxecto coma responsable do vestiario da Lomba.

«Es una prueba importante. El Celta Fortuna es un equipo importante de la Primera RFEF, que va jugar contra nosotros a una semana de que empiece su liga, cerca ya de su máximo nivel», sinalaba na véspera Míchel Alonso contextualizando o partido de preparación que afronta o seu equipo. Para o Arousa, engade: «Será una prueba para saber dónde estamos, ante un rival que nos va a exigir, sobre todo a nivel defensivo».

O apuntado polo técnico arlequinado cobra todo o seu sentido atendendo ao momento da pretemporada no que se ubica o duelo co Celta Fortuna respecto ao punto de preparación do Arousa. Coa primeira xornada da Liga de Tercera RFEF fixada para a segunda fin de semana de setembro, as lecturas proporcionadas polo exame fronte ao filial celeste serviránlle a Míchel Alonso para detectar en que parcelas do xogo do conxunto vilagarcián deberá cargar máis as tintas nas vindeiras tres semanas. Sabendo que, ademais, disporá da vantaxe de contar inda con outros tres partidos de rodaxe nos que seguir tomando notas e corrixindo desviacións sobre a súa folla de ruta: Deportivo B (A Lomba, día 22), Umia CF (Zacande, día 28) e Céltiga (Salvador Otero, 1 de setembro).

Míchel Alonso volve dispoñer hoxe de todos os seus efectivos agás Javi Rey, facendo traballo individual pendente inda da alta médica. Tampouco estará o dianteiro centro que debe completar o cadro de xogadores do Arousa, pendente de pechar unha peza tan cobizada nun mercado moi axitado ata a lo menos o día 31 deste mes.

Sen chegar a facer dous onces, coma fronte ao Alondras, o técnico repartirá minutos entre os seus 22 xogadores, incluídos os catro xuvenís que están a facer a pretemporada co primeiro equipo.