O Arousa encadea o seu terceiro triunfo na División de Honor Juvenil

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

FUTBOL GALLEGO

MONICA IRAGO

Os de Perú vencen 2-0 o Compostela e encarámanse á zona media-alta da clasificación tras sumar 13 dos 18 últimos puntos disputados

07 dic 2024 . Actualizado a las 17:27 h.

O Arousa asinou na mañá do sábado o seu terceiro triunfo consecutivo e o cuarto nas cinco últimas comparecencias na Liga de División de Honor Juvenil, cun 2-0 sobre o Compostela no Manuel Jiménez que lle permite seguir escalando posicións na clasificación e situarse na súa zona media-alta a unha soa xornada para a conclusión da primeira volta.

O conxunto de David López, Perú, puido ter deixado o choque visto para sentenza ao descanso, pero a pericia do porteiro santiagués, Albarrán, limitou a vantaxe ao 1-0 no paso intermedio por vestiarios. Na primeira parte, mentres o Compos pecaba de falta de profundidade e de xogo por dentro, o Arousa chegaba con perigo á área contraria cando tiña o balón. Albarrán gañoulle a partida a David Sánchez nun man a man e abortou un gran disparo de Pedro Bouzada antes de que, no minuto 33, David Sánchez se resarcira cun tiro cruzado ao pau longo asistido por un pase de Úbeda ás costas dos centrais. De novo Albarrán evitou unha maior sangría detendo un remate de Yeray Arosa nunha gran transición local de tres para dous, relevado pouco máis tarde por un central á hora de blocar un disparo de Pedro Bouzada enfiando entre os tres paus. 

O dominio local abafante dos últimos 25 minutos da primeira parte esfumouse na reanudación. O Compostela apostou por adiantar liñas e por un fútbol directo que, se ben non lle rendeu, si empantanou o Arousa no centro do campo, cortando a continuidade cara as áreas. Ata que os de Perú comezaron a volver avisar cada vez que podían correr entre a sucesión de balóns colgados dos visitantes. E nunha destas foi na que Albarrán derrubou a Iván, só con todo a favor para marcar grazas a un pase filtrado de André. Pedro Bouzada executou a pena máxima no minuto 73, marcando por terceira semana consecutiva e pechando o marcador.

«Estamos nun bo momento», declarou tras o encontro o adestrador do Arousa, que atribúe a suma de 13 dos 18 últimos puntos disputados na Liga á melloría defensiva do Arousa: «Temos xogadores perigosos e potentes ao espazo. Só había que afinar atrás para aproveitalo». E iso, sen poder contar nas últimas nove xornadas co lesionado Seijo.

FICHA DO PARTIDO:

AROUSA (2): Adrián, Iván (Yeray Núñez, min 89), Juan (Pablo, min 89), Crusat, Couso, Úbeda (David Piñeiro, min 78), Sindo, André, Pedro Bouzada, David Sánchez (Iván Varela, min 78) e Yeray Arosa (Beltrán, min 70).

 COMPOSTELA (0): Albarrán, Grela (Iago, min 62), Sálamo, Folgar (Marco, min 84), Adrián González, Antonetti (José Ángel, min 62), Pedro Rey (Daniel Varela, min 62), Óscar, Iker, Rodrigo e Adrián de la Fuente (Pablo, min 78). 

GOLES: 1-0, min 33: David Sánchez. 2-0, min 73: Pedro Bouzada (de penalti).

ÁRBITRO: Jorge Chan Pérez. Amonestou o xogador local Pedro Bouzada e os visitantes Grela, José Ángel e Adrián González.