«Hai unha corrente no BNG que ten cada vez máis forza e que quere outro camiño»
GALICIA
O portavoz parlamentario di que seguirá na fronte pase o que pase
27 ene 2012 . Actualizado a las 11:56 h.Líder de Máis Galiza e portavoz parlamentario do BNG, Carlos Aymerich Cano (Vigo, 1967) encabeza a candidatura á Xunta da plataforma alternativa á Unión do Povo Galego (UPG), unha alianza da que forman parte tamén os irmandiños. O luns milleiros de afiliados do Bloque terán que elixir entre el e Francisco Jorquera como cartel electoral das próximas autonómicas.
-Moitos son os que cren que o BNG xoga esta fin de semana gran parte do seu futuro...
-Unha asemblea na que hai 5.300 militantes inscritos en si xa é un éxito. Non habería tanta xente se o BNG non valese a pena. Parte desa mobilización, dese éxito, obedece a que hai unha alternativa. En xogo está conquerir un Bloque renovado, que queira ser alternativa de goberno ou seguir como ata agora.
-¿En que cre vostede que debe substanciarse ese cambio?
-Hai que restablecer a convivencia interna sobre a base dun recoñecemento mutuo. Eu non concibo o BNG sen o que a UPG representa, e supoño que a UPG non concibirá o BNG sen o que representamos nós. E no político, xa dixen: ou optar por ser unha conciencia crítica que inflúe noutras forzas ou ser unha alternativa real.
-¿É posible restablecer o que vostedes demandan se gaña a candidatura da UPG?
-Eu traballo para que non suceda iso. E sexa cal sexa o resultados todos teremos que facer o luns un esforzo de integración. De aquí a mañá non se vai producir ningún acordo e non sería lóxico furtarlle á militancia o dereito a decidir que tipo de BNG quere.
-Beiras semella que non pensa igual nese escenario de derrota...
-Eu téñolle escoitado a Beiras cousas similares, que o fundamental é que se restableza esa integración, esa pluralidade. Coido que se está a dramatizar en exceso esta asemblea.
-¿Por que?
-Enfatízase moito, sistematicamente, que hai un risco de ruptura, pero eu fago a lectura de que 5.300 persoas mobilízanse en positivo porque cren que o nacionalismo ten moito que dicir.
-¿Que expectativas teñen de gañar a asemblea?
-Estamos percibindo que hai xente apuntada polo feito de que hai un acordo para a alternativa, xente que, grazas a iso, renovou a súa confianza en que o BNG paga a pena; na militancia, no BNG, hai unha corrente que ten cada vez máis forza e pide un cambio, que quere outro camiño.
-A moitos lles sorprendeu que aparecera vostede nunha alianza con Xosé Manuel Beiras, quen semellaba estar en retirada...
-Beiras está aportando algo positivo, estalle a lembrar a moita xente os mellores tempos do BNG; resulta curioso que xente da súa idade ou maior conecte mellor co malestar dos mozos nesta crise. Falo de Hessel, de Vinçenc Navarro, de José Luis Sampedro, do propio Xosé Manuel Beiras.
-¿Que lle pareceu o paso atrás dado por Francisco Rodríguez?
-Estamos a falar dunha persoa á que eu, tanto no plano político como no persoal, só lle debo recoñecemento. Eu non sei se ir de número nove nunha candidatura é dar un paso atrás, iso terán que valoralo os seus compañeiros. Só digo que se o BNG existe é porque Francisco Rodríguez, xunto con moita outra xente, traballou para iso.
-Vostede representa agora unha emenda á totalidade á súa alternativa...
-Si, pero dentro dun proxecto común que é o BNG.
-¿Cal vai ser o seu futuro político no BNG se gaña a UPG?
-Eu sempre concibín a política como un compromiso colectivo, non persoal. Ostentamos cargos representativos ou orgánicos de xeito temporal e todos temos que asumir ese papel. Teño traballo e a miña vocación fóra da política.