«As divisións no nacionalismo están recentes e precisan tempo as estratexias con outras forzas»
GALICIA
Vence defende a necesidade dun fronte amplo nacionalista, pero recoñece que as feridas das escisións aínda están recentes.
-Un dos obxectivos que asumiu á súa chegada en marzo á portavocía nacional foi tender canles con Anova e con Compromiso con Galicia. Non houbo moitos avances nese terreo.
-Creo que se avanzou moito. Creo que nese mundo amplo que é o nacionalismo, tamén na base social nacionalista, existe hoxe a percepción de que o BNG é unha alternativa confiable, con propostas e capaz de tender pontes con aqueles que comparten os mínimos ideolóxicos. Seguramente as estratexias máis concretas coas forzas que menciona precisan un certo tempo para madurar, sabendo que o proceso de divisións está aínda moi recente. Pero temos claro que a folla de ruta ten que ser a reconstrución dun gran polo nacionalista neste país para facerlle fronte ás políticas de recorte e recentralizadoras do PP.
-Pois xa perderon o primeiro tren, ao non poder pechar unha candidatura para as europeas.
-A nosa aposta é considerar que unha coalición unitaria do nacionalismo de esquerdas é unha forma de reforzar a capacidade de defensa de Galicia nunha Europa diferente, non sometida aos ditados das grandes finanzas. E tamén é certo que, efectivamente, sería un bo paso para camiñar cara o reforzamento dese espazo nacionalista.
-¿O obstáculo segue a estar en Esquerda Unida?
-Para nós o obstáculo non é unha forza política concreta. Tratamos que as forzas nacionalistas asuman a súa identidade e contribúan a conformar un grande polo nacionalista e de esquerdas. O que fagan os demais partidos estatais non é da nosa incumbencia. Nos diriximos ás forzas nacionalistas de esquerdas e, sobre todo, aos galegos, para explicarlles que o futuro do país pasa polo reforzamento dun gran polo nacionalista que defenda como prioridade os intereses estratéxicos do país.
-Xa teñen encauzada a coalición con Amaiur e Esquerra.
-Aínda que mantivemos aberta a proposta ás forzas galegas, ao mesmo tempo traballamos con forzas de Cataluña, Euskadi e outros territorios para conformar unha macrocoalición.