
O crego fundador de Xermolos e do Festival de Pardiñas di que aínda lle queda moito por facer
22 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.Di Alfonso Blanco (Montevideo, 1950) que agora fanlle tantas homenaxes porque ten «os días contados». A diabetes mordeulle na vista e na mobilidade, e Alfonso, crego de lenda, reséntese. Pero, unha vez posto de pé, arranca o seu discurso pausado e imparable, que funciona coa contundencia daqueles que parecen contar a verdade.
-Alfonso Blanco Torrado
-Coma Beiras Torrado.
-Si, pero non somos familia. Coñecémonos en Santiago. Alí fixen trasnadas.
-Coma Beiras.
-Por iso nos coñecemos. Pero el é maior ca min.
-Iso de Montevideo...?
-Porque meus pais emigraron alí. Volveron cando eu tiña 4 anos. A Ponteceso.
-Como chegou a facerse cura? Unha vocación, alguén o orientou...?
-Sorprendíanme aquelas reunións que había os domingos, cando se xuntaban veciños de varias aldeas. Comecei a darlle importancia a esas asembleas arredor da igrexa.
-E logo ao seminario.
-Si. Primeiro a Santiago e despois a Salamanca. Do de Santiago botáronme.
-Que fixo?
-Ter ideas distintas. Ocorréuseme dicir que o galego tamén era un idioma... Non me gustaba estar encerrado alí e tiña traballos en grupos da miña idade, con universitarios, cos de Voces Ceibes. Metíaos no seminario e algún concerto fixemos. Por todo aquilo enviáronme para fóra.
-Nalgún momento pensaría en deixar a carreira eclesiástica.
-Claro. Penseino moitas veces.
-Tamén estivo na Coruña.
-Si. Traballaba nos veráns na Coca-Cola e de porteiro no hotel Finisterre e na Solana, que tiña unha sala de festas. Por certo que no Finisterre estaban no mes de agosto Carrero Blanco e outros ministros de Franco. Na Coruña coñecín tamén a Manuel Espiña e outros cregos.
-E a Guitiriz chegou pronto?
-Foi o primeiro destino. Logo déronme outro, en Ferrol, pero non aceptei, e a xente tampouco me deixou marchar. Eu son cura en Guitiriz, pero nas aldeas.
-Só tivo un destino. Iso é pouco frecuente.
-Tiven máis, pero non os aceptei. Eu vexo que aínda hai moito que facer, que non dou acabado, e por iso sigo aquí. Cada día temos novas metas.
-De todo aquel movemento renovador da Igrexa non parece que quedara moito.
-Moito non quedou, non. Pero eu sitúome nesa vangarda de mulleres e homes que loitan cada día para que haxa máis liberdade, máis igualdade e máis xustiza. Endexamais me sinto só. Na Igrexa hai medo á liberdade, a dar a cara por Xesús de Nazaret.
-Xa quedan poucos curas.
-Si, é un drama. Hai que considerar a posibilidade do celibato voluntario e de que as mulleres poidan acceder ao sacerdocio. Algún papa podería abrir algún camiño. Este ou os que lle sigan.
-Vostedes fundaron o Festival de Pardiñas.
-Foi un compromiso da mocidade para achegar un xeito distinto de ocio e de cultura ao que se estaba vivindo. Nestes 40 anos logramos que quen vén a Pardiñas acabe mergullándose na fonte do que é o propio de Galicia, o noso. Aquí viñan todas as edicións Manuel María, Neira Vilas, Díaz Castro, Pousa Antelo...
-Faga unha breve definición de Galicia, logo.
-Un pobo entrañable.
-En Pardiñas nacerían moitas parellas.
-Si. Dinmo moitas veces, que temos que escribir a historia sentimental de Pardiñas; coñecín moitas parellas, e tamén das que fixeron por primeira vez o amor alí. Seino porque mo transmitiron. Eu casei algunhas parellas que se coñeceron alí. É un festival moi ligado á familia.
-Vostede é un defensor do rural. Que faría para evitar este éxodo?
-Dotar de servizos, de mellores comunicacións e de postos de traballo. Se morre o rural morre o país, porque ata as cidades teñen un fondo rural.
-Defínase en catro palabras.
-Activista, polifacético, loitador e cordial.
-Por certo, que tal a vista?
-Agravóuseme un pouco a dexeneración da córnea. Así que tiven que aprender a mirar a xente co corazón, porque cos ollos non vexo ben.
-E non pensa na xubilación?
-Cando enfermei considereino, pero erguéronme da cama. Así que volvín traballar.
-Agora non falta xente na misa.
-Non faltan, non.
-Celta ou Dépor?
-Dépor. Meu pai era socio do Dépor e tivemos unha colaboración recente cos Riazor Blues sobre a memoria histórica que me achegou moito máis ao Deportivo.
-Arrepíntese de algo?
-De non aproveitar máis o tempo e de non ter feito máis deporte.
-Unha canción.
-O carro, con letra de Manuel María e música de A Quenlla. É o himno da Terra Chá.
-Que é o máis importante na vida?
-O amor, aínda que sexa unha palabra moi gastada.