Xil Ríos: «Case vou a Eurovisión, pero claro, 'Giraré' non soa tan agarimoso como 'Xirarei'»
GALICIA
Empezou cantándolle ao mar e á emigración da súa Moaña. Un día pasou de casualidade de solista de coral a cantante pop de éxito, compartindo discográfica con Miguel Ríos ou Nino Bravo
22 nov 2019 . Actualizado a las 00:01 h.A de Xil Ríos é a historia dun mozo de vila mariñeira, a quen a música, que escoitou dende pequeno, lle cambiou a vida. «Eu vivía en Quintela -Moaña-, e lembro aqueles domingos nos que os rapaces que ían ao baile pasaban cantando... pensaba que algún día me tocaría a min». E así foi. Xil acórdase da rondalla na que estivo primeiro, chea de cancións retranqueiras entre mozas e mozos, e ten viva a lembranza da Coral Moañesa: «ti tes chispa» dicíalle Jesús Moldes Monroy, o cura que a dirixía.
«A chispa», chegada a maioría de idade, púxose en pause. Tocaba facer a mili e ir visitar os seus pais, emigrados en Venezuela -el quedara no Morrazo cos seus tíos-. Para cando lle volve dar de novo a play, non sabía o que se lle viña enriba. Ano 1971, o solista de coral ten a oportunidade de participar no Festival Dorna de Vigo, que non era coma o de Benidorm, pero case. «Un día despois de cantar nunha misa achégase a min un tipo -Leopoldo Bahíllo- que me di que ten unha canción, que sabía que cantaba ben e que tiña a idea de que a levara a ese festival». Costoulle, pero aceptou: «Era un lío, nunca cantara cunha orquesta, pero graveina». O tema, Un anaco de Pan, foi un éxito.
A Xil non lle quedou outra que esquecer a súa orixe humilde e pasar por primeira vez na vida unhas noites nun hotel de 5 estrelas (o Bahía de Vigo). «Quedei de segundo, pero como xogaba na casa a xente estaba como tola comigo e ademais alí había cazatalentos que se fixaron en min», comenta emocionado. Dito e feito. Ao día seguinte xa estaba fichado por Philips-Phonogram, unha destacada discográfica: «O estudio de gravación era máis grande que o cine de Moaña».
E así foi adquirindo sona, compartindo espazo con artistas coma Nino Bravo, Miguel Ríos ou Paco de Lucía: «Na cafetería cruzeime con Los Chichos que ían presentar daquela as súas maquetas... e mira despois a de discos que venderon». Vai publicando temas de éxito, enchendo concertos con Nosa Galicia ou Miña Maruxiña, gaña o Festival do Miño e aínda que comeza como cantante social, con temas como Aos meus amigos -reivindica os dereitos dos mariñeiros-, «cando xa vives disto, casado e con fillos, colles o fío da música popular».
Nos 80 chega Xirarei, unha canción que Juan Pardo compuxo e que Xil cantou tan ben, que case chega a Eurovisión. «Estivo preseleccionada pero había que cantala en castelán e claro, giraré, non soa tan agarimoso como xirarei».
Quen sabe o posto que tería acadado cantada en galego. Ata o 2010 seguiu sacando discos, compaxinando a carreira artística co seu restaurante. Un dos seus fillos continúa o legado no eido gastronómico cunha tapería no paseo marítimo moañés. Dende o 2017 é Fillo Predilecto da súa vila, «unha verdadeira honra, pero os primeiros días ata me daba vergoña saír á rúa... non haberá mariñeiros que van a faenar todos os días que tamén o merezan?», reflexiona.
Segue sendo, sempre o será, un artista: «Agora cántolle aos meus netos, para non perder a voz». E aínda recibe, de cando en vez, chamadas da televisión para lembrar a súa carreira musical: «Para Gayoso e Piñeiro só podo ter boas palabras». Quédalle, iso si, un desexo por cumprir: «Coa tradición de cantar que temos en Moaña, vai sendo hora de termos un auditorio». Palabra de Xil.
Anteriores edicións de «Que fai agora...»