Ana Pontón: «Quero un goberno que dea a cara por Galicia sen pedirlle permiso a Madrid»
GALICIA
A líder do BNG asegura que o «monopartito absolutista» da Xunta foi «inútil» para a defensa dos intereses galegos
19 feb 2020 . Actualizado a las 18:57 h.Hai cousa dun mes vivía un parto prematuro e, co adianto electoral, tivo que poñerse as pilas axiña para afrontar a campaña. Ela é Ana Pontón (Sarria, 1977), a dirixente nacionalista que debutou con só 25 anos como deputada autonómica e que leva dende o 2016 á fronte do BNG, unha organización coa que quere conquistar, nada máis e nada menos, que a presidencia da Xunta.
—A vostede o adianto electoral colleuna co pé cambiado...
—Colleume cambiando cueiros, máis ben, pero no BNG tiñamos claro que o adianto era previsible, e xa tiñamos lanzada a candidatura á presidencia da Xunta e estabamos traballando na elaboración do programa. Polo tanto, cóllenos cos deberes feitos, coa organización mobilizada e disposta a dalo todo para conseguir o obxectivo de que, por primeira vez na historia deste país, haxa unha muller, e do BNG, na presidencia da Xunta.
—Como senta no Bloque o de ir ás urnas o domingo de Ramos?
—Pois que lle podemos poñer o ramo a esta campaña, e conseguir non só dar un gran salto adiante senón poñer en marcha o cambio político que necesita este país, que non necesita un goberno con un presidente que xa demostrou a súa inutilidade para defender os intereses galegos. Eu quero un goberno que dea a cara por este país sen pedirlle permiso a Madrid, un goberno que teña as mans libres para defender o noso, e iso só o garante o BNG.
—Que significa ter as mans libres?
—Pois non estar subordinado aos intereses de Madrid, nin do PP nin do PSOE, porque estamos vendo que con gobernos subordinados a forzas estatais, a Galicia non lle vai ben. En cambio, nós temos un proxecto de país, a solvencia e traxectoria para facer os cambios que se necesitan; os galegos saben que poden confiar en nós porque imos estar á altura.
—Non cre que se puxo o listón moi alto en presidir a Xunta? Que pasa se non o consegue?
—Nunha campaña hai que ser ambicioso, o BNG é ambicioso para este país. Temos o mellor proxecto que ofrecer, unas candidaturas de excelencia e estamos dispostos a saír a por todas, porque palpamos un movemento na rúa arredor do BNG coa expectativa de que se produza un cambio real.
—As enquisas publicadas, polo de agora, non indican iso.
—Enquisas hai para todos os gustos. Eu nunca esquecerei a campaña do 2016 na que as enquisas dicían que non iamos entrar no Parlamento ou que sacariamos un deputado. Tivemos un grupo de seis, e agora estamos en disposición de dar un salto adiante se traballamos para que todo ese entusiasmo arredor do BNG siga medrando, porque o éxito do BNG vai ser o fracaso do PP.
—Cal é o punto máis feble deste Goberno de Feijoo?
—O Goberno do monopartito absolutista resultou do máis inútil para Galicia, porque é inútil á hora de defender a industria electrointensiva, á hora de baixar as peaxes da AP-9 ou de reverter as tendencias demográficas, é inútil para defender a sanidade pública, que o único que fixo é poñela contra as cordas con consecuencias graves, como foi que un paciente morra porque non hai médicos para atendelo. O balance é nefasto, por iso non podemos perder máis trens e hai que apostar polo cambio real, que o único que o garante é o BNG.
—A oposición fixo da sanidade o seu cabalo de batalla e...
—Non, eu diría que é o cabalo de batalla da cidadanía, porque hai unha oposición aos recortes que vai moito máis aló da acción que podemos facer os partidos políticos. O último exemplo vímolo en Verín, cunha cidadanía activa para defender o seu hospital e que xa non traga cos recortes do PP e que se mobiliza para demandar un cambio político.
—Reformulo a pregunta. Acaso o da sanidade é só un problema de falta de cartos?
—En absoluto, hai cuestións ideolóxicas e outras que teñen que ver cos recursos. Detrás dos recortes do PP hai interese en favorecer ao capital privado coas privatizacións, e temos o exemplo no desastre que significou a promoción do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. Nós, en cambio, cremos que hai que apostar con más recursos pola sanidade pública.
—Sexa mais concreta, por onde empezaría o BNG?
—Pois preocúpanos moito o baleiramento que sufriu a atención primaria, que é a porta de entrada ao sistema de saúde. Pensamos que un obxectivo indispensable pasa por recuperar a atención primaria e poñer en marcha un plan de choque fronte aos recortes que se teñen producido. Hai que devolverlle a capacidade de xestión aos centros de saúde, dotalos de máis recursos e máis medios.
—O primeiro punto do acordo que o BNG acadou co PSOE, para convocar de inmediato a comisión mixta de transferencias, xa está incumprido...
—Estaba claro que Feijoo, que non conseguiu unha soa transferencia en 10 anos, provocou co adianto electoral que non se poida materializar o primeiro punto. Pero a partir do 5 de abril, cando os galegos poñan en marcha o cambio político, temos o compromiso de que se reunirá a comisión para que Galicia poida ter máis capacidade de goberno.
—Ata cando vai agardar o BNG para verificar se o Goberno de Sánchez ten vontade de cumprir?
—Eu parto da base de que os acordos que asinan dúas forzas serias son para cumprilos. Temos o compromiso para a mesa das Pontes por unha transición enerxética xusta, tamén para os xulgados específicos de violencia de xénero, e logo hai compromisos que dependen dos orzamentos, como a rebaixa de peaxes. Teño a íntima convicción de que Pedro Sánchez é consciente de que acadou un acordo non só cunha organización política, senón con Galicia, e non creo que a súa carta de presentación sexa incumprir un acordo cos galegos.
«Non me doen prendas en recoñecer que cometemos erros, iso fainos fortes»
Pontón valora as causas da fortaleza do PP en Galicia.
—Como explica que un partido, como o PP de Feijoo, do que fai una crítica tan dura, encadeara tres maiorías absolutas e teña opcións de acadar unha cuarta?
—Estou convencida de que non vai haber unha cuarta maioría, estas van ser as eleccións nas que o PP vai perder. En todo caso, penso tamén que houbo erros na oposición que conseguiron afianzar ese Goberno do PP, pero o momento no que estamos agora é moi diferente.
—Non é habitual que a oposición recoñeza que cometeu erros. De que tipo?
—Houbo debilidades na propia oposición que explotou moi ben o PP na campaña. A min non me doen prendas en recoñecer que cometemos erros no pasado, iso fainos máis fortes e permite afrontar con credibilidade o propio reto que temos de xerar confianza entre a cidadanía.
—A desfeita da esquerda rupturista parece que lle vai vir de luxo ao BNG para este 5A.
—Os problemas doutras forzas políticas non son unha boa noticia, nin creo que o avance do BNG se deba aos problemas que poidan ter outras organizacións. Se un non ten unha organización sólida e algo que ofrecer á sociedade, nunca vai ser referente. Así que o que temos que facer é traballar con humildade e escoitar o que a sociedade nos queira dicir.
—Pois hai enquisas que indican que o BNG pode recibir entre o 15 e 20 % dos votos que antes tiña En Marea.
—O que pasa é que os votos non son das organizacións políticas, son das persoas, e en cada convocatoria deciden a quen queren apoiar. A estabilidade electoral rachou, e estou convencida de que haberá moitos cidadáns que votaran PP, PSOE ou as mareas que agora pensan no BNG como mellor opción para defender os intereses dos galegos.
—Terán acomodo nas listas do BNG algúns activos das mareas?
—Agora mesmo estamos en proceso de elaboración de listas, e gústame ser moi respectuosa co papel que ten a militancia, pero no BNG teñen cabida as persoas que queren traballar por unha alternativa nacionalista, temos as portas abertas para os que militaron noutras forzas e para os que nunca militaron en nada.
—A exdeputada de En Marea Alexandra Fernández pediu o voto para o BNG nas xerais. Haberá máis xestos deste tipo?
—Nós somos un espazo que suma, e ese proceso vaise ver agora con máis intensidade.
«Pensei en deixalo, pero doíame ver o BNG en horas tan baixas»
En clave persoal, Pontón defínese a si mesma como «galega de nación» e non pasa por alto a dificultade de conciliar a política coa recente maternidade.
—Como se define a si mesma: autonomista, soberanista, independentista, pragmática?
—Son nacionalista galega, galega de nación, así me recoñezo.
—En que se traduce iso?
—En coñecer o país, en patealo moito e ter claro que necesitamos alternativas dende nós mesmos para que sexan posibles. Se algo aprendín nestes anos á fronte do BNG é que se algún proxecto político pode funcionar é porque foi pensado dende a nosa realidade, e non con mimetismos nin copias de ninguén. E iso é o que lles ofrecemos dende o BNG aos galegos.
—Hai 8 anos, asumía provisionalmente a portavocía do BNG no Parlamento logo da ruptura de Amio. Que mudou dende entón?
—O BNG segue a ser unha organización nacionalista, pero fomos capaces de facer unha renovación e de construír unha alternativa de país na que moitos galegos se ven representados, máis alá de que se consideren ou non nacionalistas.
—Que aprendeu de cando poucos daban un peso polo BNG?
—Foron momentos complicados, non só no político, senón tamén no plano emocional. Houbo vínculos que racharon, pero foi clave que, máis alá das modas do momentos, tivesemos clara a nosa convicción en desenvolver un proxecto para este país. Estou moi orgullosa de todos os que deron a cara por nós, e tamén de toda a xente que se nos foi incorporando polo camiño.
—Chegou a pensar en baixar a persiana e deixar a política?
—Pensei que era moi importante e non deixar aparcado o desenvolvemento da vida persoal, porque a política é moi esixente e eu xa levaba un tempo na primeira liña. Pensei en deixalo, pero doíame ver ao BNG en horas baixas. Se aceptei [no 2016] ser candidata á portavocía nacional do BNG é porque tiña claro que neses momentos peores é cando había que estar aí dando a cara. Miña avoa dicía sempre ‘‘nunca digas nunca xamais'', e vexo que é un dito moi sabio.
—Se se cumpriran as previsións, o día que Feijoo convocou as eleccións, vostede saía de contas para dar a luz...
—Realmente estaría saíndo de contas hai un par de días. Pero vaia, o que foi un pequeno susto, porque o parto prematuro colleume soa na casa, co meu compañeiro traballando en Nova York, acabou sendo positivo, xa que agora estou en mellor disposición para a campaña.
—É complicado iso de conciliar a política coa maternidade?
—É unha situación nova. Agora entendo mellor que a conciliación e a corresponsabilidade teñen que ser unha prioridade nos gobernos, non porque antes non o tivera claro, pero agora podo experimentalo, sabendo ademais que a nena está recibindo lactancia materna. Pero vaia, teño un compañeiro que ten claro o seu papel e que debe ser aínda máis relevante durante a próxima campaña electoral.