Carmen Pomar: «Para o benestar emocional dos nosos alumnos, sería moi positivo compartir algunha xornada lectiva»

Antía Díaz REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

Pomar, nunha entrevista anterior en RadioVoz
Pomar, nunha entrevista anterior en RadioVoz P . Portabales

La conselleira de Educación fala do fin de curso e anuncia o reparto de mil novos ordenadores nos institutos galegos

09 abr 2020 . Actualizado a las 12:21 h.

Nun momento complicado para a educación, que a conselleira Carmen Pomar cualifica como «situación inesperada», Galicia ten que adaptar o sistema ao confinamento que estamos a vivir. A titular de Educación está en contacto diario cos profesores, reitores e administradores educativos para tomar as mellores decisións neste fin de curso.

—A última noticia é a decisión de que os estudantes universitarios non volvan ás aulas.

—Na Conferencia de Política Universitaria do pasado mércores insistiron en que tomaramos unha decisión sobre as clases presenciais na universidade. E este luns decidimos, nunha xuntanza máis oficial e co consenso das tres universidades e da consellería, aínda que as universidades teñen autonomía, que neste momento coa incerteza da situación sanitaria era importante chegar a unha decisión unánime, consensuada e comunicala ben á sociedade. Tendo en conta que o curso universitario remata bastante antes que o curso non universitario, decidimos que o escenario no que nos íamos mover era un no que as clases serán virtuais, telematicamente ou con outro tipo de ferramentas que non esixen a presencialidade.

—Sobre o que non houbo acordo aínda é sobre como avaliar este final de curso.

—A secretaría xeral de Universidades, co total consenso dos reitores, ditou unha serie de instrucións que atinxen aos requisitos mínimos da docencia non presencial, aos cambios das vías docentes, ao prazo de cumprimento e a garantía de cumprimento. Pero deixamos en punto e seguido á avaliación; as tres universidades comprometéronse a seguir avanzando, e quedamos emprazados para ter máis cousas concretas a finais deste mes de abril.

«A CIUG e os grupos de traballo están estes días a traballar nesas modalidades que permitan unha maior opcionalidade»

—O outro asunto de actualidade é a ABAU. Sabemos as datas, pero aínda non sabemos o contido dos exames.

—En primeiro lugar, o ministerio dounos un intervalo temporal para levar a cabo esas convocatorias, e nós fomos prudentes, fomos aos prazos máximos, para que no caso de que houbera unha modificación do calendario, estiveramos no límite. E falo de datas provisionais, porque sempre estamos supeditados ao que nos digan as autoridades sanitaria. Unha vez determinada a data, o fundamental é asegurar e garantir que todo o alumnado teña a oportunidade de demostrar o que sabe; para iso é fundamental esa adaptación das probas. E nese sentido, cónstanos que a CIUG e os grupos de traballo, os responsables de deseñar e redactar as preguntas, están xustamente estes días a traballar nesas modalidades que permitan unha maior opcionalidade, para que así todo o alumnado teña as mesmas oportunidades. Onte na CIUG nos aseguraron que esa opcionalidade estaba absolutamente garantida e dixéronnos que nos vindeiros días os centros terán colgado algúns modelos de como poderían ser esas probas, para que teñan a información e transparencia co tempo suficiente.

—Está máis claro como vai ser o exame?

—A semana que ven é clave para as decisións educativas. O mércores 15 hai unha conferencia sectorial de Educación e outra de Política Universitaria, dous fitos que van axudar a debuxar as liñas máis concretas, e neste tema das probas da ABAU o compromiso da CIUG é que no prazo máis breve posible os centros poidan ter eses modelos posibles de probas.

«Os alumnos de segundo de bacharelato son a prioridade»

—Por outra banda, esta situación permite testar a capacidade da consellería para enfrontar a educación á distancia e comprobar onde e cal é esa fenda dixital.

—Efectivamente. Esa fenda responde a dúas casuísticas: a heteroxeneidade demográfica de Galicia, con núcleos rurais moi asentados, onde hai poboación escolar, principalmente de infantil e primaria; e por outra banda, a que ten que ver cos recursos económicos das propias familias. Dende a consellería estamos a facer un esforzo por intentar diminuír ao máximo do posible esas desigualdades. Estamos a rematar o reparto de mil equipos con conectividade nos centros educativos para os alumnos de ESO, bacharelato e FP, que son as etapas educativas que máis o precisan, e agora xa imos por outros mil equipos novos, nos próximos días. É certo que os alumnos de segundo de bacharelato son a prioridade, e de todos os centros educativos se ten información sobre cales son os alumnos que teñen máis dificultades, e por tanto son unha prioridade a todos os niveis, e aí están concentrados todos os nosos esforzos. Tamén é certo que dende Amtega nos están a informar que o numero de conexións a aulas virtuais e viodeoconferencias cuadruplica o día a día. O 30 de marzo foi o récord de conexións, e nos vindeiros días teremos os datos cuantitativos para poder comunicalos.

«A nivel psicolóxico sería moi positivo que os nenos e nenas puideran compartir algún día de clase»

—E xa se sabe se van poder voltar os rapaces ás aulas?

—Vai a depender moito da situación sanitaria e de como se vaia atisbando o panorama a ese nivel, e como vaiamos parando a curva de contaxios. Non podemos aventurarnos a debuxar ningún escenario, pero podo dicir que a nivel psicolóxico, sería moi positivo que puideran compartir algún día de clase, incluso para facer un ritual de despedida cara o novo curso académico. Esta claro que a volta presencial ás aulas facilitaría tamén algún tipo de medida académica, pero creo que por riba de todo iso está tamén o benestar emocional dos nosos alumnos e alumnas, e sería moi ben recibido o poder compartir algunha xornada lectiva. Os nenos e nenas están desexosos de volver ás clases pola interacción social. Non podemos aventurar ese escenario, pero esperemos que as vindeiras semanas vexamos a luz a final deste túnel que se presentou fai apenas catro semanas e parece unha eternidade. Dende a consellería estaremos preparado unha volta progresiva ás ulas pero supeditados.

—Tamén están pendentes os opositores do exame, e piden claridade.

—Somos conscientes que e un tema que preocupa moito, que constantemente se está a preguntar por el, porque é un tema dependente case en exclusiva da comunidade autónoma. Somos prudentes nese sentido porque atinxe a moitas sensibilidades, e neste momento e que o prazo está aínda en trámite, á data de hoxe estamos en tempo a nivel e procedemento administrativo. A consellería ten a vontade de cumprir coa oferta, e hai xente que leva tempo preparando estas oposicións, cun costo a nivel laboral, persoal e económico; tamén que moita xente está preparando as oposicións non nas súas mellores condicións persoais ou laborais... O temos todo en conta. Por iso decidimos esperar ao 26 de abril para ter as novas liñas do estado da alerta sanitaria e se as condicións non se van dar o se dificultan moito, estariamos nun camiño complicado para celebralas.. O 26 de abril a data tope a nivel administrativo. A Xunta tomará entonces unha decisión en poucas horas.