Ana Pontón, no encontro cos subscritores: «A independencia non é unha proposta que conste no noso programa»

Susana Luaña Louzao
Susana Luaña REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

La Voz

A líder do BNG, nas respostas telemáticas aos lectores de La Voz de Galicia, aclarou que aínda non negociou co PSdeG e con Galicia en Común un posible acordo de goberno e que, polo tanto, «non hai aínda liñas vermellas». Só unha: «Nós non imos deixar que peche Alcoa»

02 jul 2020 . Actualizado a las 11:46 h.

Nos encontros dixitais cos candidatos para as eleccións galegas organizados por La Voz de Galicia, os subscritores puideron expor as súas preguntas á líder do BNG, Ana Pontón. 

Ana (A Estrada): Como podería funcionar unha hipotética coalición dunha forza nacionalista como o BNG con outras centralistas?

A base para cambiar ese modelo centralista é, precisamente, a aposta polo BNG. Canto máis poder político teñamos os galegos, máis poderemos decidir por nós. Como pode ser iso compatible con forzas centralistas? Temos moita experiencia en gobernos e cogobernos, aínda que neses casos a marca diferencial pasa polo BNG. Ademais, o centralismo non está só na esquerda, tamén na dereita hai centralismo como se ve no caso de Galicia co goberno de Feijoo. A clave está en poder darlle a volta a esta situación e acadar as transferencias pendentes e iso só o pode facer unha forza coas mans libres como é o BNG. 

María José Fernández: Que lle falta ao BNG para consolidarse aínda que tivera que renunciar a certos postulados? Neste momento tan crítico non sería bo suavizar o discurso?

O que nos falta é que chegue o 12 de xullo porque eu estou convencida de que imos vencer todas as enquisas e facer historia, dobre historia: vai gobernar un partido nacionalista e a presidenta vai ser unha muller. O noso programa está pensado para darlle unha saída ao coronavirus, pero Galicia xa estaba en crise antes. Se María José le o noso programa verá que hai solucións para catro anos, pero sen renunciar nunca a quen somos, porque se renunciásemos aos nosos principios estariamos enganando ao electorado. 

Xoán Carlos Martínez (Arteixo): Que vai facer a favor da relación co norte de Portugal? Como mestre que son, promoverá encontros e experiencias con colexios e institutos portugueses?

Temos desaproveitado unha oportunidade moi grande co mundo da lusofonía, non só desde o punto de vista cultural senón tamén económico, porque se creamos un grande polo económico na eurorrexión poderiamos estar competindo co centralismo madrileño e co empuxe do corredor mediterráneo. Galicia tería que intentar liderar esa eurorrexión, porque hai que recoñecer que, nese ámbito, o están a facer moito mellor os portugueses ca nós, e temos que ver o estamos a facer bastante mal. Penso que niso equivocouse o goberno galego. E respecto da educación, si creo que hai que potenciar o ensino do portugués en Galicia. Temos aprobada unha lei no Parlamento galego que está sen desenvolver, a lei Valentín Paz Andrade, e un dos nosos compromisos é desenvolvela. 

Francisco (Pamplona): Que medidas concretas pensa poñer en marcha para a reindustrialización de Galicia?

A clave está en saber que parte dos 16.000 millóns de euros que van vir da UE van corresponder a Galicia para ter proxectos produtivos. Pero temos outro gran debate, porque temos que abordar como país unha transición enerxética xusta, e de momento, o que estamos vendo é que pechan centrais pero que non hai alternativas. Temos que ter un reparto xusto deses recursos e temos que ver cal é o potencial do noso país, e eu vexo que hai un potencial desaproveitado moi grande en sectores como na produción agrogandeira e na súa industria, no sector eólico ou na medicina. Pero para iso hai que apostar pola innovación con inversión tanto pública como privada. No noso programa falamos de duplicar os fondos en innovación, acabar coa precariedade dos investigadores e captar talento. O que non podemos deixar é que pechen industrias! Esta mañá estiven cos traballadores de Alcoa. O peche de Alcoa non se pode permitir, é roubar o noso futuro. Ten que haber unha intervención pública para a nacionalización desa empresa. E como nese caso, o mesmo con outros sectores que son estratéxicos no país, como o vento, que apenas deixa beneficios para nós.

Jorge Castro: Que fará o BNG a favor da Galicia exterior?

Na Galicia exterior temos dúas liñas de traballo. Por unha banda, que poida volver unha parte desa xeración que está marchando e en cuxa formación estamos investindo para que logo sexan produtivos noutros países; esa é unha perda irreparable, estamos a falar de 300.000 persoas nunha década. Por outra banda, os galegos e as galegas temos embaixadores por todo o mundo que son unha grande oportunidade para tecer redes, pero non fomos quen de sacarlle proveito a esa realidade.

Redro47 (Lugo): Que propostas ten para a igualdade da muller?

Para min ese é un reto persoal importante e unha responsabilidade porque hai moitas mulleres detrás e, afortunadamente, cada vez máis homes que comparten que esa igualdade é necesaria. Nós temos propostas importantes; a principal, contra a violencia de xénero; propoñemos que o 1 % dos recursos de Galicia se destinen á súa loita. Pero tamén coa conciliación, da que son máis consciente agora que son nai, porque é unha carreira de obstáculos e é preciso crear redes públicas como escolas infantís, canguros, racionalidade de horarios nas empresas, loitar contra a discriminación salarial… E no ámbito educativo, suprimir os concertos con quen segrega por sexos e avanzar nunha sociedade que eduque na igualdade.

María: Que propón para o inicio do vindeiro curso, ratios de 25 alumnos?

Estivemos na Coruña reunidos coas asociación de nais e pais e non entenden como é posible que se programe un inicio do curso como se non houbera unha pandemia, ou que Sanidade lles esixa ás universidades uns protocolos que ten que facer a Administración. Que se necesita para o inicio do curso? Pois ese protocolo, a Xunta non pode lavarse as mans ante unha cuestión así. Feijoo, que era tan esixente co Goberno central e pedía protocolos, agora non fai nada, tampouco cos rebrotes. A Xunta non poder recomendar, ten que actuar. O inicio do curso tería que ser unha prioridade e si, hai que reducir ratios e para iso hai que facer unha contratación de profesorado, porque a educación ten que ser presencial (xa que está aí a fenda dixital, e non só no rural) e hai que distribuír as aulas sen correr o risco dun segundo rebrote.

Miguel (Ourense): O BNG, que é un partido nacionalista, quere a independencia de Galicia ou seguir no Estado español?

Galicia vai estar onde queiran sempre os galegos e as galegas. Creo que hai que dar un salto no autogoberno para poder decidir sobre os nosos asuntos, como enerxía ou infraestruturas, recoñecéndonos como nación, e que o Estado español acepte a plurinacionalidade e a capacidade de decisión das nacións que o conforman. Estou convencida de que canto máis autogoberno e capacidade de decisión, mellor nos irá como sociedade. En canto á independencia… Non é unha proposta que conste no noso programa.

Alberto (Oleiros): Se Vox conseguise un escaño e o PP o necesitara, proporía algunha lei para evitar que gobernara a ultradereita?

Esa pregunta habería que facerlla a Feijoo, porque o PP está a lexitimar a ultradereita sobrepasando liñas moi perigosas. Eu estou convencida de que se o necesita, pactará con Vox.

Borja Ervés: Leva vostede 16 anos sendo deputada. Tivo algunha ocupación fóra da política?

Son licenciada en Ciencias Políticas e traballei de asesora dun grupo municipal. Para min é unha honra poder traballar para facer un futuro mellor para o meu país e facelo con honestidade, que é un valor en alza no BNG. A política é unha ferramenta para cambiar a vida da xente.

Dosi (Lugo): Que propostas ten contra a ocupación das vivendas?

Aquí xúntanse dous debates distintos: por unha banda están eses casos de ocupacións por parte de mafias que habería que revisar para que esas situacións non se repitan. Por outra banda está o problema do acceso á vivenda, de mozos que queren emanciparse e non poden porque os pisos e os alugueres teñen prezos inalcanzables. Por iso nós propuxemos hoxe, que estiven en Ferrol, un banco de vivenda pública, así como un imposto á banca para que non teña vivendas desocupadas.

Xesús García: Que propón en política social e en dependencia?

A lei de dependencia está moi ben pero non tiña financiamento, e logo cos recortes, moitos deses dependentes quedaron sen acceso ás axudas. O primeiro que temos que facer é esixir ao Estado que nos devolva os 200 millóns pendentes, cos que poderiamos atender a 8.000 dependentes con ese dereito recoñecido, e logo, crear unha rede pública e eliminar copagos que expulsan á xente do sistema.

Sandra (Vigo): O BNG vai dar axudas para as familias monoparentais?

O que levamos no noso programa electoral é poñer en marcha unha lei de familias monoparentais que permita que teñan acceso a recursos de maneira prioritaria. De feito, esta lei xa a presentamos nesta lexislatura e non puido ser aprobada porque o PP votou en contra, pero entendemos que hai que atender esta realidade porque ademais, estas familias están formadas, maioritariamente, por mulleres que non teñen recursos, e hai que arbitrar unha lei que as protexa.

Rosario Regueira (Lugo): O BNG ten mínimos innegociables cos outros partidos cos que pode chegar a gobernar?

Aínda non puxemos liñas vermellas, estamos a falar dun cambio e aspiramos a que o lidere o BNG, e o día 13 de xullo xa nos poñeremos a traballar.

David: Como pode levar a cabo propostas para as que Galicia non ten competencias, que dependen do Estado central?

Tería que concretar a cales se refire, porque nós temos un programa adaptado ás competencias que ten Galicia, pero cremos que tamén temos que reivindicar as que nos corresponden e niso imos ser esixentes porque Galicia non pode ser a última carta na baralla. De momento, cun único deputado en Madrid conseguimos nun mes máis que Feijoo en once anos.

David Álvarez (Salvaterra do Miño): Podería explicar a proposta do Amazon galego?

Nós estamos vendo que hai unha realidade imparable, que o comercio online vai gañando cada vez máis tempo, e nós o que cremos é que tería que haber unha plataforma á que se puidera acoller o mediano e o pequeño comercio do noso país e que nos permitirá facer esa distribución e esa venta por todo o territorio. Desta maneira, a venta online non dependería dunha multinacional que logo sabemos que comportamento ten e que prácticas utiliza nalgúns casos.

Marina (Ames): Propón medidas para erradicar o eucalipto?

O monte galego ten un enorme potencial, pero agora hai un modelo subordinado aos intereses de Ence que non é sostible nin desde o punto de vista ambiental nin desde o punto de vista económico, porque estamos perdendo moitas posibilidades. Nós que cremos? Agora mesmo hai máis do dobre de superficie de eucalipto que estaba prevista ata o ano 2030, o que significa que habería que establecer unha moratoria na súa plantación e recuperar esas terras agrarias e camiñar cara un monte multifuncional e vivo que, ademais, sería máis útil na loita contra os incendios. En Europa e noutras zonas do Estado español non se apostou polo monocultivo. E agora, co covid, hai unha corrente que está alertar de que en Galicia somos máis vulnerables ás pandemias pola perda desa biodiversidade. Por cuestións ambientais, económicas e de seguridade, é necesario.

Luisa: Aposta por nacionalizar Alcoa?

A única maneira de salvar Alcoa é cunha intervención pública a través da nacionalización. Alcoa ten a suficiente importancia en Galicia para non deixala caer, porque estamos a falar do 30 % do PIB de Lugo. Xa se viu que a venda das factorías a Alu Ibérica foi un desastre e a única vía é a nacionalización, como se fixo en Cerdeña, onde se reactivou a produción. Paréceme incríble que nin o PP nin o PSOE fagan nada. Se por vez de ser en Galicia fose un problema madrileño, seguro que a solución estaba sobre a mesa. Sería esa unha liña vermella? O que está claro é que nós non imos deixar caer Alcoa baixo ningunha circunstancia.

Lola (A Baña): Van vixiar uns prezos mínimos para o leite?

A transparencia dos prezos na cadea alimentaria é fundamental, porque producimos leite de primeira calidade sen que se pague por ela o que lle corresponde. Hai que fortalecer esa industria que ten un potencial enorme e que fixo un esforzo brutal por modernizarse.

Felipe (Culleredo): Que vai pasar co pago das pensións se Galicia é nación?

Galicia xa é unha nación e o noso país non é deficitario desde o punto de vista das pensións, porque os cálculos que se fan son moitas veces interesados e erróneos; normalmente calcúlase o volume total de pensións que se pagan e as cotizacións que hai, pero é que moitas desas pensións que se pagan en Galicia xeraron dereitos fóra de Galicia. Polo tanto, se queremos ser rigorosos, o primeiro que habería que facer é un cálculo real. E segundo, que este país precisa incrementar a taxa de ocupación; ese é o problema e non as pensións. Trátase dun cambio de orientación, porque nós temos os recursos e a riqueza para pagar as pensións.

Pedro (Padrón): Que propón contra o pago das peaxes da autopista?

O goberno central ten un compromiso con Galicia que ten que cumprir para reducir esas peaxes que teñen uns prezos abusivos e logo temos que traballar para reducir esa data da concesión por 75 anos. Pero hai que ir paso a paso, porque hai unha aparataxe na que temos que traballar. O que é escandaloso é que se rescataran as radiais madrileñas que eran deficitarias e non a AP-9 que dá beneficios. Pero tamén haberá que investigar como foi ese rescate que se fixo en tempos de Aznar. O noso horizonte? Unha AP-9 galega libre de peaxes e que o compromiso do Goberno se faga efectivo nos próximos orzamentos do Estado.

Dani Carballada: A que se debe o auxe do nacionalismo da que falan as enquisas, en especial entre a xente máis nova?

Coincido en que imos dar unha sorpresa o 12 de xullo e estou convencida de que se toda a xente que quere cambio participa, o 12 de xullo imos derrotar as enquisas e conseguiremos que neste país se abra un tempo novo da man do BNG. A que se debe que haxa agora esa ilusión que eu polo menos sinto, que hai unha corrente de simpatía, que a xente nos para pola rúa? Non hai fórmulas máxicas, pero eu creo que si hai sectores que ven no BNG a forza política capaz de transformar a realidade do país e que aprezan e valoran tamén que somos unha forza con raíces, con principios, con coherencia e que temos experiencia acumulada de goberno e demos exemplos de xestión nos nosos gobernos municipais e que ven en nós a capacidade de transformar o país en positivo. É certo que é un momento moi ilusionante e o 12 de xullo imos dar a sopresa e imos ter presidenta e un goberno libre de ataduras en Madrid.

Amalia Fernández: Por que leva gañando o PP en Galicia desde o principio dos tempos?

É para facer unha tese pero o 12 de xullo imos romper con esa tendencia.

Manuel (Vilaxoán): Formulará o BNG unha transferencia en materia de costas?

Que a costa galega se xestione desde un despacho a 600 quilómetros é un auténtico disparate, sobre todo que esa costa non ten nada que ver, por exemplo, coa do Mediterráneo. Hai que xestionalo desde Galicia e xa vai sendo hora de que sexa así.

Dan Manuel (Teo): O BNG vai facer vivenda pública?

A vivenda converteuse nun ben especulativo, é moi difícil para os mozos emanciparse. En Santiago, onde vivo eu, os prezos son disparatados. Que propoñemos? Un banco público de vivenda, a construción de máis vivenda pública e unha aposta pola recuperación do patrimonio, pola rehabilitación, xa que nestes anos reduciuse case un 50 % as políticas de rehabilitación.

Lois: Como se pode frear a emigración xuvenil e erradicar o traballo por horas?

Isto supón todo un programa económico no que a creación de emprego sexa a peza central. Como? Un país crea emprego cando aposta polos seus sectores produtivos e por unha economía circular que en Galicia leva anos de retraso, dez anos sen unha política industrial nos que perdemos 20.000 empregos. Para crear emprego hai que poñer o país a producir e evitar xeracións e xeracións de galegos facendo as maletas.

Iria (Santiago): Vanse crear escolas infantís en galego e derrogar o decreto do galego?

Esta é para min unha pregunta retórica, porque si, derrogaremos o decreto da vergoña para evitar que pais e nais que queren educar os seus nenos en galego se atopen con que, en canto meten un pé na escola, haxa unha regresión. Queremos un futuro cunha lingua viva e dinámica. Calquera que viva en Galicia sabe que se hai unha lingua discriminada é o galego. Eu estou convencida de que, canto máis fortes sexamos no cultural, máis o seremos tamén no económico e como país.

 Anteriores encontros cos suscriptores