Gonzalo Caballero nos encontros con lectores de La Voz: «O 12 de xullo, ou preside a Xunta o PP ou a preside o PSOE»

Susana Luaña Louzao
Susana Luaña REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

Gonzalo Caballero, candidato del PSdeG a presidir la Xunta, contestando a las preguntas de los suscriptores de La Voz de Galicia desde la redaccion central del periodico en Sabón
Gonzalo Caballero, candidato del PSdeG a presidir la Xunta, contestando a las preguntas de los suscriptores de La Voz de Galicia desde la redaccion central del periodico en Sabón VÍTOR MEJUTO

O líder socialista recoñece que el non é nacionalista, «senón galeguista», e evita concretar que fará se queda por detrás do BNG: «A mellor enquisa son os resultados electorais das xerais de hai nove meses». E sobre as coalicións: «Cando o PSOE leva o timón, hai un goberno que beneficia ás maiorías»

03 jul 2020 . Actualizado a las 21:25 h.

Os subscritores de La Voz de Galicia participaron nun encontro dixital con candidato de PsdeG Gonzalo Caballero, ao que puideron expor as súas preguntas. Esta é a conversa co lídersocialista. 

 María Ferreiro: Cales son as principais liñas do seu programa a favor da igualdade?

Somos un partido moi comprometido coa igualdade porque cremos nunha Galicia feminista e sabemos que aínda hai moitas fendas nesa cuestión. Temos o compromiso claro de que hai que seguir traballando, por exemplo, na implementacións dos CIM municipais e nun plan para atallar a fenda salarial. Como economista, preocúpame moito esa diferencia nos salarios. Hoxe mesmo anunciei que nós imos crear unha Consellería da Igualdade con rango de vicepresidencia. Imos por en marcha unha nova etapa para darlle ás mulleres en situación maís vulnerable todos os dereitos que teñen. Porque esta crise que atravesamos é un risco para todos, pero sobre todo o é para as mulleres.

José (Betanzos): Que pensa facer co problema das casas ocupadas?

Todos os cidadáns teñen dereito a unha vivenda digna e correspóndelle ao Estado garantizarlla. Pero a propiedade privada tamén é un derreito e os seus donos teñen que ter garantías de que non van ser ocupadas as súas casas. É necesario facer unha política de vivenda que garanta un aluguer ou un piso de protección oficial a quen non o ten. Hoxe en día, medio millón de galegos se move no umbral da pobreza e estase a calcular que, con esta crise, poden ser 40.000 máis. Iso hai que solucionalo, pero tamén hai que dar garantías xurídicas aos propietarios das vivendas porque eles tamén teñen os seus dereitos.

Javier Álvarez (Nigrán): Cal é a súa experiencia laboral fóra da política?

A miña experiencia só como político non ten máis que dez meses, desde que entrei no Parlamento de Galicia. Antes estaba na Universidade de Vigo correxindo exames e poñendo nota. Durante dous anos fixen política sen ter ingresos porque mantiven a miña actividade profesional. Son profesor na Universidade de Vigo o volverei a selo. Teño un doutoramento en ciencias económicas e outro en políticas e penso que é importante para o meu traballo na política saber de economía. Eu teño unha traxectoria laboral plena, non necesito vivir da política, pero podo aportar coñecemento ao país, unha vocación de servizo público e unah folla de ruta para superar esta crise, e aporto para iso máis de vinte anos de experiencia como economista, como investigador e como docente.

Ana (A Estrada): Sempre fala de progresismo.Cales son esas medidas progresistas que tanto defende?

Eu son socialista. Non fago como Feijoo, que prefire agochar as siglas. Eu estou orgulloso do PsdeG-PSOE e son socialdemócrata e europeísta, entendendo que o Estado ten que ter un papel importante no benestar da xente, cunha orientación de xustiza social. E cando digo que son progresista é porque creo e quero progreso, fronte aos conservadores que queren conservar. E se utilizo o termo progresista é porque nós temos as portas abertas a todos aqueles que, coma nós, queren un cambio e queren progreso, e a todas esas persoas pedímoslle o seu apoio.

Juan Ramón Vidal: Por que sempre empeza ou acaba falando mal de Feijoo?

Non, non é unah cuestión persoal. Pero se vexo o balance de once anos co PP na Xunta e se o PP optou por ese modelo personalista… Galicia ten hoxe menos poboación, menos xente ocupada, 500 camas menos que hai once anos, 1.000 profesores menos e na pesca, na industria e noutras actividades os recurtes foron de 2.000 millóns de euros. Eu son un home responsable e non teño un proxecto en contra de ninguén, pero si teño un proxecto para que a xente viva mellor. Estamos a falar de dous modelos distintos, porque non é o mesmo que goberne o PP que o PSOE, a esquerda que a dereita, e para saír desta crise hai que saír pola esquerda. Non é nada contra unha persoa en concreto, pero o presidente da Xunta é o responsable do seu goberno.

Santiago: Na enquisa de La Voz saía que os galegos non aproban a xestión da pandemia do Goberno. Por que sempre está louvando o goberno de Sánchez? Non pode prexudicarlle?

Eu estou orgulloso de como os galegos respondimos con moita responsabilidade nesta pandemia tan grave. A OMS acaba de dicir que España tomou medidas de calado nesta crise, das máis duras do mundo, para protexer a saúde dos cidadáns, poñendo un escudo protector. Houbo erros, por suposto, e actuamos tarde, pero todos os países do mundo actuaron tarde. E o PP, e Feijoo tamén, pediron que se levantaran o estado de alarma nun exercicio de irresponsabilidade que menos mal que o Goberno de España non os escoitou. Por iso defendo esa xestión, porque todo o que se fixo foi por garantir a saúde da cidadanía.

Pablo Fernández: Pensa poñer en marcha un plan para reconverter a minería como recomenda a UE?

Temos que salvagardar o sector, sen dúbida, pero tamén temos que salvagardar o medio ambiente, e non como fixo o PP, por exemplo, coa mina de Touro, que tivo que arrecuar porque non tiña unha planificación para a minería. Nós apostamos por unha actividade mineira con criterios de sostenibilidade e traballar alí onde poidamos contribuír á riqueza de Galicia.

Iago (Vigo): Sempre parece que está enfadado cando fala.

Xa mo teñen dito. Nos debates falo con vehemencia e o meu xesto pode dar a imaxe dunha certa tensión, pero non é porque estea enfadado, e porque son así, é a miña maneira de expresarme. Non teño moitos asesores de imaxe, son natural, son como son. Pero non me enfado, e tratarei de melloralo.

Antón Lois (Arcade): Defende que só entren as Cíes na candidatura de patrimonio da humanidade ou tamén as outras illas?

Ese era un proxecto que precisaba dun consenso previo e a Xunta non foi quen de acadar ese consenso, e tal e como está, non ten pulo para que a Unesco o declare matrimonio da humanidade. O presidente da Xunta nin sequera chamou aos alcaldes pola pandemia, e tampouco o fixo neste caso. Non está o traballo feito e haberá que facelo para que se acade un acordo por unanimidade. Logo do fracaso da Xunta, haberá que explorar outras vías porque as Illas Atlánticas, e en particular as Cíes, o merecen.

Alberto (Oleiros): Que política forestal defende para o eucalipto?

Hai que ter unha planificación clara. Hai que defender e manter todo o territorio. O que pasa é que o monte está abandonado. No caso do eucalipto, haberá lugares nos que haxa que restrinxir a súa explotación, pero pola contra, noutros lugares está a crear moita riqueza entre os propietarios deses montes. Haberá que chegar a un equlibrio con menos peso do eucalipto pero permitindo que siga a dar esas posibilidades de ingreso. O equilibrio é importante, e ás veces tendemos aos debates de todo ou nada. A miña intención é traballar por unha economía verde e sostible, pero rendible.

Nacho Louro (A Coruña): Galicia foi a única comunidade autónoma que creou emprego no último mes. Iso tamén é unha mala xestión da Xunta?

O PP sempre trata de escapar do debate da poboación ocupada. Entre os anos 2009 e 2020 perdéronse 70.000 postos de traballo en Galicia e moita xente tivo que marchar fóra. O PP só ten en conta a xente que está traballando en relación coa que está en Galicia e pode traballar. Pero a realidade é a outra, a realidade é que en once anos perdéronse 70.000 empregos. O outro, o de xuño, é unha cuestión puntual dun mes. A economía galega non ten ciclos tan marcados como as de outras comunidades, é unha economía menos dinámica. E o PP o que está amosando é un dato parcial para agochar unha realidade que é nefasta.

Javier (Arteixo) Dimitirá se acada máis votos o BNG e ten que cederlle o liderado?

Non hai ningunha enquisa que non poña ao Partido Socialista como segunda forza en Galicia. Se expoñemos outros escenarios, tamén podemos preguntarnos que faría o PP se Vox acada dez deputados. Eu coñezo bastante ben as enquisas e o que están a dicir é que o 25 % dos galegos van decidir o seu voto esta semana, e tamén que a forza que acada máis simpatías é o Partido Socialista. Máis do 55 % dos galegos síntense na esquerda ou no centroesquerda, como se ve en todas as eleccións, cunha maioría de voto progresista. A mellor enquisa, é a das eleccións de hai oito meses, e o noso reto é que a xente vaia votar, e que do mesmo xeito que daquela fixeron a Pedro Sanchez presidente, que agora se vote tamén por un goberno progresista en Galicia. E eu estou convencido de que o PSOE vai liderar un goberno de progreso en Galicia. A impresión que teño nesta campaña é moi positiva.

Javier Jiménez (Vigo): Que cre do modelo do Álvaro Cunqueiro e que pensa facer para garantir a saúde pública en Galicia?

Temos que estudar polo miúdo o que pasou co Álvaro Cunqueiro. Nós defendemos a sanidade pública, gratuíta e universal imos traballar dende o público. De feito, esta crise ven de demostrar o importante que é a sanidade, un seguro de protección para todos os cidadáns. No caso do Cunqueiro imos estudar como poder controlar esa concesionaria, e se podemos revertelo e devolvelo ao público, estaremos dispostos a facelos. Pero eu fago unha campaña seria e o que non vou é facer promesas sen facer estudos previos. Haberá que ver iso e facer políticas para que non se repitan, tampouco, casos como o de Povisa, vendido a unha empresa que nin sequera está implantada aquí.

Roberto (O Entrimo): Aceptaría non ser vostede o presidente da Xunta de ter máis votos o BNG?

Nós traballamos na política real. En Galicia non hai unha maioría nacionalista e nós somos o Partido Socialista. O 12 de xullo, ou preside a Xunta o PP ou a preside o PSOE. Galicia necesita un presidente socialista, galeguista e reformista. Nós somos o cambio con garantías.

Luís Asimón (A Coruña): Cre posible salvar Alcoa?

O PP non fai política industrial, non lle gusta, no seu modelo neoliberal prefire poñerse de perfil. No caso de Alcoa danse dúas situacións distintas. No caso da planta da Coruña, hoxe Alu Ibérica, hai que estudar os mecanismo para que se poida manter a actividade e hai que evitar que se repitan esas ventas de empresas a fondos sen garantía de solvencia. No caso de San Cibrao, que era pública e foi privatizada polo PP, estamos a falar dunha multinacional que recibiu millóns de euros en axudas. Se Alcoa mantén a inversión, vai ter un presidente da Xunta colaborador; pero se non quere, xunto co Goberno de España imos marcarlle unha política de confrontación para que devolva as axudas que recibiu a cambio de manter o emprego e tamén para esixirlle todos os requerimentos medioambientais que se derivan da planta de lodos que está establecida en Alcoa-San Cibrao. Alcoa quere pechar e non quere vender nin ceder a planta a inversores estranxeiros porque non quere competencia, quere manter o oligopolio do aluminio e iso non se pode permitir. Na Unión Europea non se pode permitir unha decisión estratéxica oportunista dunha multinacional, a de pechar a planta para que ninguén lle compita no mercado. Eu comprométome a facer un plantexamento de futuro para Alcoa-San Cibrao pedíndolle ao presidente do Goberno en canto sexa elxido presidente da Xunta, compartir unha folla de ruta para manter a Alcoa como inversor, para abrir inversións a outros socios se Alcoa non quere, ou se non, para tomar a decisión da intervención que sexa necesaria para evitar que se paren as cubas, que non se poden parar porque tería un efecto dramático. Haberá que poñerlle a compañía as cousas claras cando presente o ERE, para que ese ERE teña que tramitarse durante varios meses porque ten dificultades no seu plantexamento, porque ese plantexamento non pode ser admitido, e así ser tempo para buscar unha folla da ruta para manter a actividade no emprego. Ese é o meu compromiso.

Alfredo (Ponteareas): Que opina de que o alcalde de Vigo gaste miles e miles de euros nunha medida tan ecolóxica como iluminar Vigo durante unha festa relixiosa e aínda máis facer neve artificial?

Creo que é unha festa relixiosa pero asumida por todos, e empregáronse luces de menor custe enerxético. Converteu en viral un fenómeno que acabou dando a volta ao mundo e que acabou sendo unha grande campaña de promoción para Vigo, e os cidadáns de Vigo están moi contentos. Iso non deixa de ser compatible coas políticas medioambientais.

Lucas (Boimorto): Que pensa do dereito a decidir dos cataláns?

Nunha democracia rexímonos por normas que están dentro da Constitución. Eu son un demócrata convencido e un constitucioanalista, aínda que penso que habería que reformala. Hai que atopar unha vía política que non sexa a da independencia e chegar a unha solución para o caso catalán sempre dentro das normas democráticas. Todos decidimos, en Galicia tamén hai que decidir. Eu non son nacionalista, son galeguista; non son independentista, son máis ben internacionalista. Sinto Galicia porque é a miña identidade, pero son tamén español e europeo. Falar da independencia é, no fondo, un plantexamento de choque. Para min é máis importante falar da sanidade e da educación, e diso hai moitas eivas en Galicia.

Jacobo (Culleredo): Podemos é leal a Pedro Sánchez? Non pode pasarlle a vostede o mesmo que pasou entre Touriño e Quintana?

O goberno de España está funcionando ben. É o primeiro goberno en coalición e nada máis chegar tivo que afrontar a pandemia máis grave que se recorda. E hai que poñer en valor as medidas que se tomaron: 270.000 galegos cobrando o ERTE, 70.000 autónomos tendo ingresos, prohibir desafiuzamentos e cortes de suministros básicos, o ingreso mínimo vital, 2.000 millóns de euros en inversión para educación para as comunidades autónomas… É un goberno que está tomando moitas decisións, máis alá de que poda haber algún tipo de presión. E o que pasa en Galicia é que toda a esquerda quere o cambio, e que o cambio o ten que liderar o Partido Socialista, que xa goberna tres deputacións xunto con outras forzas e que xa demostrou que, cando o PSOE leva o timón, hai un goberno que beneficia ás maiorías.