Ángeles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente: «O Goberno quere deixar a costa virxe cun desaloxo paulatino ata 2045»
GALICIA
Advirte que o cambio da lei que pretende o Executivo levaría a Galicia a vivir «de costas ao mar» e comprometería o futuro de case 4.000 construcións
19 jun 2022 . Actualizado a las 09:36 h.Chega Ángeles Vázquez Mejuto (Melide, 1971) con un voluminoso catálogo de máis de 300 bens patrimoniais na costa galega. Moitos deles, explica a conselleira de Medio Ambiente, están ameazados pola inseguridade xurídica ou as negativas do Goberno central a autorizar actividades na franxa de dominio público marítimo-terreste
—Cal cre que é o obxectivo do Goberno co plan para o litoral?
—Quere unha costa libre e virxe na que, como se fora un concerto, se faga un desaloxo paulatino dos humanos ata o ano 2045.
—Iso é posible en Galicia?
—Temos máis de 2.000 quilómetros de costa. Queren empezar dende o dominio marítimo-terrestre e avanzar. Para Galicia isto suporía vivir de costas ao mar. Nós pensamos que é compatible a vida na costa dende o punto de vista socioeconómico, co lecer e coa súa protección. Quen mellor pode manter ese difícil equilibrio e o Goberno autonómico. Por iso reclamamos as competencias.
—Como se fixo ese plan?
—Acaban de presentarnos a estratexia da costa libre, que o mesmo Goberno recoñece que non se basea nun estudo científico ou técnico. Fixeronna cun cuestionario a entidades. Preguntamos cales foron e, baseándose na confidencialidade de datos, non o dixeron. Agora está nunha exposición pública que non é tal; nin está na páxina do ministerio, e hai que rexistrarse na web dun instituto cántabro para consultala. Como nos parece tan escuro todo, imos enviar nós esa estratexia aos 82 concellos do litoral galego, as empresas da cadea mar-industria, e ás organizacións que velan polo patrimonio. Tamén faremos alegacións. Queremos que impere a sensatez, algo tan serio como que ata o 2045 vaian desaparecer 4.000 edificacións costa non se pode basear nun cuestionario subxectivo.
—Pedirían explicacións.
—Dinnos que unha estratexia non é norma, que é unha ferramenta para lexislar. Pero como xa coñecemos o acontecido nos tres últimos anos, podemos imaxinar que é o que se persegue. E de aí a nosa preocupación, porque é urxente que Galicia teña plenas competencias na costa.
—E para que queren en concreto esas competencias?
—O Estatuto recoñece plenas competencias no litoral. En materia de ordenación xa se están exercendo, pero a parte executiva, a concesión de prórrogas de actividade, non se recoñeceu a Galicia, si a Cataluña e Andalucía. Din que temos que reformar o estatuto, pero nos avala o Tribunal Constitucional. E dende 2018 urxe, porque hai unha inseguridade xurídica total.
—O Goberno asegura que está concedendo todas as prórrogas ás instalacións da costa.
—Dende 2018 algunhas prórrogas foron denegadas, e outras diminuídas. Levamos tres anos nos que a industria asentada na costa, como as conserveiras, deixou de investir porque contaban con ter 75 anos como máximo. So se corrixiu con recursos. Viuse en Murcia: negouse unha prórroga a unhas vivendas, e tivo que ser o Tribunal Supremo o que mandase cumprir a lei do 2013 ao Goberno. Empezaron pedindo un informe totalmente dirixido á Avogacía do Estado para non dar prórrogas. Foi superado na sentencia de Murcia. Logo pretenderon cambiar a Lei de Costas mediante un regulamento. Fixeronno con nocturnidade e aleivosía, un venres, e dando so cinco días para alegar. Pero houbo miles de reclamacións. Agora viron a oportunidade coa Lei de Cambio Climático, metendo un artigo que modifica a Lei de Costas. Son moi pouco valentes, porque todo se fai de xeito escuro sen dar a cara.
—O delegado do Goberno insiste en que hai que cambiar o Estatuto.
—Diríalle que non sexa o carteiro de Pedro Sánchez e Teresa Ribera, e se converta en defensor de Galicia. E tamén que se poñan de acordo, porque non poden negar o que di o Estatuto. As transferencias poden ser por real decreto. Tamén o di o BNG, e o PSdeG está a favor, hai un importante acordo no Parlamento. Logo sae o delegado coa mensaxe que lle traslada Teresa Ribera.
«Sabemos perfectamente onde poñer ou non parques eólicos»
Vázquez tamén ten responsabilidades na xestión dos residuos ou na implantación de eólicos.
—¿Acabarán en Sogama os Concellos que empregan as plantas de Nostián e Barbanza?
—Segue habendo esa posibilidade. A Comisión Europea foi clara e dixo que non haberá financiamento para quen non separe en orixe. Iso obriga a ter o quinto contedor en decembro de 2023. Pero o Goberno adiantou o prazo a este 30 de xuño. É imposible que os concellos podan cumprilo, porque teñen que facer modificacións contractuais, e teño que negarme a sancionar. Pero si imos esixir que dean pasos para implantalos no 2023. Os concellos que usan esas plantas teñen que tomar unha determinación sobre qué queren facer, e a Xunta estará aí para asesorar e axudar.
—Entende a postura do Goberno sobre a enerxía eólica?
—Perdinme con eles. Entendo a de Galicia. Temos un plan sectorial e sabemos perfectamente onde poñer ou non parques eólicos. Sempre con garantías ambientais e transparencia. De repente nos atopamos con que o Goberno ten compromisos que non é capaz de cumprir e, en vez de coordinarse coas comunidades, dá barra libre para solicitar parques a esgalla. A gran maioría están fóra do plan sectorial, e infórmanse de forma desfavorable. Entón din que podemos prescindir de autorizacións ambientais e de información pública. E por suposto que Galicia se nega. Nós non estamos dispostos, e os promotores tampouco o queren por seguridade xurídica. Unha cousa é avanzar cara a enerxía limpa, e outra é non cumprir con nada.