Xan María Castro, ex secretario xeral de Comisións Obreiras: «Os sindicatos tamén teñen que mudar»
GALICIA
Activo antifranquista, primeiro dende o mundo cultural e político, e logo dende o sindical, este coruñés do barrio de Monelos segue ao pé do canón como presidente da Fundación 10 de Marzo
05 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.«Nacín o mesmo día que Ho Chi Minh, pero 60 anos máis tarde», di Xan María Castro (A Coruña, 1945) sobre a súa chegada ao mundo un 19 de maio no barrio de Monelos. Naceu como Juan María («naquel momento era practicamente imposible poñerlle a un neno un nome en galego»), pero xa na época na que foi un dos fundadores da Asociación Cultural O Facho (creada en 1963) pasou a ser Xan entre os seus compañeiros.
Aquela asociación foi unha das primeiras manifestacións do seu interese en mudar as cousas. Porque Castro, afiliado ás Xuventudes Comunistas dende 1965, foi un activo antifranquista, o que lle valeu ser encarcerado varias veces. «A primeira foi en 1967. Pasei dous meses nunha cela completamente incomunicado, só saía para facer as miñas necesidades. E ata cando mandaron un perruqueiro para me cortar o pelo, tiven a un garda apuntándome cun fusil Cetme. Logo estiven un mes máis no castelo de San Felipe en Ferrol», recorda. Máis adiante, pasou seis meses no cárcere da Coruña. «Fixemos unha folga de fame e metéronos en celas de castigo. Estaban nos sotos, cunha humidade terrible e unha manta nada máis. E volvemos poñernos en folga. Eu non morrín porque o compañeiro da cela do lado, Rafael Pillado —outro coñecido sindicalista— avisou aos gardas, que me sacaron en mínimos de tensión. O caso saíu na prensa, tivo repercusión internacional, e deixaron de usar aquelas celas inhumanas», conta.
En 1973, aínda no franquismo, comezou a súa actividade sindical. Cos anos, chegou a ser secretario xeral de CC.OO. en Galicia. Foi elixido no 2000, «logo de Manolo Amor Deus e Xesús Díaz Díaz [o pai da vicepresidenta Yolanda Díaz], foi un tempo de moita loita, absorbía moito tempo, porque dende a dirección tes que atender a problemas moi diversos, en lugares moi diversos», lembra. No ano 2009 el mesmo renunciou a optar a un terceiro mandato: «CC.OO. permitía un extraordinario, pero sempre me pareceu unha tontería, pensei que con dous era suficiente, había que dar paso a xente máis nova».
Sendo cabeza do sindicato coincidiu con Emilio Pérez Touriño como presidente da Xunta. O socialista é o político que lle vén á cabeza cando se lle pregunta a quen sentaría a cear na súa mesa no Nadal. «Sempre tiven boa relación con el, incluso na etapa como presidente, cando é máis difícil porque sempre hai discrepancias. Sempre me pareceu moi aberto a escoitar».
Hoxe Xan María Castro segue ligado a Comisións, e é presidente da Fundación 10 de Marzo. «Os sindicatos están nun momento difícil. Falta un pouco de debate sobre cómo cambiar. Os entes produtivos mudan, e os sindicatos tamén teñen que facelo, e teñen que achegarse ás novas xeracións, é moi importante que os mozos vaian entrando como afiliados e como membros activos», reivindica dende a súa casa de Bertamiráns (Ames), onde madruga, le («menos do que debería, agora vou a artículos sesudos, antes gustábame moito a novela, na que coincido con Valle-Inclán porque a que máis me gusta é Guerra e Paz, de Tolstoi»), e dá bos paseos «por gusto e por prescrición médica».
Dende hai anos vive só, aínda que o nome da súa compañeira, falecida hai uns anos, xorde varias veces durante a conversa («era tamén unha loitadora, Victoria Díaz Cabanela», di). Ten dous fillos, e o menor xa o fixo avó dun neto que, el si, xa puido ser rexistrado como Xan nada máis nacer.
Fun
Activo antifranquistas e secretario xeral de CC.OO.
Son
Presidente da Fundación 10 de Marzo e xubilado