A Administración de Xustiza morreu. Viva Llop!

Rodrigo Osorio Guerrero LETRADO DA ADMINISTRACIÓN DE XUSTIZA

GALICIA

Grupos de letrados xudiciais durante unha manifestación de protesta en Madrid.
Grupos de letrados xudiciais durante unha manifestación de protesta en Madrid. Eduardo Parra | EUROPAPRESS

29 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O luns, os letrados da Administración de Xustiza (LAX) aprobamos por maioría abafante (76 %) a proposta do Goberno para pór fin ao paro. Onte, o comité de folga asinouno en Madrid. A estratexia liderada na sombra pola ministra Llop foi soberbia: desgastarnos para que nada mudase, mentres vendía un relato que pouco se correspondía coa realidade. Non é doado defender a necesidade de ser funcionario en España após Larra! E o Goberno, celoso custodio da ineficacia da Xustiza, fixo o posible para desarticular á masa de «vagos privilexiados» que solicitabamos «1.100 euros máis ao mes» (para cafés en horario laboral?) O guionista semellaba ser o defunto Forges.

Armado o cebo, moitos picaron e fixeron de voceiros do ministerio. E aínda que cada golpe do secretario de Estado parecía reforzar aos folguistas, todo estaba orquestrado por Llop, que se facía a ocupada noutras insignificancias. O plan era manter a Administración rota, enfrontada: graduados sociais, procuradores e avogados fronte funcionarios. A folga brindou a ocasión de ouro para afondar na división dos LAX co resto dos funcionarios. Nestes 64 días houbo intres esperpénticos, outros serios e intervencións cheas de carraxe. Nós intentamos manter a dignidade e a unidade: os segredos da nosa forza. O secretario de Estado rompeu violentamente as conversas e após un longo silencio, un terzo dos LAX manifestámonos en Madrid e pedimos a Llop que saíse á negociar.

Pero a ministra tiña outra baza. A ninguén sorprenderá que somos un corpo conservador, mesmo ultraconservador: deses que devecemos polo «paxaro na man», e lanzou o órdago. Un ofrecemento que pouco tiña que ver coas nosas reclamacións, pero que era «a súa derradeira oferta». Só quedaba rexeitala, pero non era bonito o paxaro que tiñamos na man? Érao para a maioría, e quedamos con el. Á vista do acordo e da fiabilidade do Goberno, o secretario de Estado pode seguir incitando ao resto da cidadanía a chamarnos peseteiros, e nós volvemos aos nosos postos cunha Xustiza tan separada e ineficiente coma sempre, e sen ningunha das medidas non económicas que levamos reivindicando dende o 2009. Viva Llop!