Queremos Galego convoca para o Día das Letras mobilizacións en nove concellos en defensa do idioma

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

Manifestación en Santiago no 2021
Manifestación en Santiago no 2021 PACO RODRÍGUEZ

«En galego, aquí e agora» é o lema da campaña deste ano, na que tratan de implicar aos concellos como normalizadores

16 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

«En galego, aquí e agora» é o lema co que se convocaron para mañá, mércores, Día das Letras Galegas, manifestacións en nove localidades galegas. A convocatoria vén da man de Queremos Galego, plataforma cidadá da que forman parte máis de 500 entidades. Nesta ocasión, segundo explicou onte a xestora da plataforma, decidiuse aproveitar a proximidade das eleccións municipais para reivindicar o papel normalizador dos concellos fronte ao que consideran «o desleixo do resto dos poderes públicos».

Queremos Galego advirte da situación de «emerxencia lingüística» xusto cando se fan corenta anos da aprobación da Lei de Normalización Lingüística, e entende que esta situación «non permite esperar outros corenta anos a que as institucións se dignen a cumprir as súas obrigas».

A plataforma insiste na necesidade dunha «oficialidade real» que permita recibir atención en galego sen obstáculos, ver audiovisual, ter ensino ou relacionarse coa Xustiza en galego, fronte aos «impedimentos de todo tipo» que detecta na actualidade. Un contexto no que considera que «é lóxico que o galego perda falantes» malia que aumenten as persoas que insisten en vivir en galego e transmitilo: «É esta conciencia reparadora a que está a garantir a existencia da nosa lingua».

Os actos

Para defender o galego sairán á rúa este mércores ás doce do mediodía. En Vigo sairá do cruce da Vía Norte en dirección ao Marco; na Coruña haberá unha concentración no Obelisco; en Ourense, na praza do Correxidor; en Santiago, os participantes sairán da Alameda con dirección a Praterías; en Lugo haberá concentración na praza Maior; en Pontevedra, na praza Curros Enríquez; en Ferrol, na praza do Inferniño; en Monforte, na praza de España; e en Foz, diante do Concello.

Marcos Maceira, voceiro de Queremos Galego, apunta que, se todas as entidades locais reclamasen en galego a súa documentación e as súas actividades, «a situación do galego sería moi outra», de aí que este ano convertan os concellos en protagonistas da xornada reivindicativa de mañá.