Ángeles Vázquez, nova vicepresidenta da Xunta: «Non ten sentido un adianto electoral en Galicia, temos total estabilidade»

Xosé Vázquez Gago
Xosé Gago SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

CESAR QUIAN

Ascendida por Rueda tras a última remodelación, a tamén conselleira de Medio Ambiente asegura que «Feijoo vai apuntalar as eivas nas que o Goberno central non axudou»

18 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Ángeles Vázquez Mejuto (Melide, 1972) é a muller forte do Goberno de Alfonso Rueda dende este xoves, cando a nomeou vicepresidenta segunda. É a primeira muller que asume unha vicepresidencia na historia da Xunta. Engade a esa responsabilidade a que xa tiña como conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Chegou a San Caetano no 2015, pero antes foi alcaldesa de Melide durante 12 anos e parlamentaria.

—Tiveron que pasar máis de 40 anos para ter unha vicepresidenta de Galicia.

—Algo que non debería ser histórico, éo. Alguén tiña que dar esa oportunidade e foi o presidente Rueda. Recae en min, pero podería ser en calquera das compañeiras que forman parte do goberno. Cando me presentei ás municipais, tamén me dixeron: «Es a primeira alcaldesa de Melide». E no Congreso fun a primeira da miña zona. Supoño que é abrir camiño para moitas outras, e demostra que cando o PP fala das mulleres faino con total respecto, porque dá as oportunidades para desenvolver un proxecto político cunha visión de muller.

—E como é esa visión?

—Eu creo no traballo e na constancia. A partir de aí, na igualdade que perseguimos, é certo que somos distintos. As mulleres podemos ser máis perseverantes ou consecuentes, pero penso sobre todo que a estas alturas non deberiamos ter que demostrar absolutamente nada.

—Como asume o cargo?

—Eu asúmoo con moita responsabilidade, que é como se teñen que asumir estes cargos, e se cabe redobrando esforzos e coa idea de cumprir todos os fitos que ten previsto o presidente.

—Intuía o nomeamento antes de que se producira?

—Non, en absoluto. O traballo en si absórbete e pensas en sacalo adiante. Os cargos para min son responsabilidade e carga de máis traballo, e tamén ir concluíndo todo o que comezas para facer esa Galicia da excelencia que se marca o presidente Rueda.

—Falou Rueda de canto vai durar o goberno ou se haberá adianto electoral?

—O que nos traslada o presidente, que é moi transparente, é o que vén dicindo. Non ten sentido un adianto electoral en Galicia. Non temos présa como puido ter [Pedro] Sánchez, que valorou: «Se agardo máis tempo, perdo máis votos, esa sangría teño que parala». Non é o caso de Galicia, temos total estabilidade e hai un programa e liñas estratéxicas que queremos desenvolver cumprindo os tempos.

—Esgotarán a lexislatura entón?

—Cando digo que non hai présa é porque temos o noso programa e temos que cumprilo. Agora temos unhas eleccións moi importantes nas que todo apunta a que Alberto Núñez Feijoo será o próximo presidente. El coñece mellor que ninguén a Galicia e vai apuntalar todas aquelas eivas nas que durante todos estes anos Sánchez, o seu Goberno e as súas coalicións fixeron todo o posible para non axudarnos.

—Atribúeselle un perfil máis político á diferenza doutros conselleiros. Tocaralle exercer de voceira?

—Ben, por suposto estou á disposición das encomendas que me faga o presidente. Todos nos especializamos nas nosas áreas, pero como goberno tamén debes saber do resto. No meu caso, todas son moi transversais. Está unha dirección de calidade ambiental pola que pasan todas as industrias, o planeamento, os planes estratéxicos. Outro eido é social, como a vivenda que está entre as fundamentais. Ese contido transversal da consellería tamén se liga a ser vicepresidenta.

—Implica iso coordinar outras consellerías como facía Francisco Conde na parte económica?

—Non, as miñas funcións van seguir sendo as mesmas, pero si é certo que a maior responsabilidade implica unha maior coordinación, pero nas miñas áreas.

—O cambio da vicepresidencia do aspecto económico ao ambiental, cambia tamén os obxectivos do goberno?

—Non, a clave é ese papel transversal e facilitador da consellería. Nada cambia, todo o contrario: somos un goberno continuador que loita día a día por mellorar.

—Os vicepresidentes adoitan ser parlamentarios para substituír ao presidente. Non é o seu caso. Falaron do que se faría se hai ceses ou indisposicións?

—Non, non é un tema que preocupe nin transcendental. Temos uns parlamentarios fantásticos. Diego [Calvo] é parlamentario e, por riba de todo, temos a un Alfonso Rueda moi fortalecido, cunha saúde envexable e ao que lle queda moito por facer, por vivir e por traballar en Galicia.

«A vivenda non é un tema para sacar só na véspera das eleccións como fixo Sánchez»

A conselleira destaca a vivenda como unha das liñas estratéxicas marcadas por Alfonso Rueda.

—A onde queren chegar e como?

—Temos que facilitar o acceso a un fogar, sobre todo aos máis novos. Imos esforzarnos na vivenda pública e xa temos un plan estratéxico aprobado no Consello da Xunta. Esta semana sacamos as bases das axudas de eficiencia enerxética con 40 millóns de euros e abertas ata outubro. Esperamos chegar a 5.200 familias. E, entre outras liñas, pronto sacaremos a primeira que facemos de cohousing. Son vivendas que darán servizo a maiores e xente nova. Irá destinada a promotores que queiran construír en solo privado e que van ter axudas de ata 50.000 euros e en réxime de alugueiro durante 20 anos.

—E o plan do Goberno central das vivendas da Sareb?

—A vivenda non é un tema que se poida sacar á luz pública na véspera das eleccións, como fixo Sánchez. Falou dez días antes e nunca máis. Non tivemos máis noticias, nin conferencia sectorial. Nós insistimos. Fixemos tres comunicacións e as respostas son contraditorias. Non coinciden os datos da primeira cos da última que acaba de chegar. Para nós e estratéxico, queremos que Galicia sexa a rexión na que a xente queira vivir e aproveitar o turismo e o asentamento climático.

—Como é iso?

—Xa estamos detectando xente que vén de turismo ou que vén vivir a Galicia polo clima máis benigno, xente que foxe das altas temperaturas do sur porque aquí pode aproveitar todo o día e ter máis calidade de vida. Galicia é verde, e temos que coidala, por iso estamos facendo a nova lei do clima que lle vai dar consideración prioritaria en todas as políticas sectoriais.

«Opoñerse á lei do litoral é difícil, é opoñerse a Galicia»

Un dos principais proxectos da consellería a curto prazo é a aprobación da nova lei do litoral.

—Cando debe estar aprobada?

—A previsión é tela aprobada en xullo. Os tempos márcaos o Parlamento, pero está todo organizado para que así sexa. Estaba gratamente sorprendida porque non houbo emendas á totalidade.

—O PSOE di agora que vai votar en contra do texto.

—Non vou ocultar que me sorprende, mais cando non presentaron nin unha emenda. E sorprende máis cando o seu secretario xeral anunciara o seu apoio. Ao PSdeG sóbralle o «g» de Galicia, só está ao que lle diten desde Madrid. Esta lei apróbase no exercicio lexítimo dunha competencia exclusiva, a da ordenación do litoral. O PSdeG está a negar que Galicia a teña; está, pois, a emendar o Estatuto. Que non sumen e non traballen para facer achegas e logo voten en contra dunha lei feita por e para Galicia é un desprezo aos galegos e un abandono das súas obrigas.

—E as emendas do BNG?

—A maioría son de adición e non de supresión. Algunhas ímolas rescatar. Pero hai unha liña vermella que non podemos pasar: a definición que fai o BNG de litoral é totalmente subxectiva e nós o que perseguimos é obxectividade e seguridade xurídica. Para nós, o litoral é o espazo que abrangue o límite administrativo dos concellos e, se vai máis alá é porque hai un espazo natural a protexer e 30 millas mar adentro. Non serven as definicións máis subxectivas.

—Pero que definición fai o BNG?

—Pois, en realidade, usan un concepto moi difícil de entender, tanto que non o entenden nin os técnicos e a miña pregunta nese caso é como se ía aplicar.

—Vostedes esperaban que saíse adiante case por consenso.

—Si, porque é unha lei non política, é técnica e científica. Foi presentada por un goberno que quere que a costa siga viva. Foi moi participada e a tramitación, transparente. Opoñerse á lei é difícil porque é opoñerse a Galicia.

—E o mapa empresarial?

—Partimos dunha modificación do plan sectorial, pero pensamos que tiñamos que ir máis alá. Estamos desenvolvendo solo industrial. Temos previsión de licitacións e estamos localizando reservas de solo estratéxico para chegar a 15 millóns de metros cadrados co fin de facer unha planificación para os vindeiros 15 anos.