Roberto L. Blanco Valdés: «Non creo que haxa ningún problema importante en Galicia cuxa solución dependa de que se reforme o Estatuto»

Sara Pérez Peral
S. Pérez REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

O catedrático de Dereito Constitucional da Universidade de Santiago, Roberto L. Blanco Valdés, na clausura da Escola de Verán do Poder Xudicial en Mariñán
O catedrático de Dereito Constitucional da Universidade de Santiago, Roberto L. Blanco Valdés, na clausura da Escola de Verán do Poder Xudicial en Mariñán EDUARDO PEREZ

O catedrático de Dereito Constitucional da Universidade de Santiago asina un ensaio sobre a construción política da autonomía galega na publicación do Parlamento «Os tempos son chegados. Un balance da Galicia autonómica 1981-2021», dispoñible para os subscritores de La Voz en versión dixital

30 jul 2023 . Actualizado a las 12:47 h.

O catedrático de Dereito Constitucional da Universidade de Santiago, Roberto L. Blanco Valdés, plasma nas páxinas de Os tempos son chegados. Un balance da Galicia autonómica 1981-2021 como foi o proceso de construción política da autonomía galega, sendo claves no camiño a Constitución, o Estatuto de Autonomía aprobado en 1981 e o Parlamento de Galicia. A publicación, editada polo Parlamento galego polos 40 anos da autonomía, está dispoñible para os subscritores de La Voz de Galicia nunha versión dixital

—Un avance para os subscritores de La Voz: que se van encontrar no seu artigo? 

—Como o propio título indica, A construción política da autonomía galega, é un ensaio sobre como se produce ao longo destes 40 anos a construción da autonomía galega. Explico como todo o proceso autonómico é incomprensible sen ter en conta como punto de partida a importancia da Constitución. Todo o proceso autonómico e, polo tanto, o galego, parte das previsións constitucionais. Tamén incido sobre algo que normalmente a xente dá por suposto, e é esa idea de que as nacionalidades históricas son Galicia, Cataluña e o País Vasco, o que non ten nada que ver coas previsións constitucionais. O artigo segundo fala das nacionalidades, sen definir cales son. Habitualmente, enténdese que as nacionalidades históricas son os territorios que aparecen mencionados na disposición transitoria segunda da Constitución como territorios que no pasado plebiscitaron estatutos de autonomía. Polo tanto, Galicia, Cataluña e o País Vasco. Pese a que hai moita diferenza, porque en Cataluña o Estatuto estivo vixente. No País Vasco, apenas. E en Galicia non entra en vigor como consecuencia do estalido da Guerra Civil. En realidade, a Constitución non describe cales son nin dá pistas tampouco. O único que fai é establecer que os territorios pódense definir como rexións ou como nacionalidades. A continuación, céntrome no que é o proceso de construción da autonomía galega, como se foi producindo. A acción do poder lexislativo, da Xunta de Galicia e dos órganos de control, como o Valedor do Pobo e o Consello de Contas. Para intentar que o lector vexa que isto se foi construíndo co paso do tempo, e que se inicia co Estatuto. Ten un sentido explicar isto, e é que hai quen sostén dende certas posicións políticas que a autonomía galega é hoxe, porque non se reformou o Estatuto, a mesma que cando se aprobou no ano 1981. O Estatuto é un esqueleto que hai que ir enchendo de músculo e construíndo. Non se reformou, pero a Galicia autonómica é radicalmente distinta en todos os sentidos. E iso foi en gran medida como consecuencia da acción das propias institucións autonómicas. Sobre todo da Xunta e do Parlamento de Galicia. 

—Nas primeiras liñas do ensaio menciona a Constitución como elemento clave nese proceso de construción da autonomía. Como sentou as bases? 

—Non se pode estar a favor da autonomía e en contra da Constitución. Esta recoñece o dereito á autonomía das nacionalidades e rexións no segundo artigo, e logo dedica un título enteiro, o oitavo, que é o de redacción un pouco atropelada, resultado duns pactos entre persoas que tiñan posicións moi distintas. Por unha banda, os nacionalistas, que realmente non cren na autonomía, aínda que se beneficiaron do goberno autonómico durante moito tempo. Por outra, as reticencias de UCD e Alianza Popular, e as posicións do Partido Socialista e do Partido Comunista.  Todo isto houbo que metelo nunha cocteleira e sae nun título que é o oitavo. A súa redacción é manifestamente mellorable. Pero ese título establece quen poden acceder á autonomía. Diriamos que a mención a nacionalidades e rexións no artigo segundo é puramente retórica, porque realmente quen poden acceder á autonomía son as unidades territoriais que aparecen recollidas no artigo 143. As provincias limítrofes con características históricas, económicas e culturais comúns e os territorios con entidade histórica. Logo, a Constitución determina o reparto competencial, o peche do sistema a través da cláusula de peche e cales son os órganos das comunidades autónomas. Aí, a Constitución distingue entre as comunidades que acceden á autonomía pola vía rápida, diriamos do 151, ou a transitoria segunda e as chamadas autonomías de vía lenta. Na práctica, iso tivo unha consecuencia, uns efectos moi distintos aos que prevera o lexislador constituínte ou os autores da Constitución. No ano 1981 fírmanse uns pactos autonómicos que cambian radicalmente o proxecto de desenvolvemento da Constitución. Nun primeiro momento, a idea era que ía haber tres autonomías: Cataluña, o País Vasco e Galicia. A galega inténtase rebaixar con aquelo que se chamou no seu momento o Estatuto da aldraxe. Os demais eran territorios que ían ter unha descentralización administrativa, sen órganos propios. Finalmente, fírmanse uns pactos autonómicos, que iso non está na Constitución, pero é o que verdadeiramente vai determinar o desenvolvemento do proceso autonómico. Uns pactos nos que se establece que todos os territorios van ter un Parlamento e un goberno, e iso cambia radicalmente a deriva do proceso de construción do estado autonómico en España. 

—Falaba desas dúas vías para acceder á autonomía e que Galicia seguiu a reservada para Cataluña e as tres provincias vascas. En que consistiu? 

—Isto é moi curioso. A transitoria segunda establece que accederán á autonomía por unha vía especial, que é a do 151, pero sen cumprir as condicións moi esixentes que establece ese artigo. O proxecto dos constituíntes obviamente era o de que tiveran autonomía plena o País Vasco e Cataluña. Pero se ti pos na Constitución que van acceder as que plebiscitaran estatutos, non podes excluír a Galicia. Iso xera automaticamente unha situación de discriminación. Galicia ten que entrar aí. Inténtase rebaixar a autonomía de Galicia a través do que se chamou o Estatuto da aldraxe. Iso xera un cirio monumental, manifestacións populares nas ventás con bandeiras galegas de loito. Unha cousa un pouco desproporcionada tendo en conta que logo vota moi pouca xente no referendo. 

—É certo que na cita houbo un gran absentismo. 

—Esa gran mobilización popular a favor dun Estatuto pleno ten que ver co sentimento de agravio. Pero logo o certo é que cando finalmente se aproba o Estatuto, o número de votantes é moi baixo. Creo que votaron o 30 %. Ao final, ese Estatuto corríxese. 

—Coa aprobación do Estatuto, todo comeza a coller forma. E a autonomía, aínda que se aprobara hai 40 anos, cambiou moito. 

—Claro, é que o Estatuto aprobouse hai 40 anos, pero este prevé a creación dunha serie de institucións. O Estatuto ten un efecto inmediato, que é o de crear un sistema de poderes de autogoberno en Galicia. De maneira que se crea un Parlamento galego, que elixe un presidente da Xunta e este nomea uns conselleiros. A partir de aí, comeza un camiño de construción auténtica da autonomía. O Parlamento de Galicia aprobou unha media de 40 leis por lexislatura, e son moitas lexislaturas. Aprobáronse centos de leis. Prodúcese o proceso de transferencias á comunidade. Transfírense cousas tan importantes como a sanidade ou a educación. Quen din que isto é unha mera descentralización administrativa, non saben do que falan. E a autonomía ten unha entidade política propia. Cando os cidadáns galegos votan en autonómicas, fano dunha maneira que non é a mesma que cando votan en municipais, que tampouco é a mesma que cando o fan en xerais. Por que? Pois porque hai unha dinámica política autonómica propia. 

Os subscritores de La Voz con acceso dixital teñen dispoñible a descarga do exemplar a través desta páxina web: https://suscriptores.lavozdegalicia.es/os-tempos-son-chegados/

—Cambiou tamén o comportamento dos galegos nestes anos? 

—O comportamento político dos galegos madurou, como ocorreu no resto dos territorios españois, e en calquera democracia. As grandes liñas do comportamento da configuración política de Galicia variaron menos do que cabería imaxinar en 40 anos. De feito, en Galicia dominou electoralmente a dereita, ou o centrodereita, practicamente dende o inicio da autonomía. Que pasa se imos ás eleccións municipais? As cousas cambian, pero nas autonómicas ese é o comportamento, unha gran hexemonía da dereita. O PSdeG foi variando de peso, en competición sempre co BNG. Este era un partido moi pouco relevante, e aí si que se produciu un cambio importante. Nestes momentos, o Bloque é o segundo partido de Galicia, a una certa distancia incluso dos socialistas. O Partido Socialista competiu basicamente, aínda que non unicamente, co BNG. Polo tanto, aí non houbo grandes cambios. Non obstante, se ti ves, por exemplo, o comportamento dos galegos nas xerais, pois houbo un cambio importante porque nalgunhas xerais gañou o PSOE. E nas municipais o comportamento é moi distinto. Por que gobernou en xeral a esquerda os grandes concellos de Galicia? Non sempre, pero neste caso, por exemplo, gobernan todos os concellos grandes. Dos sete das grandes cidades, son todos menos Ferrol. Pero non houbo un cambio substancial no comportamento, como en Madrid. Un territorio onde gobernaba e onde a xente votaba á esquerda e agora de xeito masivo vota á dereita. Ese cambio non se produciu en Galicia. 

—Mencionaba tamén que na aprobación do Estatuto e nos inicios da autonomía, o grao de consenso parlamentario era moi alto na aprobación de normas, con maiorías máis que absolutas, por exemplo, na da normalización lingüística, no Valedor do Pobo ou no Consello de Contas. Segue sendo así ese consenso?

—É de admirar e de aplaudir o feito de que as grandes normas de desenvolvemento estatuario, como a do Valedor do Pobo e a do Consello de Contas, se aprobaran con altos graos de consenso parlamento. Logo, na aprobación das leis ordinarias que aproba a comunidade, houbo maior confrontación. Eu creo que en Galicia, a confrontación política non chegou ao extremo da que hai en España. En Galicia houbo sobre todo unha fase de desautorización radical dos nacionalistas do feito autonómico. Os nacionalistas non aprobaron nin votaron a favor do Estatuto. Non comparten a descentralización que se produciu en España pola vía estatuaria. Eles defenderon sempre unha vía distinta que obviamente conduciría á independencia. Nun primeiro momento, foron moi críticos coa autonomía. Unha figura que diriamos que exemplifica esa confrontación é a de Beiras, moi crítico con todo o proceso descentralizador autonómico. Co paso do tempo fóronse moldeando á estrutura autonómica, aínda que eles teñen como obxectivo final a independencia. De tal xeito que ti ves hoxe o que di Pontón e ten pouco que ver co que dicía no seu momento Beiras ou outros dirixentes do BNG. É certo que ademais no nacionalismo produciuse un cambio moi grande, mentres que no espazo da dereita o único cambio é que desaparece UCD e nace o Partido Popular, que foi hexemónico durante case todo o período autonómico do Partido Socialista. No campo da esquerda nacionalista producíronse moitos cambios. E efectivamente, eles eran moi críticos coa autonomía e hoxe xa se acostumaron á autonomía. Nestes momentos, no Parlamento de Galicia non hai ni de lonxe a confrontación que existe nas Cortes Xerais. 

—Envelleceu ben a autonomía galega? 

—Si, eu penso que en termos xerais si. A autonomía desapareceu porque nos acostumamos a ela. Nos primeiros anos da autonomía, o debate era se esta era boa ou mala. Agora, ese debate desapareceu. A autonomía, nun certo sentido, consolídase porque desaparece do horizonte, no sentido de que a xente pasa a vela como algo absolutamente normal, cotián. Hai unha xeración que xa se acostumou a vivir con ela. Para eles, que haxa un Parlamento de Galicia e unha Xunta de Galicia é algo absolutamente normal. O mesmo pasa coa liberade. Pensamos moito nela cando non a temos, pero cando a temos exercémola e xa está. E isto pasou un pouco coa autonomía. Consolidouse, ao fin, e polo tanto desapareceu do horizonte de preocupacións. O que preocupa non é a autonomía, é o que se fai, se está ben ou mal. Os partidos, por exemplo Vox, que falan de suprimir as autonomías están na lúa no sentido de que isto forma parte da vida cotiá dos cidadáns. É certo que hai un debate respecto a se hai determinadas competencias que deberían estar na autonomía, por exemplo en relación coa educación. 

—Está o debate da reforma do Estatuto. Hai partidos, como o BNG e o PSdeG, que din que se quedou atrás con respecto a outras comunidades. Necesita esa reforma? 

—A reforma do Estatuto formula un problema fundamental e é conseguir un consenso. Quero dicir que nestes momentos vexo realmente difícil que unha forza como é o BNG, que é ademais a segunda forza do Parlamento de Galicia, vaia entrar nunha reforma estatuaria que satisfaga a todos. Resultaríame estraño, moi estraño, que foran capaces de porse de acordo nun novo Estatuto. Creo que esa reforma non é unha prioridade da vida política autonómica, da vida política galega. Se o Estatuto está envellecido? Ben, pois como envelleceu a Constitución. En todo caso, o Estatuto está ben. Si que é unha norma antiga, de hai 40 anos, pero non creo que haxa ningún problema importante en Galicia cuxa solución dependa de que se reforme o Estatuto. En Galicia hai problemas importantes. Por exemplo, o problema demográfico é gravísimo. Pero non depende para nada de que reformemos o Estatuto. O primeiro que hai que formular é que reformas se queren facer. Que quere vostede reformar? Non me diga que o Estatuto está antigo, dígame que hai que cambiar. A partir de aí, falamos. Nestes momentos eu non vexo ningún problema que dependa dunha modificación do Estatuto. 

—No caso de que chegase a participar neste proceso de reforma do Estatuto, que cambiaría?

—A verdade é que nestes momentos non sabería dicir que é o que habería que cambiar no Estatuto. Poderíase facer o que fixeron noutros estatutos: ser moito máis exhaustivo na definición das competencias.