Galicia enorgullécese dela, o sorriso da ciencia

Alfonso Rueda

GALICIA

Alfonso Rueda, en la entrega del premio Fernández Latorre a la científica Marisol Soengas
Alfonso Rueda, en la entrega del premio Fernández Latorre a la científica Marisol Soengas CESAR QUIAN

23 nov 2023 . Actualizado a las 17:23 h.

Presidente do Consello de Administración, Santiago Rey Fernández-Latorre. Galardoada, Marisol Soengas. Director xeral da Corporación Voz de Galicia, Lois Blanco. Director de La Voz, Xosé Luis Vilela. Director da Fundación Santiago Rey Fdez.-Latorre. Demais convidados presente.

Moitas grazas presidente e os meus parabéns a Marisol Soengas polo merecido recoñecemento.

Os nosos anfitrións nestes Premios Fernández Latorre teñen un vínculo común. Ambos son construtores de pontes que unen a mulleres e homes. Ambos traballan creando comunidade.

Existe comunidade cando somos partícipes das vivencias dos outros. Existe comunidade cando cidadáns que non viven próximos, comparten sentimentos, anhelos e inquedanzas.

Os medios de comunicación son grandes pontes que sortean obstáculos e crean un espazo común onde debater e conversar. Santiago Rey, e todos os que forman parte da Corporación Voz de Galicia, crean pontes cada día. Pontes entre o pasado de Galicia e o presente; pontes entre as moitas Galicias que forman o conxunto do noso pobo; e pontes entre Galicia, a España común, a Europa da que formamos parte, e o mundo no que os galegos temos unha voz potente e cordial.

Esa Galicia enorgullécese de que Marisol Soengas sexa un dos nosos, unha galega coma nós.

Moitos dos que coñecen a súa biografía poderían preguntarse que converte a unha nena da aldea do Monte, en Agolada, e criada en Oza e no barrio dos Castros, na Coruña, na gran referente mundial na loita contra o melanoma.

Son moitos os factores, pero entre eles compre subliñar ese espírito de equipo que aprende grazas a un profesor de EXB, e a Margarita Salas, a grande investigadora que ensina a Marisol Soengas a facerse preguntas e máis preguntas.

Poderiamos pormenorizar os seus éxitos científicos, que contribúen a que o mundo sexa mellor. Eu secundo a Ángel Carracedo que a describe como «o sorriso da ciencia que contaxia ilusión».

Marisol derrota cada día a enfermidade, e ao mesmo tempo derrota todos os días o pesimismo.

Nin a incomunicación nin a desinformación contra as que loita o bo periodismo, nin as doenzas contra as que se bate a nosa galardoada, son feitos inexorables. Podemos e debemos derrotalos para que a nosa vida como persoas e como cidadáns, sexa mellor.

Ciencia e civilización avanzan superando muros, colaborando e aplicando aqueles versos fermosos de Curros Enríquez: «Todo pra ser grande e forte se une, xunta e reconchega».

Marisol Soengas, o sorriso da ciencia, xúntanos na admiración cara os seus logros.

E esta casa da palabra que nos acolle segue facendo que ese fogar común que chamamos Galicia sexa máis grande, máis forte e máis nosa.

Moitas grazas.