O novo conselleiro de Cultura ofrece á oposición un gran pacto sobre a lingua

GALICIA

Sandra Alonso

José López Campos pide consenso en todo o que une aos galegos, e o BNG e o PSdeG advirten que os precedentes dos últimos 15 anos non son moi alentadores

20 may 2024 . Actualizado a las 18:05 h.

O ata agora alcalde da Estrada e novo conselleiro de Cultura, José López Campos, compareceu este martes no Parlamento a petición propia para trazar as liñas básicas da política do seu departamento. Unha carta de presentación na que ofreceu a todos os grupos da oposición un gran pacto pola lingua galega, como vehículo que une a todos, independentemente da súa ideoloxía. Nas vésperas do Día das Letras Galegas, López Campos pediu o consenso por enriba das disputas ideolóxicas, para preservar e potenciar un ben común. «Sei que hai cousas que nos poden afastar, pero son moitas as que nos unen: o amor que todos temos por Galicia e polo galego debe xerar consenso; apropiarse deste patrimonio sería un erro», dixo o conselleiro, quen anunciou que a Xunta, nesta nova etapa, estará ao lado de todos os sectores culturais. López Campos subliñou que agora é o momento de iniciar entre todos un gran pacto pola lingua, xa que no 2024 o plan de normalización lingüística -aprobado por unanimidade no Parlamento- cumpre vinte anos.

O novo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude lembrou que o sector cultural representa o 3% do PIB da comunidade e anunciou un plan estratéxico ate o ano 2030, ademáis dun esforzo na preparación dos anos Xacobeos 2027 e 2032. 

Mercedes Queixas, do BNG, deu a benvida ao novo conselleiro, desexándolle o mellor dos éxitos. Pero foi moi escéptica coa man tendida, sobre todo polos precedentes da Xunta en política lingüística nos últimos 15 anos.«O seu nomeamento causou curiosidade e incerteza nos traballadores da cultura pola inexperiencia da súa carreira. Compartimos a preocupación porque vostede negou o retroceso do galego en entrevistas», dixo a deputada nacionalista, quen lamentou que a equipa da consellería sexa a mesma de hai 15 años. O BNG lembrou que forma parte dun Goberno da Xunta que votou en contra do uso do galego no Congreso e en contra de impartir materias en galega na escola.

Na mesma liña, a deputada do PSdeG, Silvia Longueira, insistiu en que o novo conselleiro atopa cun esqueleto rachado como herdanza, cunha perda de galegofalantes, e cun sector cultural desatendido polo continuo descenso do investimento en políticas culturais. «En materia de lingua non fai falta inventar nada, abonda con cumplir o xa pactado», insistiu Longueira, quen lembrou a precaria situación das bibliotecas, moitas en mans dos concellos, e quen falou tamén da situación de abandono do CGAC (Centro Galego de Arte Contemporánea), unha das grandes xoias da arte contemporánea galega.