O conselleiro de Cultura ve no plan de normalización a ferramenta para atallar o «problema de uso social» do galego

Redacción LA VOZ

GALICIA

. | EUROPAPRESS

José López Campos pide falar de «puntos de entendemento» e non de «liñas vermellas» e insiste en que as competencias lingüísticas «están acreditadas»

22 oct 2024 . Actualizado a las 16:54 h.

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, avanzou este martes que espera chegar a acordos cos grupos políticos nas reunións do xoves para alcanzar un pacto polo galego ante un problema que ve «de uso social» e para o que cre que o plan de normalización lingüística é unha «ferramenta útil» para aplicar medidas. 

Primeiro reunirase co presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices, para presentarlle as liñas de traballo que quere propor; despois falará co resto das forzas políticas, PSdeG e BNG, ás que lles levará unha proposta para intentar chegar a un acordo. 

Nesa liña, López Campos lembrou que xa houbo «un gran acordo» cando se aprobou a Lei de normalización lingüística e, 21 anos despois, no 2004, «houbo outro acordo que foi importante», co Plan xeral de normalización. Agora, vinte anos despois, dixo, «danse as circunstancias para chegar a un gran acordo en materia de lingua». 

Escoitadas todas as partes, afirmou o conselleiro que coinciden en estar nun momento no que se fai necesario un novo acordo. «Falamos de que hai 20 anos, cando se aprobou o plan de normalización lingüística, non existían redes sociais nin outros tipos de comunicación, polo que creo que debemos adaptarnos a ese novo escenario, adoptar novas medidas e chegar a acordos», avanzou. 

López Campos mostrouse convencido de que é máis o que os une que o que os separa e subliñou que espera alcanzar un pacto que permita pór en marcha políticas que resolvan «un problema que queda acreditado nos datos do Instituto Galego de Estatística». Precisamente, sobre a información que deu a coñecer o IGE, o conselleiro explicou que as competencias lingüísticas «están acreditadas», pero «o problema é de uso social», onde dixo que se deben aplicar medidas. Para iso, segundo avanzou, o plan de normalización é unha ferramenta moi útil. 

«Se nos limitamos aos datos do IGE, fala de competencias perfectamente acreditadas. Di que o 95 % das persoas entre 5 e 29 anos acreditan que o coñecemento do galego téñeno no ámbito da escola. Aí queda perfectamente recollido nos datos do IGE, e dinos que os nenos na escola aprenden galego, pero socializan en castelán. A ferramenta é o plan de normalización ao que fomos capaces de chegar a un acordo, non sen dificultades», dixo.

Sobre se espera alcanzar un acordo, López Campos reiterou que agora establécese unha negociación que parte coa idea clara de poder aplicar medidas que sexan útiles e que busca que «o galego volva recuperar un espazo dominante». Por iso cre que non tería sentido falar de liñas vermellas, senón de puntos de entendemento. Tamén subliñou que a Carta Europea das Linguas pode servir como referencia, pois «fala do uso social».

Pese a que o conselleiro insistiu este martes en que manterá unha posición de negociación aberta, afirmou que «o debate da lingua estivo moi presente durante a campaña das últimas eleccións autonómicas», lembrando que o PP aposta por un modelo de liberdade lingüística fronte a outro modelo de inmersión lingüística e monolingüismo. 

Para López Campos, «a sociedade galego falou claro e deulle unha maioría absoluta ao PP». Por iso, dixo, a Xunta non pode traizoar a esa maioría social que se expresou claramente sobre cal quere que sexa o modelo lingüística en Galicia. «A partir de aí temos moitas cousas das que falar. Debemos intentar separar o uso da lingua do debate crispado. Que os políticos teñamos a capacidade de poder negociar, non é o normal, pero nós ímolo intentar para que sexa un debate enriquecedor e para que sexa máis o que nos une que o que nos separa», afirmou. 

Así, o conselleiro de Cultura insistiu en que proporá un debate serio coa idea de poder chegar a un acordo. «Non tería sentido que o próximo xoves nos reunamos sen ter intención de chegar a un acordo», rematou, antes de engadir que tamén se deben incorporar ao debate entidades e colectivos, xa que «de nada serve» un acordo se despois non hai un apoio social.