A Xunta propón aos grupos do Parlamento renovar o plan xeral de normalización no 2026
GALICIA
Pontón reproba a ausencia de Rueda e exixe derrogar o «decreto da vergoña», sobre que o PSdeG non se pronuncia
24 oct 2024 . Actualizado a las 20:39 h.Cos datos do IGE situando ao castelán como lingua máis utilizada en Galicia, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, abriron onte unha rolda de consultas cos grupos parlamentarios para firmar, no prazo de quince meses, un pacto polo idioma. «As forzas políticas souberon a importancia desta primeira achega. Hai cuestións que marcan as diferenzas entre partidos, pero todos coincidimos coa diagnose», subliñou Campos, que indicou que non haberá liñas vermellas dende o Goberno galego, se ben o BNG sitúa a súa na derrogación do decreto do plurilingüísmo, opción sobre a que o conselleiro rexeitou pronunciarse despois das reunións. Horas antes de inicialas, xunto ao presidente do Parlamento, Miguel Santalices, recoñeceu que non contempla a súa derrogación.
A gran proposta da Xunta é renovar o actual plan xeral de normalización lingüística, do 2004. «De aquí sairán as políticas dos próximos dez ou vinte anos», avanzou o conselleiro. Para iso constituiranse comisións de traballo antes de final de ano, integradas por persoas «de recoñecido prestixo» e distintos ámbitos a proposta dos grupos parlamentarios. Abranguerá aspectos como a educación, a economía, as familias ou a sanidade. Empregarase como base a enquisa do IGE sobre o uso do idioma e a carta europea das linguas rexionais do comité de expertos do Consello de Europa; este último, sinalou, cunha analise «moi favorable» sobre a situación do galego.
Mentres inician eses traballos, Campos anunciou a posta en marcha de medidas inmediatas para impulsar o neofalantismo, a aprendizaxe da cultura e idioma entre os nados fóra de Galicia e fomentar o uso do galego no eido dixital. Outros dous puntos na proposta inicial da Xunta é o compromiso de incrementar o financiamento cada ano ao longo da lexislatura, e favorecer a creación de produtos audiovisuais en galego, situando a CRTVG como «catalizador» da lingua.
Derrogación do decreto
Durante máis dunha hora estiveron reunidas co conselleiro a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e a deputada Mercedes Queixas. A presenza da líder nacionalista no cumio serviu a Pontón para iniciar a súa intervención ante os medios preguntando: «Onde está Alfonso Rueda?». Advertiu así que unha «mínima preocupación polo idioma» levaría ao presidente da Xunta a ser «o primero en querer reverter o problema».
Insistiu en que o decreto do plurilingüísmo «é un timo», xa que o único que está a lograr é unha sociedade «monolingüe en castelán», na que «os nenos e nenas de seis anos» que falen en galego serán «unha especie en extinción». Considerou que os quince meses de prazo que fixou a Xunta para alcanzar un acordo é «marear a perdiz». Pontón desenvolveu así a proposta de mínimos do seu grupo: derrogar o «decreto da vergoña», que fai que número de galegofalantes sexa «o máis baixo da historia»; recuperar o Plan de Normalización Lingüística, aprobado por unanimidade no 2004 e cuxos obxectivos están «claramente vixentes», polo que non é necesario «esperar quince meses»; e triplicar os recursos para as políticas lingüísticas. Sen a derrogación do decreto, segundo Pontón, non hai pacto posible.
Nun ton máis conciliador compareceron as deputadas socialistas Silvia Longueira e Lara Méndez. O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, estivo ausente por motivos de axenda previa á convocatoria da reunión. «É fundamental un pacto pola lingua. Queremos que se resolva esta situación, e este grupo non será responsable da despatrimonialización do galego», salientou Longueira. A responsable de Cultura e Lingua dos socialistas no Parlamento recoñeceu que o seu grupo está «satisfeito» pola convocatoria do conselleiro e avanzou que o seu partido contribuirá con «todo o galeguismo» que impregna o PSdeG.
Os socialistas descartan, polo momento, pronunciarse sobre o futuro do decreto do plurilingüismo e propoñen dotar de recursos á política lingüística e alcanzar un pacto social. «É importante que haxa consenso social e que sexa duradeiro. Non se debe xogar coa lingua», reclamou Longueira.
Pola banda do PP, o primeiro grupo co que se reuniu Campos, acudiron a exconselleira de Educación e actual deputada, Carmen Pomar, e o portavoz de Lingua, José Luis Ferro. «A lingua non debe ser un problema, senón unha ponte. Non pode ser unha arma arroxadiza», expresou Ferro.