Pontón reúne os alcaldes nacionalistas para impulsar unha alianza de concellos comprometidos co galego

Redacción LA VOZ

GALICIA

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, xunto cos alcaldes nacionalistas de Santiago e Pontevedra, Goretti Sanmartín e Miguel Anxo Fernández Lores, este xoves
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, xunto cos alcaldes nacionalistas de Santiago e Pontevedra, Goretti Sanmartín e Miguel Anxo Fernández Lores, este xoves

A rexedora de Santiago, Goretti Sanmartín, que responsabilizou a Xunta da deriva da lingua, asegurou que «este proceso de desgaleguización é totalmente reversible»

14 nov 2024 . Actualizado a las 17:07 h.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reuniuse este xoves cos alcaldes nacionalistas para impulsar unha alianza de «concellos comprometidos co galego» para servir como exemplo de «boas prácticas» ante a situación de emerxencia da lingua propia. 

A rexedora de Santiago, Goretti Sanmartín, trasladou a súa «fonda preocupación» polo panorama actual e subliñou que durante o encontro os alcaldes compartiron experiencias concretas cun «bo resultado» e coa vista posta en «tecer unha alianza».Todo isto, dixo, sendo conscientes de que a responsabilidade da política lingüística está na Xunta, «que é a que de maneira clara atenta contra os dereitos do galego e está provocando esta perda galopante».

Quen ten as competencias, os recursos e as posibilidades, afirmou Sanmartín, é a Xunta. Pero os concellos tamén son responsables da dinamización lingüística en ámbitos como o económico e o deportivo, segundo admitiu, e é aí onde o Bloque «quere poñer o seu gran de area». A alcaldesa de Santiago tamén tivo palabras de esperanza: «Este proceso de desgaleguización é totalmente reversible se aplicamos outras vontades. O galego ten uns niveis de uso que podemos recuperar». 

A portavoz nacional do BNG mostrou o seu compromiso na creación dunha «alianza municipal a favor do galego» que serva para levar a cabo «actuacións que revertan a situación tan grave que se está vivindo». Pontón pediu unha resposta clara e contundente «fronte o ataque do PP co decreto da vergoña». Para a nacionalista, os populares non queren recoñecer que a súa «política de acoso ao galego» ten unha responsabilidade directa. «Nós non nos imos cansar de denunciar ata que punto é unha situación moi grave», insistiu. 

Reivindicou que dende o BNG están sendo «moi claros sobre cales teñen que ser os mínimos» en relación a un novo decreto para o ensino e a adopción de actuacións de xeito inminente, a partir do Plan Xeral de Normalización Lingüística aprobado hai 20 anos. «Pode aplicarse xa, o único que se precisa é que nos poñamos de acordo en que medidas hai que priorizar, os prazos e os recursos», subliñou.

Pontón reclamou un novo impulso aos medios públicos na súa función normalizadora e evidenciou que as políticas públicas non se fan sen recursos. De aí a emenda que formulará o BNG para os presupostos do 2025, co obxectivo de incrementar en 30 millóns este apartado, «para a aplicación de medidas contidas no Plan Xeral de Normalización». 

Non hai conflito coa lingua, segundo o PPdeG

Pola súa parte, a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, insistiu en que en Galicia non hai un conflito coa lingua, «como pretenden trasladar os grupos da oposición». Sobre a manifestación deste domingo en Santiago en defensa do galego, Prado subliñou que o PP non ten nada que dicir ante calquera acto que se faga «con responsabilidade e respecto». O que lamentou, dixo, é que o BNG queira facer da lingua «unha ferramenta de confrontación para desgastar a Xunta». 

Lembrou que a Xunta propuxo un pacto pola lingua e que chamou a reunirse aos grupos políticos e institucións implicadas, ao tempo que defendeu a súa aposta polo «bilingüismo cordial». «Nós, como partido, somos os primeiros que queremos preservar a lingua. O Goberno ten unha Consellería de Cultura e Lingua, é o máximo expoñente de que temos un compromiso coa lingua. O que non imos asumir é o programa electoral do BNG, no que propoñía o monolingüismo e o intento de imposición dunha lingua sobre a outra», asegurou Prado.