O conselleiro de Cultura, José López Campos, destaca o clima de diálogo favorable tralo encontro cos grupos políticos por un novo pacto pola lingua, aínda que a oposición rexeita o decreto do plurilingüismo
28 nov 2024 . Actualizado a las 17:04 h.O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e o secretario de xeral de Lingua, Valentín García, reuníronse este xoves no Parlamento galego cos representantes de todos os partidos políticos presentes na Cámara co obxectivo de avanzar no novo pacto pola lingua.
López Campos anunciou que nas próximas semanas, en principio antes do 2025, crearanse 11 grupos de traballo para debater a actualización do Plan Xeral de Normalización, que xa ten 20 anos. Este será o primeiro paso dese pacto pola lingua. Aínda que non negou que hai «discrepancias» cos outros grupos políticos, o titular de Cultura subliñou que teñen «identificadas as cuestións» do seu ideario político que os poden separar, pero tamén que «cada vez son menos» as cuestións que poden impedir ese diálogo.
Nesa liña, o conselleiro mostrouse aberto a que o BNG presente unha proposta alternativa e o seu modelo, e asegurou que non modificará o decreto sen antes coñecela e discutir a súa «utilidade». Amais, insistiu en que os actores políticos deben transmitir que hai un «novo escenario» no que é preciso chegar a «acordos».
José López Campos recordou que a Xunta puxo en marcha 50 propostas inmediatas para fomentar o galego, entre elas o uso de documentación bilingüe nos centro sanitarios, o uso preferente do galego nos ámbitos do Sergas e cursos de formación de dez horas para distintos grupos de funcionarios.
Contra o decreto do plurilingüismo
Por parte do Bloque falou a deputada Mercedes Queixas, que subliñou que a revisión do plan de normalización é «insuficiente» porque aínda non se concretaron as medidas que se van adoptar de forma inmediata para fomentar o uso do galego e tampouco se presentou un «cronograma» para esas modificacións. Queixas propuxo tamén que os orzamentos do 2025 reflictan ese esforzo e se amplíen as partidas de promoción do galego, así como reiterou a necesidade de derrogar ou reformar en profundidade o decreto do plurilingüismo.
Os nacionalistas non son os únicos contrarios a esa norma. A deputada socialista Silvia Longueira insistiu en que o decreto non é «nin bilingüismo nin harmónico», en referencia a unha expresión empregada polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e tamén polo seu predecesor, Alberto Núñez Feijoo.
Longueira celebrou os avances no pacto pola lingua e que as medidas do PPdeG tenten «desactivar a caída en picado da lingua galega». Pero tamén dixo que as melloras deben ter «perdurabilidade no tempo» e insistiu en pedir que non se cuestione o patrimonio de Galicia por «diferenzas partidistas e políticas».
O deputado José Luis Ferro, do PPdeG, chamou ao diálogo e pediu «afastar por un tempo» os «conflitos e loitas» que xorden nas comisións e que poden impedir «traballar en serio» pola lingua.
Por último, o deputado do grupo mixto Armando Ojea (Democracia Ourensana) coincidiu cos outros partidos da oposición en que o decreto do plurilingüismo pode ser unha «pataca quente» e quizá teña que ser modificado, pero dixo ver ben as medidas impulsadas polo Goberno galego.