Os exdeputados Antón Sánchez e Flora Miranda súmanse a Noriega na comisión permanente de Anova
GALICIA
O órgano constituise este sábado, durante a primeira xuntanza da nova coordinadora nacional da formación nacionalista
14 dic 2024 . Actualizado a las 15:22 h.Os exdeputados no Parlamento de Galicia Flora Miranda e Antón Sánchez, o alcalde de Rianxo, Julián Bustelo, e o escritor e exconcelleiro da Marea Atlántica Alberto Lema constitúen, xunto con Martiño Noriega, a comisión permanente de Anova. Todos eles formaron parte da candidatura unitaria que, con Noriega á fronte, foi presentada para conformar en novembro a nova dirección da formación.
Precisamente durante a primeira xuntanza desa nova coordinadora nacional, celebrada este sábado en Santiago, foi elixida esa comisión permanente, que completan Antía Comesaña, Xiana López, Iván Rodríguez, Iria Otero e Paula López, e que segundo resalta a formación nacionalista, conta con «moita presenza do municipalismo».
No encontro tamén foi reelixido Noriega, exalcalde de Teo e Santiago, como portavoz nacional de Anova, e se definiron as liñas de traballo para os vindeiros meses.
Ademais, nese marco fíxose un chamamento á cidadanía para participar na manifestación deste domingo contra o proxecto que Altri quere instalar en Palas de Rei. «Non hai república, democracia nin soberanía sen combater a maior ameaza que enfronta a humanidade: a crise climática», asegurou Noriega.