Un foro do Consello da Cultura buscará «accións inmediatas» en prol da lingua
GALICIA
Un informe do observatorio deste ente incide en que as competencias no galego son máis baixas nas xeracións novas, ao contrario ca nos outros idiomas cooficiais
15 ene 2025 . Actualizado a las 19:28 h.Ofrecer medidas concretas e prioritarias en prol da recuperación do galego. Ese é o obxectivo que se marca o Consello da Cultura Galega coa posta en marcha do Foro participativo: un país coa súa lingua, que contará con seis mesas sectoriais ata xullo e que concluirá cun informe final no outono. «Os datos do IGE [referentes ao uso da lingua propia] tan negativos fixéronnos pensar que había que intervir de maneira inmediata para reverter unha situación catastrófica», afirmou a presidenta da entidade, Rosario Álvarez. Pero, pese a esta situación mala, apunta que queren colocarse «nunha situación positiva, que non buenista», apoiándose nalgunhas fortalezas do idioma, como é o caso do afecto que hai polo galego.
O proceso comezará o 17 de febreiro coa mesa «Educación e socialización», na que se abordarán cuestións como a transmisión interxeracional, os recursos educativos dixitais e a lingua vehicular no ensino. A segunda mesa, o 20 de marzo, abordará a lingua no ámbito da Administración, a Xustiza e a formación do persoal público. En abril, o día 23, a reflexión xirará arredor da sanidade, a ciencia e os servizos sociais. En maio chegará a mesa sobre comunicación, cultura e acción exterior. En xuño será a quenda da economía, o turismo e o deporte, e, para rematar, o 8 de xullo celebrarase a mesa sobre sociedade, crenzas e participación comunitaria. «Ao que aspiramos é a deseñar un modelo de accións inmediatas, prioritarias, en áreas claves que poderían ter un alto impacto social en beneficio do idioma», apuntou Dolores Vilavedra, vicepresidenta do Consello da Cultura e coordinadora do foro.
Con esta programación, o Consello da Cultura pretende «poñer o foco nos axentes, accións e ideas que xa existen e que están xerando efectos positivos a prol da lingua e dalos a coñecer». Entende que as ideas e medidas que vaian xurdindo «poderían ser de implementación inmediata» e non requirirían de accións lexislativas nin administrativas. O obxectivo «é deseñar respostas efectivas e estratexias para conseguir resultados a curto e medio prazo».
A presidenta do Consello da Cultura incidiu na complementariedade destas propostas con outras iniciativas, como pode ser a revisión do Plan Xeral de Normalización por parte da Xunta. «Pretenden sumar, non entrar en colisión nin substituír», afirmou. Engadiu que moitas das accións que xurdan dependerán da sociedade civil, outras da Xunta... «A lingua non se salva só na escola, senón na sociedade. E tampouco é só das familias, hai moitos outros factores», defendeu.
Por outra banda, o Observatorio da Cultura Galega presentou un informe sobre a situación do galego que toma como base datos dunha enquisa do Instituto Nacional de Estadística e os pon en relación co que acontece coas outras linguas cooficiais de España. Aí detectan varias singularidades do caso galego. Por exemplo, Galicia sitúase como a comunidade autónoma de España coa maior porcentaxe de poboación competente no uso da súa lingua cooficial. «É onde máis se coñece e máis se fala», resalta Håkan Casares, coordinador do Observatorio. Iso si, apuntou que, se, en xeral, son as xeracións máis novas as que mellor coñecen a lingua propia, «en Galicia pasa ao revés: canto máis nova é a xente, tamén baixan o uso e a competencia». Outra das singularidades é que no resto das comunidades o emprego da lingua cooficial medra conforme pasa de ámbitos informais a formais, é dicir, «úsase máis na escola e no traballo»; en Galicia sucede o contrario. Por último, hai dous indicadores, que desde o Observatorio consideran que teñen que ver co prestixio, diferenciadores: noutros puntos hai máis uso da lingua propia canto máis nivel educativo e ingresos; en Galicia, ao contrario, o maior uso do galego dáse nos niveis máis baixos.