As peñas Alvelo e Sergio Álvarez pagan o seu autobús a Balaídos sen axuda do Celta e non faltaron este xoves malia a distancia, o custo e ser día laborable
29 oct 2021 . Actualizado a las 15:54 h.Abdón Santos, da Peña Alvelo de Ribeira, saíu da casa ás 16.15 horas do xoves para comezar o seu periplo rumbo a Balaídos e regresou arredor de sete horas máis tarde. É só un exemplo, minutos arriba minutos abaixo, que comparten outros 30 peñistas máis da peña fundada en 1988. Desde hai un par de tempadas, comparten autobús con integrantes da Peña Sergio Álvarez de Catoira e xuntos volveron emprender camiño a Vigo para presenciar in situ o partido fronte á Real Sociedade. Sen importar que nin a distancia á que están, nin o encontro en día laborable nin moito menos o tempo axudasen.
Outro factor a ter en conta é o desembolso que lles supón, xa que, aínda que están en trámites para ver se o club axuda a financiar o desprazamento, a día de hoxe son eles os que o custean. «Desde a pandemia non cobramos cotas entendendo a situación da xente, e nesta última viaxe cubrimos xustos, perdemos un euro. Pero claro, é que pagamos oito euros, non dous nin tres», indica. No seu caso persoal, ao querer ir xunto cunha sobriña que non é abonada, máis el e súa filla, o gasto dispárase. «Son dous abonos pagados, pero entre os 30 euros da entrada, 24 de bus dos tres, o bus para ir ata o pobo, uns bocatas... Por 100 euros andou a cousa», calcula.
Santos cría que para este partido, con tantos factores en contra, apañarían cun minibus ou mesmo que non darían enchido nin así. «Está moi ben para as condicións que era. Sempre hai que andar detrás da xente para que se anime e era un día difícil. Normalmente enchemos ou imos 40 largos como pouco», conta en referencia aos partidos en horarios máis accesibles para a maioría.
Todo, sen os que considera que son os apoios necesarios por parte do Celta. «Os que estamos fóra botamos de menos ese apoio do club: unhas entradas, que nos poñan o bus... Algunha axuda», reivindica. Nese tema, o requisito é ter un número de abonados ao que non chegan por pouco. «Seica é para garantir que vaia ir xente, pero no noso caso, demostrámolo pagando agora oito euros. Se imos pagando unha pasta, máis iriamos de balde», afonda.
O traxecto da viaxe é de hora e media e a unión coa Peña Sergio Álvarez xurdiu por cuestións xeográficas. Con flutuacións segundo o partido, as dúas agrupacións aportan afeccionados ao autobús de maneira bastante equilibrada. «Vimos outras opcións, pero eran peñas que se tiñan que desviar moito. Catoira queda de camiño. Ao principio chocoulles», revela ao tempo que afirma que a idea está funcionando moi ben. Tralos partidos adoitan agardar unha media hora para partir, esperando que se desconxestione o tráfico: «Para esta media hora en Rande, mellor tomando unha caña. Aí xa se vai a volta ás dúas horas, pero xa por culpa nosa», di.
Aínda que as xeiras de resultados sempre teñen incidencia no número de persoas que se animen e a vitoria en Xetafe axudou, a meirande parte dos peñistas que enchen o bus levan ben a viaxe de volta tamén nas derrotas, coma onte. «Quitando os nenos fillos de peñistas, eu debo de ser oma´s novo e os fundadores seguen e son os que van sempre. Somos tranquiliños nese sentido. Imos falando e comentando as xogadas, tanto se se gaña coma se se perde», precisa. E evoca os cinco anos de Segunda, etapa na que seguiron sendo incondicionais.
Esa fidelidade deu pé nesta xornada tamén a algún caso curioso. Porque houbo quen non puido sumarse por motivos laborais e tamén quen forzou ao máximo para poder conseguilo. «Collemos a unha rapaza de A Pobra que deixou o coche nunha área de servizo e pediu por favor que a foramos coller alí». Outro exemplo que responde ao que dicía a peña Alvelo desde a súa conta de Twitter: «Apertas a todo o celtismo que, coma nós, se mete un tochazo de quilómetros para logo xuntarse aos do pobo e collermos xuntos unha molladura (por dentro e por fóra) e deixar a gorxa animando aos nosos. E logo de volta, perdendo pero agardando con ansia a seguinte viaxe. NÓS SOMOS O CELTISMO!!».