Músicos celtistas buscan clips de vídeos da afección para unha peza polo centenario
GRADA DE RÍO
Jairo Daponte encabeza un proxecto que esperan que vexa a luz o vindeiro 23 de agosto
12 ago 2023 . Actualizado a las 10:02 h.Titúlase Fillos de Breogán e a intención é que vexa a luz o vindeiro 23 de agosto. Un grupo de músicos celtistas, con Jairo Daponte á fronte, reuniuse para crear unha peza coma homenaxe ao Celta polo seu centenario para a que buscan colaboración do conxunto da afección. En concreto, lanzaron un chamamento para poder obter clips e vídeo que poden ser de previas, viaxes, no estadio ou onde se queira, sen importar formato nin duración. «Os únicos criterios son emoción e celtismo», din nun texto dirixido á afección. Poden enviarse a jdapontecampos@gmail.con, preferiblemente antes do 19 antes, aínda que agradecen que sexa canto antes.
Daponte preséntase como socio do Celta de toda a vida, membro da peña Irmandiños 1923, mestre de Música en Primaria e integrante de varias bandas en Vigo como Dysnomia, Sans Soleil, Unliving Sin ou Abrigo. Súa é a idea desta peza que se atopa en plena gravación agora mesmo, polo que hai detalles que aínda prefire non dar. El compuxo o tema, mentres que da produción, da mezcla e do vídeo encárgase Héctor Rodríguez, que tocou con el en Unlibing Sin e é o líder de Lontreira.
Ademais, participa na parte musical o seu excompañeiro en Sans Soleil Lucas Roca. «As voces van a ser unha masculina e outra feminina tamén de bandas de Vigo», sinala. Prefire non revelar as súas identidades por non estar aínda gravadas -prevén facelo a próxima semana-. Serán en todo caso, cinco músicos con idades comprendidas entre os 22 e os 35 anos. Si detalla que el se encarga da guitarra e súmanse «frauta, da que se encarga Lucas; teclados, con Héctor, e percusión tanto tradicional coma moderna, así coma algún arranxo máis moderno».
Daponte define a composición como «unha canción bastante clásica, pensada para ser moi cantable, que comeza de xeito máis ben relaxado e vai crecendo ata un final a coro buscando emular os cánticos do estadio. Na letra hai pequenas referencias a varios dos cánticos de Balaídos». No que se refire ao vídeo, debido á falta de tempo e medios, a idea é que consista neles «tocando o tema intercalado cos clips de vídeo» que están a solicitar á afección, mesmo algúns gravados por eles mesmos e algún detalle que poidan gravar a maiores.
No texto publicado este venres queren deixar ben claro que o seu proxecto «non busca competir con Oliveira dos cen anos nin con ningunha outra das cancións sobre o Celta que sairán». O único que pretenden é «unha homenaxe ao equipo de afeccionados e para afeccionados». Tamén deixan claro que non existe ánimo de lucro nin tampouco relación oficial co Celta.