O sexteto vigués presenta o seu proxecto como «unha oda musical á paixón celtista» no que colaboran Manolo, Sergio Álvarez e un coro de case 70 artistas.
17 ago 2023 . Actualizado a las 10:38 h.O sexteto vigués Xhamain súmase con A Nosa Canción ás composicións xa viron e verán a luz estes días con motivo do centenario do Celta, efeméride que se celebra este vindeiro mércores. No seu caso, veñen de reamatar a gravación dun traballo que conta coa colaboración dos emblemáticos ex xogadores da entidade viguesa Sergio Álvarez e Manolo nun videpclip cheo de sorpresas, avanzan. O que quixeron foi facer «unha homenaxe á apaixonada afección do RC Celta».
A colaboración dos dous exfutbolistas, con cuxa predisposición e vontade de axudar quedaron abraiados os artífices do tema, pensan que quedan perfectamente reflextidos «a historia e o orgullo do clube, reforzando a conexión entre a música, o fútbol e a cidade». Engaden que tanto no vídeo coma no propio audio da canción se pode gozar das voces de case 70 artistas que se unen de xeito coral para entoar «unha das partes máis emocionantes da canción, transmitindo a sensación de estar no propio estadio. Todo isto a un tempo de 192,3, unha referencia ó ano da fundación do clube», detallan.
As peñas celtistas tamén son unha parte importante, pois representantes de varias delas aparecen pasándose un balón que vén desde unha nena xogando soa, compartindo a súa paixon con elas e con Manolo, para rematar aparecendo no céspede de Balaídos n«un final memorable con Sergio Álvarez», avanzan. Os emprazamentos escollidos para a gravación non foron aleatorios, senón que se trata de lugares emblemáticos de Vigo, como Praza de América, A Guía e O Castro, aparte do estadio. Desta maneira buscan «conectar a paixón pola música co amor polo deporte e polo patrimonio».
Para celebrar o lanzamento, Xhamain presentará o vídeo de A Nosa Canción na Cervecería Picoteo (Rúa Eugenio Kraff, 50 - Vigo), este venres, 18 de agosto, ás 22.00, coa entrada de balde. Será publicado simultaneamente na súa canle de YouTube: youtube.com/@xhamain. Todo o celtismo está convidado a esta cita que, subliñan, «non deixará a ninguén indiferente».